18.11.06

REI CINTOLO – A ameaza constante – (18-Novembro-2006)


A principios do mes de Novembro o Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo deu orde de paralización ás visitas guiadas co Concello de Mondoñedo iniciara en Marzo deste mesmo ano á Cova do Rei Cintolo. Esta decisión supón unha certa tranquilidade para todos aqueles que sentimos preocupación pola supervivencia dunha das máis importantes cavidades da nosa Comunidade. O tesón da Federación Galega de Espeleoloxía está detrás de esta feliz resolución, como xa fixera coa súa oposición e forte rexeitamento no ano 2001, cando o Concello de Mondoñedo presentou o proxecto para explotar con ánimo de lucro as cavidades, propoñendo unhas polémicas intervencións para adapta-la cova, entre as que se incluía aserramento de paredes, instalación de luces, pasarelas e unha longa lista de outras barbaridades. A loita da FGE e de grupos ecoloxistas e científicos deu o seu froito en 2004 coa paralización das obras por parte do Tribunal Superior de Xustiza.
Dende a SGHN queremos felicitar o bo xuízo da Xustiza nestas decisións e recordar que fai máis de dez anos puxemos o noso granito de area, denunciando o lamentable estado da cova, carente de protección naquel momento, pola ausencia ou mal estado da rexa de ferro que pechaba a cavidade. Acompañaba á denuncia o enunciado de todas aquelas leis que protexen tanto ás covas como aos animais que alí se atopan, algún deles especies únicas e protexidas. Esta denuncia nunca foi contestada.
Co coñecemento de que a avaricia ten longos os brazos, esperamos atentos a resolución desta loita entre o afán de lucro e a defensa do medio natural.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio