20.11.06

LEIXA-MANDIÁ – Nova designación para a plataforma loxística, empresarial e portuaria de Ferrol – (Novembro 2006)



Tralo inicial proxecto de radicar a zona industrial nos montes de Brión, con 1,3 millóns de metros cadrados, preto do que será o porto exterior e cos problemas de variada índole que a súa construcción presenta, o goberno local estudia outras posibilidades nas que se inclúen Boieiras en Valdoviño e Pedroso en Narón. Descartadas as anteriores alternativas, o pleno municipal decántase pola opción Leixa-Mandiá, 1,6 millóns de metros cadrados previstos para solo industrial. Faremos desde a SGHN e da man da nosa compañeira Piedade Viñas, un recorrido pola realidade desta nova situación, unha zona de crecemento natural de Ferrol, aínda que figura cualificada como solo rústico e coa parcelaria pendente de resolver.
O Val de Mandiá está formado por unha cunca de sedimentación enchida con materiais arxilosos, sobre unha base de xistos da “Serie de Ordes”. Na parte norte do val sitúase a cabeceira da cunca do río Sardiña, co afloramento de varias fontes que encanan as súas augas cara a tres regos principais, Ferreiros, Pazo e Taboada. O resto das augas distribúense de forma difusa, dando lugar a unha superficie de asolagamento, onde se desenvolve o ameneiral, fraccionado en varios conxuntos, separados por pasteiros húmidos para o aproveitamento gandeiro. Nas partes máis secas e mesturados cós eucaliptos instálase un bosque de Quercus robur e Quercus pyrenaica. Tanto os ameneirais como os pasteiros húmidos, así como o bosque de Quercus inscríbense dentro dos hábitats naturais de interese comunitario da Directiva Hábitat, cos seguintes códigos:
6410: Prados con Molinion caerulae
9230: Robledais galaico-portugueses de Quercus robur e Quercus pyrenaica.
91E0: Bosques aluviais de Alnus glutinosa. Este último con carácter prioritario.
Hábitats cuxa conservación require a designación de zonas de especial conservación. A vexetación do ameneiral está formada pola asociación Valeriano-pyrenaicae-alnetum glutinosae. É de salientar nela a aparición, formando parte do bosque ripario, de varios individuos de abeleiras (Corylus avellana), que xunto con outro exemplo de Esmelle son os únicos exemplares de esta árbore que se atopan no Concello de Ferrol. Aparecen tamén outras especies arbóreas como bidueiros, salgueiros, loureiros e no piso inferior, Athyrium filix-femia, Dryopteris dilatata, Hedera helix, Valeriana Dyoica, Caltha palustris, Osmunda regalis e outras. Nos prados húmidos atopamos, xunto con Molinia caerulea e Juncus acutiflorus, un mosaico de especies entre elas varias de Carex e xuncos, Serratula tinctoria, Hypochoeris radicata, Peucedanum lancifolium, Luzula campestris e Lythrum salicaria.
O interese do conxunto reside en que é un dos poucos ameneiros de zonas pantanosas que fican na bisbarra de Ferrol, outrora rica neste tipo de ecosistemas. O crecemento urbanístico e das infraestructuras viarias e polígonos industriais e de servicios ligados a el, fixeron que pouco a pouco foran desaparecendo da bisbarra, polo que faise preciso un compromiso por parte das administracións para que velen polo cumprimento das normativas en materia de protección destes humidais do Val de Mandiá incluídos neste intre no catálogo de bens do PXOM. Por outra banda, a lexislación estatal e autonómica reflicten nos articulados de varias das súas leis (Lei do solo, de Montes, de Augas, de Hábitats) a importancia destes ecosistemas que en moitas ocasión xa sufriron danos de importancia coa rede de pistas da parcelaria que fraccionan o espacio e canalizan as augas, como é ocaso da construcción do vial de acceso ao porto exterior, que fragmentou o territorio incluíndo incluso recheos e facendo un efecto barreira que en breve prazo causará danos no humidal. Feito denunciado pola SGHN.
Enumeramos as características máis salientables dende o punto de vista medioambiental destes humedais:
- Actúan como reguladores dos ciclos hídricos pola súa eficacia evaporativa.
- Recuperan nutrientes do subsolo que doutro xeito escaparían por lixiviación a capas inferiores.
- Axudan a evitar inundacións e riadas.
- Suavizan as temperaturas extremas. Contribúen á creación de microclimas locais e inflúen no clima xeral.
- Actúan como sumidoiros de metais pesados. A desaparición da flora existente, ou ben a remoción dos substratos conleva o perigo de que os metais se liberen ao estar en contacto cun ambiente osixenado.
- Son sumidoiros de dióxido de carbono, contribuíndo a contrarrestar os efectos das emisións de gases invernadoiros.
- Considéranse importantes refuxios de flora e fauna. Certos insectos e anfibios conseguen aquí as condicións de desenvolvemento que non atopan nas zonas circundantes, debido ao mantenemento dos niveis de humidade e temperatura asociados.
Iguais consideracións para pedir a protección das veigas e fragas de Leixa. Incidir ademais en que dúas das zonas propostas para o polígono industrial, Brión e Mandiá, son cabeceiras de cuncas fluviais, polo que os danos que se causen, van ser irreversibles.
Unha derradeira consideración para compartir con vós: Actualmente, desenvolvemento sostible xa non é igual a crecemento, se non se ten en conta estudios pormenorizados previos que optimicen zonas infrautilizadas, protexendo sempre os valiosos espacios que aínda temos a sorte de beneficiarnos.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio