11.5.09

Liberación da Foca gris BARDA (Halichoerus grypus)


O xoves, 7 de maio, o Lobo mariño cincento BARDA foi embarcado no “Ferreira Martínez”, barco que xa colaborou noutras liberacións de lobiños. Con 40 quilos de peso, iniciará unha nova etapa da súa vida e o fará dende un barco amigo e viaxando nunha cesta nova, estreada para a ocasión e fabricada por un cesteiro vigués que a deseñou cos remates dos vimbios no exterior, procurando así unha superficie sen atrancos que puidesen danar ó animal.


A SGHN únese á CEMMA no intento de sensibilizar á poboación en contra da caza das focas e da utilización na industria e no mercado internacional de subproductos procedentes dela.
O noso esforzo recuperando a todos aqueles animais que recalan nas costas galegas, xunto ó que realizan outros compañeiros na costa cantábrica e na de Portugal pode parecer pequeno. Realizado moitas veces con precariedade de medios, pero suplido con dedicación e tenrura para estes lobiños desvalidos nas primeiras etapas da súa vida.

Dámoslle toda a atención que precisan para que remonten a enfermidade ou o esgotamento e podan volver á liberdade. Non queremos lobiños presos, focas encerradas como espectáculo de ocio, o noso fin e darlles o que todo ser vivo precisa, a liberdade nas mellores condicións posibles. Unha segunda oportunidade de vivila existencia proxectada.

Eles nos deixan tantas emocións e experiencias que finalmente rematan nun coñecemento da especie e do medio no que viven, que é tamén o noso.
Queremos recordar aquí a algúns dos lobiños e focas que pasaron pola UCI da SGHN, animais que recibiron un nome, teñen unha historia cos distingue dos outros e as máis das veces a fortuna quixo que tivesen un final feliz, o mesmo destino que desexamos para BARDA.



Felicidades e agradecementos para todos aqueles que participaron dalgún xeito na súa recuperación, desde aqueles veciños que atoparon ó lobiño, o recolleron e comunicaron a súa existencia; a Garda Civil de Laxe que o transportou e o entregou ó grupo de traballo da CEMMA; a tódolos que dentro da UCI da SGHN se afanaron en sacalo adiante; á xente do Acuario de O Grove e ós membros da CEMMA que a coidaron durante os últimos meses; á tripulación do Ferreira Martínez que o leva a liberdade e a tantos outros que co seu ánimo axudan a continuar este labor.
------

Etiquetas: