30.9.06

Fósil de Zifio (30/09/2006)


O sábado día 30 a “Pescadería Lano” fai entrega á SGHN dun fósil de cetáceo, recollido nas redes do barco rampleiro “Richard” con base no porto de Cedeira, que faenaba no caladoiro de A Selva. O exemplar fósil atopado (un cranio completo) corresponde a unha especie da familia dos zifios. Esta familia deriva dos Basilosaurios e se conforma como tal no período mioceno temperán (fai uns 20 millóns de anos), nembargante, o exemplar entregado á SGHN (pendente de datación) podería ser do mioceno tardío o plioceno (entre 5 e 10 millóns de años). O seu achado prodúcese nunha zona cun xacemento de gran calidade paleontolóxica e nada estudiado debido a o seu difícil acceso, xa que se atopa a uns 300 metros de profundidade do caladoiro coñecido como A Selva. De este lugar chegan frecuentemente restos de arqueocetos (cetáceos primitivos) como fai uns años chegou una mandíbula de un squalodon de aproximadamente uns 15 millóns de años. O estudio paleontolóxico sobre cetáceos es escasísimo e o existente ata agora procede de xacementos que hoxe en día están en terra firme como Pakistán ou a Patagonia. O feito de ser este un xacemento mariño adquire certa relevancia e que é de grande importancia científica para o coñecemento da historia natural. A peza, que chegou nun excelente estado de conservación, aínda que fragmentada en tres partes, está en proceso de recuperación y restauración para ser exposta no “Museo da Natureza” da entidade.

Etiquetas: ,

Encontro sobre o Lobo Galego – Castelo de Santa Cruz (30/09/2006)




O Sábado, 30 de setembro, celebrouse no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) un encontro para debater o borrador do “Plan de Xestión do Lobo en Galicia”, organizado por ADEGA coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e do CEIDA. A exposición, antes de iniciar o debate, correu a cargo de Felipe Bárcena, coñecido e valorado estudioso dese tesouro animal que é o lobo.
O “Plan de Xestión do lobo en Galicia” sométese a información pública e audiencia por resolución do 8 de agosto de 2006, durante un prazo de corenta días para formular alegacións.
No ano 2003 se inicia a elaboración dun primeiro borrador pola Consellería de Medio Ambiente, obtido o cal se somete a discusión con todos os sectores sociais, para o que se crean mesas sectoriais, con Investigadores e Xestores, Institucións, Gandeiros, Cazadores e ONG, que se desenvolveron ao longo do mes de Abril de 2006. En ditas mesas se presentou o Plan de Xestión e se detallaron as actuacións, dando lugar logo a comentarios e contribucións.
O Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, asistiu na nosa representación á reunión da mesa sectorial ONG, que tivo lugar o día 27 de Abril no edificio Administrativo da Consellería de Medio Ambiente. O representante da SGHN amosou a súa discrepancia con determinados aspectos do modelo de xestión proposto, considerando que a información dada sobre o lobo en Galicia non é suficiente para abordar un plan de xestión e que as directrices deste se refiren só ao aproveitamento cinexético ou a medidas que perseguen a reducción das poboacións.
Segundo a postura da SGHN, faltan directrices para o mantemento das poboacións silvestres nuns niveis adecuados que busquen equilibrio entre conservación e aproveitamento.
As alegacións da SGHN a este “Plan de Xestión” dunha maneira sintetizada veñen a incidir sobre:
- Cuestionar o estatus e dinámica poboacional da especie.
- Considerar que a distribución da especie e de mandas non son coherentes.
- Afirmar que os índices casuísticos de mortalidade son parciais.
- Denunciar que a disponibilidade real dos recursos tróficos é insuficiente e cos enunciados no plan son en parte erróneos.
- As interaccións co home citadas son incompletas ou pouco rigurosas, xa que non se contempla o gando mostrenco, ademais de discrepar cos datos de expedientes de danos á gandería.
- O borrador presentado refírese só ao aproveitamento cinexético por parte das sociedades de cazadores e á reducción das poboacións pola gandería.

Na exposición do día 30, Felipe Bárcena tamén discrepa co borrador do Plan de Xestión en moitos puntos, en canto parece estar fundamentado nun descoñecemento sobre a realidade do lobo e que todo o plan está baseado na cuestión cinexética. Expuxo ao seu xuízo cal é a problemática do lobo en Galicia, que resumindo podería sintetizarse nos seguintes puntos:
- Escaseza de alimento
- Excesiva presión cinexética
- Batidas utilizando cans e sofisticados medios técnicos que fan da caza un asasinato planificado.
- Caza indiscriminada de sexos e idades
- Autorizacións de caza por riba da capacidade dos cotos
- Calendario de caza moi extenso
- Competencia cos cans

Etiquetas:

27.9.06

PEIXE CRAVO (Ruvettus pretiosus) (27/09/2006)


Este exemplar de PEIXE CRAVO (Ruvettus pretiosus) de 66 cm de longo procede do caladoiro da Selva. Levado ao Porto de Cedeira, foi entregado á SGHN pola "Pescadería Lano" do Mercado Central de Ferrol. Pertence á familia Gempylidae, que ten tan só dúas especies nas nosas costas. Pode chegar ata os dous metros de lonxitude. Este peixe ten unha distribución ampla, pódense atopar dende o norte de Europa ata os trópicos. Peláxico, entre 180 e 700 metros de profundidade, pode ser oceánico aínda que é máis frecuente no límite da plataforma continental. Aliméntase de peixes e cefalópodos. Ten por toda a pel tubérculos óseos con dúas ou tres espiñas, dirixidas cara atrás e ásperos ao tacto. O corpo é fusiforme, ten un fociño apuntado e a boca grande, coa mandíbula inferior forte e lixeiramente proxectada. Posúe dentes en ambas mandíbulas. Na superior presenta unha segunda ringleira de dentes nos palatinos e dous caninos por hemimandíbula na parte frontal ou vomer. Para o “Museo da Natureza” se conservou deste exemplar, pel curtida e o esqueleto completo.

Etiquetas: ,

26.9.06

“Culcita macrocarpa” ameazada por talas nun afluente do Río Castro (Serra do Forgoselo) - (26/09/2006)


A finais do mes de xullo, membros de Sociedade Galega de Historia natural detectaron no canle dun afluente do Río Castro na Serra do Forgoselo (Concello de San Sadurniño), talas a matarrasa que afectaban a varios pes do fento “Culcita macrocarpa”. Presentouse a correspondente denuncia á Delegación de Medio Ambiente, comunicándolles a urxencia da intervención, dada a situación na que quedaron ditos fentos. Ante a falta de actuacións, repítese a denuncia a principios de Setembro e se fai fincapé en que é precisa unha rápida actuación. O día 18 de setembro acudimos ao lugar xunto cun axente de Medio Ambiente da Xunta, que levanta acta dos danos. O día 26 repítese a visita con axentes do SEPRONA, que despois de recoñecer o lugar fan tamén a correspondente denuncia.
A tala ilegal arrasou a vexetación ata a mesma beira do río, deixando a canle totalmente desprotexida, co perigo que supón para a estabilidade dun ecosistema tan fráxil como son as ribeiras e para a supervivencia de especies tan emblemáticas como a “Culcita macrocarpa”, recordemos que este fento é un relicto mesozoico, cunha distribución limitada á costa atlántica na zona de Alxeciras, escasas zonas da Galicia atlántica e algúns puntos da costa cantábrica. A súa principal área é macaronésica (Canarias e Azores). Precisan para subsistir ambientes moi húmidos e abrigados en latitudes baixas. Está incluída na lista vermella de especies en perigo e protexida pola Directiva Hábitat. Neste delicto medioambiental destrúense non só a “Culcita macrocarpa”, especie de por si suficiente para protexer a zona enteira, senón outras especies de fentos como a “Woodwardia radicans”, ademais da esquilmación da fraga. Desexaríamos que se puxera fin a esta desprotección das xoias botánicas que aínda nos quedan e esto pasa por apostar firmemente polos bosques autóctonos, defendendo os que quedan e potenciando outros, antes de que sexa xa irremediable.

Etiquetas: ,

"Culcita macrocarpa" - (26/09/2006) - (FOTOS DA ZONA)



Etiquetas: ,

25.9.06

Adeus a "MUXIA"



O día 25 de setembro, ás sete da mañá, deixounos a foquiña "MUXIA" que durante vinte e dous dias foi a nosa principal preocupación. Xornadas de coidados e atencións veterinarias dirixidas a súa pronta recuperación ocuparon moito do noso tempo, tanto de aqueles que estábamos máis preto dela, como o de outros compañeiros da SGHN e da CEMMA que se achegaron para prestar a súa axuda. No porto de Marín a espera o "Ferreira Martínez" e a súa tripulación, que a levará preto das augas nas que naceu. Nin se decata que esta é unha viaxe á liberdade. Atrás quedamos nós e o espacio que deixou. O recipiente de plástico, agora baleiro, no que pasaba as horas, mal substituto dese océano que nas focas de Capelo constitúe toda a súa vida. Aqueles ollos, tan grandes, pendentes dos nosos movementos. Esperando o peixe, sempre con ansiedade e con moita fama. Foron xornadas de intensa convivencia co animal, tendo medo primeiro de que morrera, logo de que non se recuperase debidamente e agora de que o seu reintegro ao mar e a súa vida futura nel, sexan duros. Desexamos que o tempo que lle reste, viva nun mundo digno para todos os animais e para os homes.
Podedes ver un reportaxe realizado por el diario dixital EL MUNDO, que recolle a historia de MUXIA dende o momento no que foi atopada, picando no seguinte enlace.
http://www.elmundo.es/elmundo/2006/graficos/sep/s3/muxia.html

Etiquetas:

24.9.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (24-setembro-2006)

Etiquetas:

De crisálida a imago (Stauropus fagi)


Nestas páxinas, o día 9 de agosto, comentábamos o bo éxito que estaba a ter a cría dunha bolboreta, a Stauropus fagi. A súa eiruga completara o desenrolo, chegando ao delicado momento da crisalidación. Esperábamos que emerxera en xullo, pero a alta e constante temperatura do interior da caixa de cría probablemente acelerou o proceso, xa que o imago (adulto) emerxeu de entre os pregues de dura seda que protexían á crisálida na noite do 23 ao 24 de setembro. Amosamos unha foto do adulto.

Etiquetas:

23.9.06

25 anos do Parlamento Galego (MAIS FOTOS)





Etiquetas:

25 anos do Parlamento de Galicia - ILLAS CIES


Con motivo da celebración do vinte e cinco aniversario do Parlamento de Galicia, a Cámara, coa intención de promulgar o diálogo entre a cidadanía e dentro dun ciclo itinerante dedicado a sete temas de relevancia no marco de sete cidades galegas, convocou o día 23 de setembro a diferentes grupos, ONG e personaxes relacionados dalguna maneira co medio ambiente, para participar no evento "Reflexión, Responsabilidade, Reacción. Diálogos sostibles". A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) participou con quince asistentes, desprazados ata Vigo, coa vontade de colaborar en calquera iniciativa enfocada á defensa e conservación do noso medio común. O "Mar de Ons" trasladou aos participantes ata as Illas Cies, o noso único Parque Nacional, bandeira da reivindicación daqueles outros espacios que teñen méritos de sobra para alcanzar unha protección digna que os afaste da paulatina degradación.
Os actos iniciáronse cunha acción simbólica de defensa das dunas no areal de Rodas, que une a illa de Monteagudo coa de Faro, na que os participantes formaron unha cadea que rodeaba o sistema dunar a modo de barreira humana, mentres o fotógrafo Mani Moretón inmortalizaba o momento cunha serie de fotografías. Preto das 12:30 horas e no mesmo areal usado de escenario, organizouse un espectáculo de máscaras, mimo e danza intercalando diferentes discursos sobre o coidado da auga, o aire, a terra e o sol, que remataron coa intervención da Presidenta da Cámara, Dolores Villarino. Este acto foi retransmitido en directo pola televisión galega.
É este un bo momento para reivindicar o máximo coidado hacia o medio ambiente, xa non só coas dunas das Illas Cies, senón con todos os sistemas dunares do noso litoral, dos que xa se perderon o 75% nos últimos anos, froito do descoñecemento tanto dos políticos como da poboación en xeral. Aínda hoxe o home e a muller da calle non deixa de ver nas dunas un amontoamento de area, sen decatarse da súa importancia vital. Reivindicamos dende esta páxina a total protección das poucas dunas que nos quedan, empezando, ¡por que non! polo exemplo das Cies, dando pasos fundamentais como prohibir o acceso a elas e solucionar o problema dos cigarros ou cabichas que a maioría dos fumadores deixan baixo a area, algo que lamentablemente vimos na nosa estancia nas Illas. ¿Por que non prohibir fumar nas Illas Cies?. Decisión valente pero necesaria, xa que é imposible controlar aos moitos fumadores que non fan adecuado uso dos restos do seu vicio.
En canto á botánica, sinalar o recente e desgraciado suceso que permitiu que unhas obras de "acondicionamento" do solo que rodea ao faro das Illas, enlousara a poboación da "Herba da agulla" (Erodium maritimo). Temos que recordar que nesta Illa existían tan só 32 exemplares desta planta que coas 240 de Teixido en Cedeira, formaban as únicas poboacións desta especie en Galicia, especie que se atopa ameazada e que está incluída no "Libro Vermello da Flora Vascular ameazada de España" e presente en poucos puntos máis do Mediterraneo, sendo escasa tamén no resto de Europa.
Por último citar tamén aos eucaliptos que en número de 100.000 foron plantados nas Illas Cies, con moita alegría, nos anos 50 do século pasado e que tan difíciles son de erradicar agora. Esperamos e desexamos que estes actos simbólicos da Cámara galega sirvan para concienciar á sociedade en xeral sobre a necesidade de protexer o noso medio.

Etiquetas:

22.9.06

Unha chamada á sensibilidade




Cumprido xa o ano, dende que a Sociedade Galega de Historia Natural iniciou unha campaña contra a utilización de dispositivos para impedila mobilidade de animais en réxime de semiliberdade na Comunidade Galega, queremos facer un recordo a esta problemática que segue aberta, aínda que nestes momentos nos consta cás autoridades policiais e mesmo a Xunta de Galicia teñen conciencia da situación e se están a tomar medidas para combater este delicto. Delicto é "Maltratar ou agredir físicamente aos animais ou sometelos a calquera outra práctica que lles supoña sufrimento ou danos inxustificados", tal e como dí o artigo 30 do Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993 de "Protección aos animais domésticos e salvaxes en catividade" e que prohibe "O uso de toda sorte de dispositivos que, destinados a limitar ou impedir a mobilidade dos animais, lles produzan a estes danos ou sufrimento innecesarios".
A denuncia se iniciou con oito puntos de infracción nos concellos de Alfoz, San Sadurniño (Neda), Lousame (Rianxo), As Pontes, Ferrol, Cedeira e Vimianzo. En todos eles se repetía a constante dun animal que portaba unha ou dúas trabas nas súas patas dianteiras. Pero ¿qué é unha traba?. A traba é un mecanismo que tenta reducir a mobilidade dos cabalos que viven en liberdade nos montes galegos, formado por unha gran peza de madeira, dende 50 centímetros ata un metro de lonxitude e cun considerable peso, como se pode deducir. O animal, disminuído, case non pode desprazarse, sendo víctima frecuente e fácil dos ataques de lobos e de atropelos nas estradas. Limitado para ser el mesmo e utilizar as súas áxiles patas que se van atrofiando co tempo. A triste imaxe dun animal arrastrando as extremidades entre a vexetación do monte e avanzando centímetro con gran dificultade, pon os pelos de punta a calquera que teña unha mínima sensibilidade.
Deixamos como mostra e para que non se esqueza a loita para erradicar este uso, as imaxes dunha femia coa súa cría, inútil para defender ao pequeno animal e a dun macho "castrado" no seu movemento, que segue a duras penas ao resto da manda.

Etiquetas:

20.9.06

Foca de Capelo MUXIA - Un baño ao grande (20/09/2006)



O próximo luns marchará do noso lado MUXÍA. O mesmo barco, o "Ferreira Martínez" que levou a Seixo devolverá a súa casa a esta foquiña que viaxou tantas millas ata chegar as nosas costas. Para comprobar que a súa situación física é a correcta e devolverlle algo da axilidade perdida, montamos na UCI de Lobos Mariños da SGHN unha pequena piscina. O procedemento a seguir, ata de agora e cós Lobos Mariños Cincentos, era o de levalos ao Acuarium Galicia, para que pasaran a última etapa de recuperación no medio acuático. No caso das Focas de Capelo non é viable, xa que estos animáis precisan baixas temperaturas, tanto ambientais como na auga. A solución da piscina portatil foi case un experimento, que nun principio dubidábamos que funcionase, dada a fraxilidade da estructura, una de tantas piscinas que se venden para os nenos nos centros comerciais cando chega o verán.
Aínda case non empezáramos a enchela, Muxía botouse dentro con evidente curiosidade e coa preocupación pola nosa parte de que non mordera as lonas e demais compoñentes dun demasiado delicado artefacto, non apto para lobiños de tantos quilos de peso e con tanta enerxía.
Funcionou, ¡e moi ben!. A medida que a balsa enchíase e o animal flotaba, comezou unha serie de movementos que deixaban claro co seu hábitat está na auga. Un pracer que lle vai durar tan só unha xornada, o tempo que podamos estar xunto a el vixiando que ningún accidente enturbe unha recuperación tan boa. Mañá todo volverá á normalidade, nese espacio medio mollado, medio seco, no que podemos atenderlle adecuadamente as feridas. Se todo segue así de ben o luns despediremos a Muxía.

18.9.06

"A limpar o mundo" - Mugardos




O 17 de setembro a Sociedade Galega de Historia Natural , xunto coa Sección de Mergullo do “Club do Mar” de Ferrol e a do “Club Nautilus” de Fene, que xuntaron entre os dous vintetrés mergulladores, realizaron unha vez máis unha limpeza dos fondos mariños, dentro da campaña “A limpar o mundo”, esta vez no Porto de Mugardos. Dende terra participaron en total vintedous voluntarios, tanto da SGHN, membros de ADEGA e outros colaboradores que se xuntaron na tarefa de sacar lixo do mar. Segundo os mergulladores botaban fora da auga os refugallos, os compañeiros que traballaban dende terra seleccionaban o recollido, devolvendo ao mar aqueles animais que quedaran atrapados entre os desperdicios. Ao remate da tarde, a tarefa finalizou con un total de unha tonelada e media de lixo retirado do mar.

Etiquetas:

17.9.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (17-setembro-2006)

Etiquetas:

16.9.06

Unha quenlla BOCADOCE en Camariñas (15-09-2006)







O venres, 15 de setembro, recibimos un aviso da CEMMA da aparición dunha quenlla que quedou apresada las redes da parella de arrastreiros "Coral" e "San Martín", con base en Ribeira. Os barcos estaban faenando na zona coñecida como "Chan de Touriñán". O tabeirón foi descargado no porto de Camariñas e os primeiros datos que se nos ofreceron forón o seu gran tamaño e a forma dos seus dentes.
Coas características ofrecidas se pensou que moi probablemente podería tratarse dun "Bocadoce" (Hexanchus griseus) ou "Cañabota" en castelán , determinación que se puido certificar nada máis chegar ao porto onde se atopaba o animal.
Tratábase dune xemplar de 4,50 metros de lonxitude, tamaño excepcionalmente grande, tendo en conta que esta especie pode chegar como máximo aos 5 metros e con máis de 400 quilos de peso. Unha femia preñada, que ao ser izado o seu corpo xa morto, pariu 6 crías vivas que foron devoltas ao mar. Este animal é ovovivíparo con camadas numerosas de ata 70 fetos. Ademáis das 6 crías vivas apareceron 31 máis, mortas, no seu interior, cun tamaño entre 69 a 76 centímetros, cada unha.
Esta quenlla ten seis ringleiras de dentes similares. A mandíbula superior presenta dentes máis pequenos e curvos, cunha soa cúspide Aliméntase doutros peixes de gran tamaño como bacallaos e quenllas, servíndose dos seus eficaces dentes cos que pode cortar a presa en anacos. Consume tamén presas pequenas como luras, cangrexos e peixes que inxire enteiros.
A súa distribución é ampla, practicamente en tódolos oceános do mundo, entre os 200 e os 1.800 metros de profundidade, en augas tépedas e frías. Ten seis fendeduras branquiais e ollos fluorescentes. De aspecto moi robusto, se pode atopar preto da superficie pola noite.
Ademais da biometría do especime, recolléronse algunhas das crías, anacos de pel e fígado e a súa gran cabeza, da que se tentará recuperar o cranio e as mandíbulas para a súa exposición no "Museo da Natureza" da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Etiquetas:

15.9.06

"As quimbambas" da Radio Galega dende a SGHN


O xoves, 14 de setembro, a Radio Galega desprazouse ata a Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol para facer en directo parte do seu progama “As Quimbambas”. A transmisión fíxose dende as instalacións para coidados intensivos de Lobos Mariños, anexa ao “Museo da Natureza”.

No programa participaron Juan Ignacio (o noso Coordinador para os Mamíferos Mariños e para o Museo da Natureza), Alfredo (Presidente da CEMMA) e Paulino (Delegado da SGHN en Ferrol), coa colaboración especial de MUXIA, a foca de cápelo que está a ser recuperada, afortunadamente con éxito, nas nosas dependencias.

Podedes escoitar a intervención, que durou uns 18 minutos, si acudides á seguinte dirección http://www.cemma.org/

Etiquetas:

12.9.06

PALLEIRA RABILONGA (Stercorarius longicaudus) – (12/09/2006)


O día 12 de setembro foinos entregado o cadáver dunha Palleira Rabilonga (Stercorarius longicaudus), en castelán Págalo Rabero, atopado na praia de Doniños. Este é o Págalo máis pequeno. A súa distribución é circumpolar e inverna no mar. Pasa cara ao sur en outono, fronte ás costas atlánticas de Europa. Se alimenta de Carráns e de peixes e na época de cría depende dos lemings.

Etiquetas:

11.9.06

Roteiro Renovables 2006




O grupo ecoloxista Greenpeace organizou a marcha “Ponte en camiño – Roteiro Renovables 2006”, unha aposta reivindicativa a favor das enerxías renovables, en detrimento das enerxías sucias, na que se pide ás compañías eléctricas que promovan proxectos para potenciar outras enerxías como a eólica mariña ou a solar temoeléctrica e aumente os recursos destinados a elo.
O roteiro, do 11 ao 22 de setembro, fai o seu percorrido dende A Coruña ata Donostia.
Galicia acolle tres centrais térmicas: As Pontes, Meirama (Ordes) e Sabón (Arteixo) todas na provincia de A Coruña. Desta cidade partiu a marcha e o mesmo luns 11 de setembro chegou ao porto de Ferrol, onde os veleiros foron recibidos no peirao de Curuxeiras, coa música do gaiteiro “Tonacho” e a presencia de membros de SGHN, Verdegaia, Adega e outros moitos grupos e clubs deportivos, culturais e persoas, que quixeron prestar o seu apoio a este roteiro.
A “Cooperativa Xoaniña” e a Asociación “Os Picos do Sol” colaboraron de maneira especial elaborando unha comida para os participantes en el Tour. Rematada esta, a marcha continuou en bicicleta ata as Pontes, onde se atopa a Central Térmica de ENDESA, a maior de España e que mais emisións de CO2 emite no noso país, ocupando o quinto lugar en Europa. A concentración no Concello de As Pontes tivo lugar ás 20,00 horas, como reivindicación a favor das enerxías renovables e da aprobación dun Plan Nacional de Asignación de Emisións que asegure que España cumpre có Convenio de Kioto.
A Sociedade Galega de Historia Natural xestionou neste acto o atraque dos barcos ao peirao de Curuxeiras coa inestimable colaboración da Autoridade Portuaria do Porto de Ferrol.

Etiquetas:

10.9.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (10-setembro-2006)


Etiquetas:

As Cabazas, vertido ilegal no humidal (10/09/2006)


O pasado 10 de setembro é detectado por membros da SGHN e VERDEGAIA, un vertido de cascallos no extremo norte do humidal das Cabazas.
A descarga ilegal de entullo foi denunciada por ambas Asociacións á Delegación de Medio Ambiente e ao SEPRONA, que enviaron axentes para que fixeran a correspondente toma de datos e denuncia.
O espacio de As Cabazas atópase pendente de conseguir a categoría de Humidal Protexido por parte do Parlamento de Galicia (espérase que ocorra en próximas datas). Os terreos serán adquiridos pola Demarcación de Costas.

Etiquetas:

Sete días con MUXÍA


Este sábado se cumpren sete días dende que MUXÍA chegou ás instalacións da SGHN para recuperación de lobos mariños. A súa evolución e a das súas feridas é boa. Os amosamos unha foto moi recente do animal.

Etiquetas:

5.9.06

Evolución de “MUXIA”




Transcorridas as corenta e oito horas dende que o animal chegou as instalacións da UCI para lobos mariños e pese ao lamentable estado que presentaba a foquiña inicialmente, a súa evolución é moi favorable. Despois de pasar este tempo con auga, suero e iogur, amosou unha maior actividade e enerxía. O luns, 4 de setembro, iniciamos a toma de comida xunto cós antibióticos e o tratamento antiparasitario interno, mantendo o iogur. Ten un grande interese pola auga, bebendo con avidez e deixándose mollar con evidente gusto. As feridas externas, na aleta pectoral dereita e nas dous aletas posteriores na inserción próxima á cadeira, xunto con algunha outra pequena repartida polo corpo, prodúcenlle dor, aínda que non aparecen tan inflamadas como no primeiro día. Mantense a limpeza delas con dous desinfectantes diferentes, tres veces ao día, momento que non é do agrado do animaliño e ao que responde con fortes berros defensivos. Esperamos que a medida que o antibiótico actúe estas feridas melloren considerablemente e que no lle causen tantas molestias.
A última hora da tarde sorprendeunos respondendo ao ofrecemento de comida que sempre lle damos previo á alimentación forzada, collendo os peixes das nosas mans. Este é o primeiro lobo mariño que come por si mesmo no primeiro día de alimentación e sen dúbida é un moi bo síntoma.

Etiquetas:

3.9.06

"MUXÍA", outra Foca de Capelo. ¡E xa van catro!



Chegou a Muxía o sábado 2 de setembro, case ao remate do día. Foi unha veciña do pobo quen a descubriu, agochada na praia e avisou a Protección Civil. Moi decaída, cunha forte insolación (problema habitual nesta especie habitante das zonas árticas) e con varias feridas nas aletas, se atopaba moi débil e sen forzas para volver a auga. Dende a CEMMA se tomou a resolución de levala inicialmente á base de Protección Civil de Muxía onde esperaría a chegada dos membros da SGHN de Ferrol que se desprazaron ata alí, xa entrada a madrugada. A viaxe ata a unidade de coidados intensivos de Ferrol a fixo entre xeo, gracias ao que, a moi alta temperatura que presentaba foi baixando. Preto das catro da mañá acomodámola no que vai ser o seu habitáculo de recuperación durante os próximos días. Puidemos recoñecela detalladamente e apreciar a importancia das feridas e a gran cantidade de cirrípedos que enchían o seu corpo, mostra indubidable do moito tempo que permaneceu no mar nestas condicións. As primeiras atencións consisteron en hidratación e arrefriaxe do corpo e do ambiente, ademáis de proporcionarlle suero fisiolóxico e iogurt durante as primeiras cuarenta e oito horas de observación. Pasado este tempo, se "MUXÍA" supera este estado inicial poderemos pasar á seguinte fase da recuperación.

Etiquetas:

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (3 setembro 2006)

Etiquetas:

2.9.06

Participación da SGHN no festival solidario e ecolóxico “A’Jierro”


A Sociedade Galega de Historia Natural participou no Festival solidario e ecolóxico “A’Jierro” que se celebrou o Sábado, 2 de setembro, en Albarón (Neda), como preámbulo da “Festa do Pan de Neda”, unha celebración que exalta as calidades dun alimento tradicionalmente elaborado neste concello, dende o muiñado da fariña, do que son testemuña os muíños de auga que aínda existen no Río Belelle, ata a fornada final.
A este festival asistiron tamén outros grupos có denominador común do achegamento á ecoloxía, como a asociación “Picos do sol” e “Adega”. Tratábase de amosar un pequeno recuncho de algunhas das actividades e reivindicacións que a SGHN ven a desenvolver de maneira habitual.

Etiquetas: