29.10.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (29- outubro-2006)

Etiquetas:

27.10.06

ANCARES – Reserva da biosfera – (27/10/2006)



O Pleno da UNESCO no programa “Home e Biosfera” (MAB) celebrado en Francia do 24 ao 27 de outubro, aprobou a inclusión como Reserva da Biosfera aos Ancares lucenses e leoneses, un territorio dunhas 56.000 hectáreas e que se espera integren a reserva “Gran Cantábrica” á que xa pertencen: o Val de Laciana, Picos de Europa, Babia, Vales de Omaña e Luna, alto de Bernesga, os Argüelles, Muniellos, Alto Narcea, Somiedo e Redes e que nun futuro se espera sexa ampliado coas montaña orientais leonesas e a montaña palentina, unha inclusión que podería ocorrer no III Congreso Mundial de Reservas da Biosfera que se celebrará en Madrid en febreiro de 2008. Neste momento existen 507 lugares do mundo repartidos por 102 países que teñen esta consideración.
De entrada o primeiro efecto vai ser a inclusión destas reservas xunto coas outras da Rede que integran a o territorio nacional, no anteproxecto da “Lei de Patrimonio Natural e a Biodiversidade”.
Este nomeamento para Ancares, unha zona de alto valor ecolóxico, non supón por si mesma ningunha restricción á caza, ás actividades económicas, nin ao crecemento das poboacións, como puidera pensarse, e si suporá un incremento turístico inmediato, con todos os problemas que isto vai provocar. As autoridades correspondentes terán que esforzarse para conservar os valores naturais e protexer a súa singularidade á vez que manteñen o “desenrolo sostible”, frase tan de moda na actualidade.
Algunhas voces xa falan de incremento de ingresos por turismo e caza, xa que consideran este nomeamento como unha “marca de calidade” que non vai restrinxir ningunha actividade. Esto non debería ser así de ningunha maneira, senón o motor de marcha para que por fin os gobernos dicten as leis que se precisan para rematar definitivamente coas falcatruadas que se están a facer neste lugar único da nosa Comunidade e que xunto con Courel, constitúen o noso legado máis importante, que está a pedir a gritos unha protección efectiva que impida o seu aniquilamento. Quen coñece Ancares sabe ben do deterioro que esa terra sufriu ao longo do século pasado, son testemuñas a reducción de manchas arbóreas, queimas incontroladas, apertura masiva de pistas, proliferación de cuatriciclos (os destrozadunas de catro rodas) e por riba de todo o exterminio de especies animais pola presión da caza. ¿Quen se atreve xa a representar aos Ancares cunha Pita do Monte (Tretraurogallus cantabricus)?, un animal que forma parte do pasado xunto co Oso Pardo (Ursus arctos) e outros moitos desaparecidos e que quedaron agochados no silencio administrativo.

Etiquetas:

26.10.06

“Museo da Natureza” – Exposición itinerante na Casa da Cultura de Pontevedra -(26/10/2006)


O día 26 de outubro a SGHN inaugura unha exposición itinerante do “Museo da Natureza” na Casa da Cultura de Pontevedra, organizada polos nosos compañeiros da SGHN de Vilagarcía.

Etiquetas: ,

22.10.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (22-outubro-2006)

Etiquetas:

O OSO CONDENADO – (22/10/2006)


A cárcere física na que atopamos ao Oso Pardo (Ursus arctos) da fotografía, describe con extraordinaria fidelidade a situación que está a vivir este animal no noso país, co agravante de que esta problemática é coñecida por todos, o que fai inescusable que non se atope unha solución.
Algo atávico envolve ao ser humano que ao longo da historia foi exterminando a canto outro animal lle fixera competencia polos mellores espazos e polos recursos, aqueles máis fortes que lle puideran interromper un proceso expansivo que non acepta compañeiros de viaxe.
Que do Oso Pardo queden exemplares contados, máis escasos aínda de Lince Ibérico (Linx pardina), ou case ningún xa da resistente e lonxeva Pita do Monte (Teatraurogallus cantabricus) na nosa terra, non é máis cunha premonición do que vai pasar no resto do mundo, que é máis grande pero non máis intelixente ca nós.
Quizás porque ese coñecemento e preocupación é para todos, non puido entender como alguén se despraza a outro recuncho do globo para matar a un animal, sexa o que sexa a peza e sexa quen sexa o cazador, por suposto, pero, ¡un oso!. Menos aínda aturo que esa persoa ocupe un cargo relevante na nosa pirámide social, ¿Onde queda entón o exemplo moral ás masas?.
Quen coma nós, frecuenta as terras míticas do Oso e vive preto das súas dificultades para sobrevivir, repudia, máis apaixonadamente se cabe, esta nefasta e lamentable actuación, que por outra banda repítese día tras día nas fermosas montañas do norte, especialmente nas palentinas e cántabras.
A miña propia experiencia me ensinou que ten máis valor o diñeiro e o poder de personaxes de dubidosa moralidade, que o respecto ao Rei do bosque e a preocupación porque siga a reinar no que é o seu dominio dende o principio do seu tempo.
Cantidade de osos que son mortos en chamados “accidentes de caza”, protagonizados por pesos pesados do capital e do poder , ocúltanse á opinión pública para non ter que dar explicacións. Non entendemos como non existe xa unha moratoria que prohibise a caza na súa totalidade naqueles lugares nos que o Rei do monde sobrevive, aínda que coñecemos a resposta, ligada coma sempre a intereses monetarios. Ninguén descoñece o poder que exercen os cazadores, chamados por quen escribe “matóns de campo”.
Moitos naturalistas da SGHN e seica outros grupos e investigadores, escoitamos demasiadas veces a desculpa que poñen moitos individuos da confusión do “jabaloso” para explicar as mortes de Osos pardos, como para crelo, e demasiadas veces tamén a vergoñenta historia de mandatarios que se van de matanza a outros países para cazar o que non poden aquí, para perdoa-lo.

Etiquetas: ,

20.10.06

Curso organizado pola CEMMA – Facultade de Bioloxía (Santiago) – (13, 14, 15, 16, 20 e 21 de Novembro 2006)




A CEMMA (Coordinadora para o estudio dos Mamíferos Mariños), coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, organiza un curso sobre “Educación para a sustentabilidade: As especies mariñas ameazadas”, que se celebrará na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, os días 13, 14, 15, 16, 20 e 21 de Novembro de 2006.
A SGHN participa con dúas charlas o día 15 sobre “Varamento de grandes cetáceos: tratamento e solucións” e “UCI de lobos mariños: instalación, manexo e coidados”, que serán impartidas polo Coordinador de Mamíferos Mariños da SGHN, Juan Ignacio Díaz d’a Silva.
Nos trípticos e no cartel adxunto pódense atopar todos os datos referentes a este curso.

Etiquetas: ,

18.10.06

MORTES CONSENTIDAS – (Caza de baleas) - (18/10/2006)


Islandia anunciou nestes días que vai retomar a caza das baleas con fins comerciais, saltándose as moratorias internacionais e despois de dúas décadas nas que a supervivencia dos grandes mamíferos estivo sempre en desequilibrio.
Nun comunicado do ministro de pesca islandés se di que a decisión implicará a 300 Rorcuais Alibrancos (Balaenoptera acutorostrata) e a 9 Rorcuais Comúns (Balaenoptera physalus), antes de agosto de 2007. Outro país, Noruega, xa rompera o acordo polo que dende 1982 se prohibía a captura de baleas con fins económicos. Xapón e Islandia escondían as matanzas baixo a denominación de “capturas científicas”.
Na última reunión da CBI en xuño 2006, os países defensores da caza das baleas gañaron algunhas votacións, aínda que afortunadamente non conseguiron levantar a moratoria. É incrible cun desequilibrio nas votacións poña en perigo a supervivencia dunha especie, pero máis inimaxinable é que a vida e a morte dun animal este nas mans dos intereses económicos duns poucos sen escrúpulos e que este comportamento sexa consentido polo resto do mundo.
As licencias de caza concederanse esta mesma semana, así que darase o triste paradoxo de que namentres nunha parte do mundo algúns seres humanos loitamos por salvarlles a vida, moitas veces cos medios máis rudimentarios, neses outros países, outros seres humanos os perseguen e matan impunemente, baixo a bandeira da tradición, da historia e da maioría suficiente, conseguida daquela maneira que todos coñecemos.
Moito se está a perder nos océanos do planeta, non só poboacións de peixes, cada vez máis escasos, senón a ética e a misericordia dos homes que desapareceu nunha escuma contaminada.
Sabedores de que moitas veces temos que contemplar cos nosos ollos a miseria humana, para poder enfrontarse a ela e vencela, baixo estas liñas tedes unha dirección, una páxina Web, na que podedes ver un vídeo realizado durante unha matanza de golfiños en Xapón. Non deixades de mira-la imaxe por dura que os pareza, por que esa é a realidade que rexeitamos.

Para ve-lo vídeo:

Etiquetas: ,

16.10.06

DÍA "CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO" – (4 de Novembro de 2006)





O sábado, 4 de Novembro celébrase en todo o mundo o “Día contra o Cambio Climático”. Esta conmemoración tenta chamala atención de toda a sociedade sobre un perigo que se está a materializar con moita rapidez e que investigadores de todo o mundo atribúen de maneira especial, aínda que non única, ás emisións incontroladas de gases á atmosfera e que nun moi curto período de tempo desequilibrou os niveis de radiacións que entran e saen da terra, coas conseguintes variacións na temperatura, movementos de correntes etc. Os desastres naturais que o mundo está a padecer nos derradeiros anos, quizais non sexan máis cos primeiros síntomas dunha desfeita imparable, con prediccións de aumentos nos niveis dos océanos causados polo desxeo dos polos, chuvias incontroladas e pola contra, secas persistentes e descontrol de pragas de enfermidades, entre outras moitas desgracias que se concatenan unas cas outras. Todos temos o deber de coñecer cales poden ser as causas que nos levaron a esta situación e ata que punto periga a estabilidade do mundo coñecido. Esta conciencia nos debería levar a premer sobre os gobernos para que tenten afrontar o problema, xa que as solucións están nas súas mans por ser as causas de índole industrial na súa maior parte. Detrás das emisións está o diñeiro e as grandes empresas que tan so a política pode controlar. De pouco serve co cidadán queira mercar vehículos pouco contaminantes se as empresas non os fabrican, pero si podería instar aos gobernos para que exerceran o seu poder no control destas fabricacións e puxeran maior énfase da investigación doutras posibilidades enerxéticas ou traballasen a política forestal con máis sentido ecolóxico do que están a facer, prestando máis atención a manter e fomentar os bosques autóctonos e menos ás plantacións de diñeiro fácil e pronta queima ou tala. Entender dunha vez por todas que as árbores non se poden cortar arrasando todo o que se atopa, deixando unha terra depredada como si os pes dun xigante pasara por riba dela. O aproveitamento non debera ser lesivo para o bosque, e nestes momentos o é e moito, proporcional á pobreza do país onde se esquilma a madeira.
Como reflexión a todo isto a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Asociación VERDEGAIA celebran catro actos relacionados directamente co cambio climático: O Sábado, 4 de novembro ás 19:00 no Ateneo Ferrolán, conferencia sobre a “Antártida” a cargo de Javier Cristobo, que viaxou fai uns meses a bordo do Hespérides ás terras frías do sur e que o Venres, 10 de novembro, ás 20:00 horas e igualmente no Ateneo, nos amosará un vídeo "Antártida, a vida no límite", realizado por José Antonio Moya da Universidade de Alicante, que describe as dificultades da subsistencia nesa terra. O luns, día 6 (Ateneo Ferrolán - 20:00 horas), se pasará a película “O pesadelo de Darwin” do director Hubert Sauper e o Sábado, día 11, ás 18:30 horas na Casa do Peso en As Pontes, Xosé Veiras García de VERDEGAIA dará unha conferencia sobre o “Centrais térmicas: fábricas de cambio climático”.
Nos carteis que acompañan a esta entrada se pode obter máis información.

Etiquetas: ,

15.10.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (15-outubro-2006)


Etiquetas:

13.10.06

“Museo da Natureza” - Exposición itinerante en Vilagarcía de Arousa (13/10/2006)




Exposición itinerante en Vilagarcía de Arousa (Casa da Cultura), inaugurada o día 13 de Outubro de 2006 e organizada en colaboración cós nosos compañeiros da delegación da SGHN en Vilagarcía.

Etiquetas: ,

12.10.06

Carballeira de MENÁNCARO – Un espacio verde en perigo (12/10/2006)

Para quen non coñeza onde e como é esta zona verde obxecto de discrepancias, ofrecemos un pequeno resume da situación e valor natural da carballeira de Menáncaro. Situada preto do río da Sardiña, no val chamado de Aneiros na Parroquia de Serantes (Ferrol) e formada por un bosque atlántico húmido, dominado por Quercus robur, un bosque de ribeira e zonas de prados húmidos nas marxes do bosque. Na carballeira se atopan exemplares de Q. Robur de gran porte e outras especies arbóreas como Castaños (Castanea sativa), Sanguiño (Frangula alnus), Loureiros (Laurus nobilis) e Peral silvestre (Pyrus cordata). No sotobosque silvas (Robus ulmifolium), hedra (Hedera hibernica), Madreselva (Lonicera peryclimenum subs. hispania), Fento macho (Pteridium aquilinum), Holcus molles, Brachypodium pinnatum, Omphalodes nitida, Veronica serpyllifolia e outras. O amieiral de ribeira, considerado de interese prioritario para a EU, está formado por ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinera), carballo e algúns freixos (Fraxinus excelsior). O sotobosque ten Lysimachia nemorum, Valeriana dioica, Anemone nemorosa e Dryopteris guanchica. Este fento, considerado como “vulnerable” no borrador da flora ameazada de Galicia, ten en Menáncaro a única cita atopada en Ferrol. No medio húmido destacar a presencia de Juncus foliosus, sendo esta a única localización na Provincia de A Coruña.
Outra presencia excepcional nesta carballeira é a dos narcisos Narcissus triandrus e N. Bulbocodium incluídos no citado borrador como especies de “interese especial”.
O plan de sectorización que pretendía o desenvolvemento urbanístico desta zona, foi redactado e asinado en setembro de 2005 polo arquitecto Vicente Fernández-Couto Gómez e incluía un estudio de impacto ambiental redactado en xaneiro de 2005 pola empresa Ambiotec. Este plan tiña como finalidade a construcción de setenta e dúas vivendas unifamiliares, ademais dunha edificación hoteleira.
A Sociedade Galega de Historia Natural fai alegacións a dito plan de sectorización, considerando que a zona na que se proxecta a actuación está ocupada pola carballeira, aínda que no estudio de impacto ambiental se afirmaba que tan só existían masas illadas de piñeiros e eucaliptos de repoboación.
A conservación desta carballeira resultaba imprescindible para protexer o bosque de galería do Río da Sardiña segundo a opinión da SGHN.
Se discrepa do mesmo xeito co proxecto na afirmación de que se manterán as zonas de interese natural, xa que ese obxectivo non era compatible co plano de edificación proxectado.
stas e outras consideracións rematan coa solicitude de desestimación para o proxecto e o seu arquivo definitivo, pedindo ademais a protección efectiva da carballeira, xuntándose así ás reivindicacións presentadas tempo atrás pola asociación ADEGA. O Concello de Ferrol desestima as alegacións da SGHN, polo que xunto con ADEGA, Picos do Sol, Verdegaia e outras persoas e asociacións se inician actos e concentracións para a defensa da integridade de Menáncaro. Actuacións varias dirixidas a concienciar á poboación e ás autoridades sobre os valores naturais que se estaban a perder si se levara a cabo o plan de sectorización.
O día 11 de outubro na prensa local sae unha noticia na que se lee “A Xunta non permitirá a construcción da urbanización de chalés en Menáncaro – A Dirección Xeral de Urbanismo emitirá un informe desfavorable ao plan de sectorización”. Este novo informe será o segundo tralo emitido o 7 de febreiro, tamén desfavorable e no que se atopaban deficiencias como que a limitación do sector non se axusta ao Plan Xeral e que o plan de sectorización non cumpría a reserva mínima de solos para equipamentos do sistema xeral. Tamén se engadía que las edificacións se tiñan que situar de forma diferente para preservar a carballeira e o entorno do río. Este novo informe pendente de enviar ao Concello ferrolán enche de esperanza a todos aqueles que defenderon a integridade dun dos derradeiros espacios verdes do entorno.

Etiquetas: ,

Carballeira de MENÁNCARO (Fotografías) - (12/10/2006)




Carballeira de MENÁNCARO

Etiquetas: ,

Captura accidental de GOLFIÑOS COMUNES (Delphinus delphis)

Membros de CEMMA e da SGHN desprazáronse ata o porto de Camariñas, onde foran trasladados os corpos de sete Golfiños comúns que quedaron enmallados nun lance de arrastre. Os animais eran exemplares xoves na súa maioría. Este é unha das causas máis frecuentes de morte nos cetáceos. Os estudios realizados nos corpos dos animais que se atopan varados e do tipo de feridas que presentan, típicas da captura accidental, dan fe de elo. Institucións de todo o mundo dedican un gran esforzo para desenrolar métodos que eviten esta mortalidade, o ao menos a rebaixen considerablemente. É un problema de complicada solución ao que sen dúbida a humanidade ten que enfrontarse e que implica especialmente aos gobernos dos países que posúen as máis potentes flotas pesqueiras, xa que están obrigados a facer os maiores esforzos na procura de atopar os medios técnicos e científicos para acabar con esta masacre que leva á morte a máis de 300.000 cetáceos cada ano.

Etiquetas:

11.10.06

Máis datos sobre o fósil de Zifio (11/10/2006)


A Sociedade Galega de Historia Natural púxose en comunicación co Doutor Hans Thewissen, profesor de Anatomía da Facultade de Medicina da Universidade de Ohio, para pedirlle a súa autorizada opinión sobre a identificación do fósil atopado.
A resposta do Doutor Thewissen é que valora a posibilidade de que se trate dun “hyperoodon” e di ao respecto cós exemplares fósiles de hyperoodon son moi raros e que, en verbas textuais, temos un exemplar “digno de estudio”.

Etiquetas: ,

8.10.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (8-outubro-2006)

Etiquetas:

7.10.06

Alegacións ao “Plan de Xestión do Lobo en Galicia” - (7/10/2006)


O día 7 de outubro 2006 o biólogo e naturalista Martiño Nercellas Méndez, presentou ante a Xunta de Galicia un documento a modo de alegacións ao “Plan de Xestión do Lobo en Galicia”, no que solicita que sexa desbotado de dito plan a condición de especie susceptible de ser aproveitada cinexéticamente de xeito xeneralizado e se eliminen as zonificacións establecidas. Pide así mesmo que se de prioridade a aquelas accións que tendan a diminuír a conflictividade que a especie leva asociada, con axilización de pagos e valoración de danos, campañas de difusión, sensibilización e realización de cursos axeitados á gardería forestal.
Felicitamos ao compañeiro polo excelente traballo e trasladamos a esta páxina algúns parágrafos do seu escrito:

“Queda todo un traballo de xestión, principalmente divulgativa, serio e responsable, nun percorrido a contracorrente da percepción que ten boa parte da poboación rural galega do lobo, que permita cambiar o odio sobre a especie a favor da súa tolerancia e coñecemento, sen dúbida algunha ferramentas indispensables para atallar a conflictividade home-lobo. En resumo, información que permita entender que o lobo forma parte indisociable do noso ecosistema, como nós; que permita asumir baixas ó gando naqueles lugares onde temos eliminado ás presas salvaxes; para aportar solucións de manexo que eviten a carga ao gandeiro de soportar pola súa conta os efectos dunha especie de intereses público xeral; reconducir pautas de comportamento que erradiquen a persecución furtiva por multitude de medios agonísticos e grande crueldade (uso de velenos, cepos, trampas, etc..); non xeneralizar a súa caza coma un feito normal, medida que tan só parece avivar a imaxe negativa e preconcibida do lobo”.
“A chave para atallar o problema do lobo radicará cando apostemos en positivo pola súa conservación, divulgando e concienciando para tolerar e harmonizar a convivencia con el, facelo coas ganas de querer que campe libre polas nosas serras, de escoitar o seu ouveo, sabedores de que a súa presencia é un dos mellores síntomas da saúde ambiental e riqueza do noso patrimonio natural. Destacar ademais, que protexer ao lobo e o seu papel ecolóxico no medio, supón ter avanzado moito nas políticas de conservación da natureza e da biodiversidade. Nembargante mentres continuemos fomentando a súa conservación en negativo, é dicir, apoiada na idea de que é necesaria a súa persecución e eliminación por medio da caza, só estaremos alimentando e xustificando aínda máis o forte odio e temor psicolóxico individual e colectivo, dunha poboación que culturalmente aprendeu a sentir ao lobo baixo unha inxusta e desmerecida lenda que nada ten que ver coa realidade”.

Etiquetas: ,

3.10.06

Morreu a foquiña PIA (3/10/2006)


Hoxe nos chamaron os compañeiros da CEPESMA en Asturias, para darnos a mala noticia de que a Foca PIA ou de Groelandia, que estaba a ser recuperada nas súas instalacións, foi atopada morta pola mañá.
Entendemos e compartimos o desgusto que lles ocasionou aos amigos de CEPESMA este triste acontecemento. Son moitos os coidados que estes animais precisan e moito tamén o descoñecemento que se ten destas focas que viven nas zonas árticas.
De sucesos coma este e de aqueles outros, afortunadamente a maioría, nos que o animal sae adiante, aprendemos todos os que poñemos esforzos e ilusión en colaborar coa natureza.

Etiquetas: ,

2.10.06

Unha SGHN enchoupada (2/10/2006)




Era apracible o día
e temperado o ambiente,
e chovía, chovía
calada e mansamente;


Rosalía de Castro (Era apracible o día)

O día 2 de outubro e despois de algún tempo sen chover, o fixo ¡por fin!, e como é habitual nos choveu tanto dentro da SGHN como fora. Non atopábamos mans suficientes para atender a tantas pingueiras repartidas por todas as dependencias. Aquelas pezas expostas en furnas salváronse da molladura, mentres as outras chorreaban facéndonos sentir impotentes. Dedicamos os maiores esforzos á biblioteca e a canto alí hai. A auga baixaba polas paredes levando consigo anacos de teito e os recipientes, estratexicamente colocados para recoller a auga da chuvia dentro do local de forma habitual, en poucos minutos se enchían e rebordaban, de tal xeito que non fomos quen de baleiralos antes de que a auga correra polo chan.
Esta non é a primeira vez, nin a segunda e probablemente non será a última. O noso camiño esta cheo de inconvenientes de todo tipo e o de loitar contra os elementos é un mais. ¿Ata cando?. Non se sabe. Nos seguimos a traballar esperando que un día as autoridades se decaten de que a nosa labor, dende fai máis de vinte anos, enriquece á sociedade, xa que ofrecemos cultura, coñecemento e sensibilidade co medio ambiente. Coidamos que non merecemos esta lamentable situación, polo que queremos compartir con todos vos algunhas imaxes.

Etiquetas:

1.10.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (1-outubro-2006)


Astronomía: EFEMÉRIDES DE OUTUBRO
Texto: Paulino Gasalla

Etiquetas:

FOCA PIA (Pagophilus groelandicus) – (1/10/2006)




Esta FOCA PIA, unha rareza nos mares da Península, chegou ata as costas do País Vasco no mes de setembro. As autoridades de Euskadi delegaron o coidado do animal nos nosos compañeiros asturianos da CEPESMA, que recentemente recuperaron unha Foca de Capelo atopada na praia de Muniellos.
Desprazámonos dende a SGHN ata Luarca, onde radica o Centro de Recuperación da CEPESMA, ao que foi trasladado o animal, para poder ver de cerca a unha foquiña que ten no noso país unha presencia excepcional, a pesar de ser o pinnípedo que más abunda no hemisferio norte. Coñecida tamén como Foca de Groelandia, fíxose tristemente famosa polas imaxes dos medios de comunicación nas cos cazadores canadienses mataban a paos ás crías desta especie, monecos brancos e indefensos, para obter a súa pel, nunha frenética cacería na que moitas das veces se chega a desollar a presa aínda viva.
Imaxe sanguenta e incomprensible da ferocidade humana, que admite calquera barbaridade se leva implícita a ganancia de diñeiro.
Esta foquiña viaxeira, duns sete meses de idade, salvouse da masacre e tras facer unha longa viaxe, se recupera nas instalacións da CEPESMA. Tiña varias feridas que sinalan as mordeduras de depredadores mariños, nestes momentos practicamente cerradas. Cun caracter doce e tranquilo, non se asusta de ningún movemento que podamos facer, podendo achegarnos a ela e tocala sen que escape de nos. Se todas as foquiñas desta especie amosan o mesmo comportamento, podémonos explicar a facilidade con que os matachíns se achegan a elas. Desexamos a súa total recuperación para que recupere canto antes a liberdade.

Etiquetas: