28.11.06

Tartaruga mariña común “LUME” – Tratamento veterinario – (28-Novembro-2006)


O martes, 28 de novembro e en atención á boa evolución que presenta o animal, o veterinario da CEMMA, Josep Alonso, procedeu a realizarlle as primeiras curas nas feridas producidas pola rede. Tratábase de rasparlle o tecido danado, para que sexa substituído por novas placas, desinfectando logo a delicada pel resultante.
Este tratamento continuarase durante unha semana, para garantir unha rexeneración adecuada que lle permita reintroducirse no seu medio. Mentres dure se lle subministrará antibiótico oral para evita-la infección e se poñerá especial énfase en manter a auga limpa para minimizar este risco.

Etiquetas:

27.11.06

Tartaruga mariña común “LUME” – Recuperación - (27-Novembro-2006)


A evolución de LUME nas instalacións para recuperación de Lobos Mariños da SGHN segue a ser positiva, despois das adaptacións do habitáculo, que consistiron nun recipiente específico para este animal e un circuíto pechado de auga quentada, cunha salinidade aproximada á do seu medio natural. Nestes momentos come da man peixes pequenos.

Etiquetas:

26.11.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (26-noviembre-2006)

Etiquetas:

21.11.06

Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – “LUME” – (21-Novembro-2006)



Apareceu na praia de Lume Boo, unha cala á esquerda do areal de Doniños. Enmallada nunha rede, foi atopada por un pescador que a rescatou dunha máis que probable morte. Aínda que a nosa especialidade son os lobos mariños, adaptamos a UCI das focas para recibir a este animal, que precisa coidados específicos. En breve se tratarán as feridas que a rede lle ocasionou, na cara anterior das dúas aletas pectorais. Polo momento tentamos devolverlle vitalidade e forza con comida e auga. A tartaruga non fixo soa a viaxe, senón que se acompañou dun cangrexo peláxico, “Planes cyaneus”, asociado en especial á Caretta caretta, aínda que tamén pode atoparse en algas, invertebrados e restos de lixo como cordas, plásticos, madeiras e demais residuos flotantes. Trátase dun cangrexo oportunista que se alimenta de diversos organismos capturados preto do animal ao que se asocia. A Tartaruga Mariña Común vive no Mediterráneo, no Caribe e na franxa subtropical e tropical dos grandes océanos. Pode superar os 200 centímetros de lonxitude e un peso de entre 100 a 150 quilos ata os 450 en animais moi grandes. Ten gran capacidade para desprazarse lonxe da costa. As correntes a levan ata puntos afastados da súa orixe, como o caso que nos ocupa. Esta é unha das tartarugas mariñas máis ameazadas o que provocou o inicio de proxectos para tentar recuperar as poboacións e a súa inclusión no apéndice I do CITES e no II da Convección de Berna.
Na SGHN iniciamos esta recuperación baixo a dirección da CEMMA, coa esperanza de que poda ser devolta ao mar de novo.

Etiquetas:

20.11.06

LEIXA-MANDIÁ – Nova designación para a plataforma loxística, empresarial e portuaria de Ferrol – (Novembro 2006)



Tralo inicial proxecto de radicar a zona industrial nos montes de Brión, con 1,3 millóns de metros cadrados, preto do que será o porto exterior e cos problemas de variada índole que a súa construcción presenta, o goberno local estudia outras posibilidades nas que se inclúen Boieiras en Valdoviño e Pedroso en Narón. Descartadas as anteriores alternativas, o pleno municipal decántase pola opción Leixa-Mandiá, 1,6 millóns de metros cadrados previstos para solo industrial. Faremos desde a SGHN e da man da nosa compañeira Piedade Viñas, un recorrido pola realidade desta nova situación, unha zona de crecemento natural de Ferrol, aínda que figura cualificada como solo rústico e coa parcelaria pendente de resolver.
O Val de Mandiá está formado por unha cunca de sedimentación enchida con materiais arxilosos, sobre unha base de xistos da “Serie de Ordes”. Na parte norte do val sitúase a cabeceira da cunca do río Sardiña, co afloramento de varias fontes que encanan as súas augas cara a tres regos principais, Ferreiros, Pazo e Taboada. O resto das augas distribúense de forma difusa, dando lugar a unha superficie de asolagamento, onde se desenvolve o ameneiral, fraccionado en varios conxuntos, separados por pasteiros húmidos para o aproveitamento gandeiro. Nas partes máis secas e mesturados cós eucaliptos instálase un bosque de Quercus robur e Quercus pyrenaica. Tanto os ameneirais como os pasteiros húmidos, así como o bosque de Quercus inscríbense dentro dos hábitats naturais de interese comunitario da Directiva Hábitat, cos seguintes códigos:
6410: Prados con Molinion caerulae
9230: Robledais galaico-portugueses de Quercus robur e Quercus pyrenaica.
91E0: Bosques aluviais de Alnus glutinosa. Este último con carácter prioritario.
Hábitats cuxa conservación require a designación de zonas de especial conservación. A vexetación do ameneiral está formada pola asociación Valeriano-pyrenaicae-alnetum glutinosae. É de salientar nela a aparición, formando parte do bosque ripario, de varios individuos de abeleiras (Corylus avellana), que xunto con outro exemplo de Esmelle son os únicos exemplares de esta árbore que se atopan no Concello de Ferrol. Aparecen tamén outras especies arbóreas como bidueiros, salgueiros, loureiros e no piso inferior, Athyrium filix-femia, Dryopteris dilatata, Hedera helix, Valeriana Dyoica, Caltha palustris, Osmunda regalis e outras. Nos prados húmidos atopamos, xunto con Molinia caerulea e Juncus acutiflorus, un mosaico de especies entre elas varias de Carex e xuncos, Serratula tinctoria, Hypochoeris radicata, Peucedanum lancifolium, Luzula campestris e Lythrum salicaria.
O interese do conxunto reside en que é un dos poucos ameneiros de zonas pantanosas que fican na bisbarra de Ferrol, outrora rica neste tipo de ecosistemas. O crecemento urbanístico e das infraestructuras viarias e polígonos industriais e de servicios ligados a el, fixeron que pouco a pouco foran desaparecendo da bisbarra, polo que faise preciso un compromiso por parte das administracións para que velen polo cumprimento das normativas en materia de protección destes humidais do Val de Mandiá incluídos neste intre no catálogo de bens do PXOM. Por outra banda, a lexislación estatal e autonómica reflicten nos articulados de varias das súas leis (Lei do solo, de Montes, de Augas, de Hábitats) a importancia destes ecosistemas que en moitas ocasión xa sufriron danos de importancia coa rede de pistas da parcelaria que fraccionan o espacio e canalizan as augas, como é ocaso da construcción do vial de acceso ao porto exterior, que fragmentou o territorio incluíndo incluso recheos e facendo un efecto barreira que en breve prazo causará danos no humidal. Feito denunciado pola SGHN.
Enumeramos as características máis salientables dende o punto de vista medioambiental destes humedais:
- Actúan como reguladores dos ciclos hídricos pola súa eficacia evaporativa.
- Recuperan nutrientes do subsolo que doutro xeito escaparían por lixiviación a capas inferiores.
- Axudan a evitar inundacións e riadas.
- Suavizan as temperaturas extremas. Contribúen á creación de microclimas locais e inflúen no clima xeral.
- Actúan como sumidoiros de metais pesados. A desaparición da flora existente, ou ben a remoción dos substratos conleva o perigo de que os metais se liberen ao estar en contacto cun ambiente osixenado.
- Son sumidoiros de dióxido de carbono, contribuíndo a contrarrestar os efectos das emisións de gases invernadoiros.
- Considéranse importantes refuxios de flora e fauna. Certos insectos e anfibios conseguen aquí as condicións de desenvolvemento que non atopan nas zonas circundantes, debido ao mantenemento dos niveis de humidade e temperatura asociados.
Iguais consideracións para pedir a protección das veigas e fragas de Leixa. Incidir ademais en que dúas das zonas propostas para o polígono industrial, Brión e Mandiá, son cabeceiras de cuncas fluviais, polo que os danos que se causen, van ser irreversibles.
Unha derradeira consideración para compartir con vós: Actualmente, desenvolvemento sostible xa non é igual a crecemento, se non se ten en conta estudios pormenorizados previos que optimicen zonas infrautilizadas, protexendo sempre os valiosos espacios que aínda temos a sorte de beneficiarnos.

Etiquetas:

19.11.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (19-noviembre-2006)


Etiquetas:

Curso “CETÁCEOS NA COSTA ARTEIXÁ” – (15-16 de decembro de 2006)


A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Arteixo organiza o curso “Cetáceos na Costa Arteixá”, coa colaboración da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
Celebrarase na Aula Ambiental do Parque Forestal de Monticaño, os días 15 e 16 de decembro de 2006 e participará como relator o Coordinador de Mamíferos Mariños da SGHN e responsable do grupo de traballo de Ferrol da CEMMA, Juan Ignacio Díaz d’a Silva, co tema “Os varamentos dos grandes cetáceos”.
O prazo límite para a inscrición é o 11 de decembro e para máis información podedes dirixidos ás páxinas de CEMMA, http://www.cemma.org/ e do Concello de Arteixo http://www.arteixo.org/

Etiquetas: ,

18.11.06

REI CINTOLO – A ameaza constante – (18-Novembro-2006)


A principios do mes de Novembro o Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo deu orde de paralización ás visitas guiadas co Concello de Mondoñedo iniciara en Marzo deste mesmo ano á Cova do Rei Cintolo. Esta decisión supón unha certa tranquilidade para todos aqueles que sentimos preocupación pola supervivencia dunha das máis importantes cavidades da nosa Comunidade. O tesón da Federación Galega de Espeleoloxía está detrás de esta feliz resolución, como xa fixera coa súa oposición e forte rexeitamento no ano 2001, cando o Concello de Mondoñedo presentou o proxecto para explotar con ánimo de lucro as cavidades, propoñendo unhas polémicas intervencións para adapta-la cova, entre as que se incluía aserramento de paredes, instalación de luces, pasarelas e unha longa lista de outras barbaridades. A loita da FGE e de grupos ecoloxistas e científicos deu o seu froito en 2004 coa paralización das obras por parte do Tribunal Superior de Xustiza.
Dende a SGHN queremos felicitar o bo xuízo da Xustiza nestas decisións e recordar que fai máis de dez anos puxemos o noso granito de area, denunciando o lamentable estado da cova, carente de protección naquel momento, pola ausencia ou mal estado da rexa de ferro que pechaba a cavidade. Acompañaba á denuncia o enunciado de todas aquelas leis que protexen tanto ás covas como aos animais que alí se atopan, algún deles especies únicas e protexidas. Esta denuncia nunca foi contestada.
Co coñecemento de que a avaricia ten longos os brazos, esperamos atentos a resolución desta loita entre o afán de lucro e a defensa do medio natural.

Etiquetas:

16.11.06

Cursos “Educación para a sustentabilidade” – Facultade de Bioloxía (Santiago)



O día 15 de Novembro, o Coordinador de Mamíferos Mariños da SGHN, Juan Ignacio Díaz d’a Silva, interveu como relator no curso que a CEMMA celebra la Facultade de Bioloxía de Santiago cos temas: “Varamentos de grandes cetáceos: tratamento e solucións” e “UCI de lobos mariños: instalación, manexo e coidados”.
Estas xornadas de “Educación para a sustentabilidade: as especies mariñas ameazadas” contan coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

Etiquetas:

13.11.06

“CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO” – Conferencia de Xosé Veiras García” – 11/11/2006


O día 11 de Novembro e organizado por VERDEGAIA, dentro dos actos conmemorativos do “Día contra o cambio climático” que este grupo está a realizar xunto coa SGHN, celebrouse a Conferencia de Xosé Veira García, “Centrais térmicas: fábricas de cambio climático”. O acto tivo lugar na casa Dopeso en As Pontes, onde se atopa a maior central térmica da nosa Comunidade e de España.

Etiquetas: ,

12.11.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (12-noviembre-2006)


Etiquetas:

10.11.06

“CAMBIO CLIMATICO” – Proxección do documental “Antártida, la vida en el límite” – (10/11/2006)







O venres, 10 de Novembro, celebrouse no Ateneo Ferrolán a proxección do documental “Antártida, la vida en el límite”, dentro dos actos conmemorativos do “Día do cambio climático” que a SGHN está a realizar xunto con VERDEGAIA. A película, protagonizada por un equipo de biólogos mariños dirixido pola doutora Ana Ramos, relata a investigación e estudio da fauna mariña da Antártida dentro da denominada “Campaña BENTART”, que permitiu coñecer especies novas para a ciencia e a aportación de novos datos sobre a bioloxía e estabilidade dunha zona considerada esencial para a supervivencia do noso planeta.

Etiquetas: ,

7.11.06

Mamíferos Mariños (Varamentos) – RORCUAL ALIBRANCO (Balaenoptera acutorostrata)



Un Rorcual Alibranco, atopouse flotando fronte a Estaca de Vares e foi remolcado pola embarcación “Salvamar Shaula” con base no porto de Cariño, ata onde foi levado.
O Rorcual Alibranco (Balaenoptera acutorostrata) é a balea máis pequena que se pode atopar na nosa costa. Posúe unhas características manchas brancas nas aletas pectorais que lle dan nome e un corpo esvelto, cunha cabeza puntiaguda . Os machos, que non superan os 9,8 metros son máis pequenos cas femias (de ata 10,7 metros). Teñen unha ampla distribución. En Galicia frecuenta augas costeiras pouco profundas preto do noiro continental. O seu alimento principal son peixes e krill.
A necropsia e toma de mostras foron realizadas por membros da SGHN e CEMMA. Recolleuse o seu cranio e as barbas para o “Museo da Natureza” da SGHN.

Etiquetas:

6.11.06

“CAMBIO CLIMÁTICO” – Proxección do documental “O pesadelo de Darwin” – (6/11/2006)





O Luns, 6 de novembro, proxectouse o documental do director Hubert Sauper “O pesadelo de Darwin”, dentro dos actos conmemorativos do”Día contra o cambio climático” que está a organizar a SGHN xunto con VERDEGAIA. Unha película que segundo verbas do autor “fala da ironía, do cinismo e da complexidade do proceso de globalización no que estamos todos metidos, e por iso cómpre mirar o documental coma se nos estivéramos fitando nun espello, coma se viramos o colector de lixo colectiva da humanidade e abriramos a tapa".
A cinta que gañou o premio ao mellor documental europeo no ano 2004, sérvenos como exemplo de moitos dos desastres existentes hoxe no mundo, causados polo ser humano, representados aquí coa introducción dunha nova especie no Lago Victoria, a perca do Nilo, predador que aniquilou o ecosistema coa súa grande voracidade. Agochados tralo negocio do peixe, o tráfico de armas, a fame e as enfermidades que asolan o continente africano.

Etiquetas: ,

5.11.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (5-novembro-2006)

Etiquetas:

4.11.06

“CAMBIO CLIMÁTICO” – Conferencia de Javier Cristobo sobre a Antártida – 4/11/2006


O sábado, 4 de novembro, Javier Cristobo, Doutor en Bioloxía Mariña, con máis de 45 traballos científicos publicados e que participou en preto de 30 proxectos de investigación, deunos unha conferencia sobre a súa segunda viaxe de estudio á Antártida, dentro dos actos que a SGHN organiza en conmemoración do “Día contra o cambio climático”, deixándonos impresións sobre os efectos negativos que o cambio climático vai xerar no delicado entorno dos xeos eternos da Antártida.

Etiquetas: ,

3.11.06

Mamíferos Mariños (Varamentos) – CACHALOTE PEQUENO (Kogia breviceps)


Varamento de Cachalote pequeno (kogia breviceps) na costa da provincia de A Coruña. O animal foi trasladado ata as dependencias da SGHN en Ferrol, ata onde se achegaron membros da CEMMA para proceder á toma de medidas e mostras, aproveitando a ocasión para poñer en práctica un novo protocolo para a recollida de parasitos. O esqueleto do animal recuperouse para o “Museo da Natureza” da SGHN.

Etiquetas: