27.10.06

ANCARES – Reserva da biosfera – (27/10/2006)



O Pleno da UNESCO no programa “Home e Biosfera” (MAB) celebrado en Francia do 24 ao 27 de outubro, aprobou a inclusión como Reserva da Biosfera aos Ancares lucenses e leoneses, un territorio dunhas 56.000 hectáreas e que se espera integren a reserva “Gran Cantábrica” á que xa pertencen: o Val de Laciana, Picos de Europa, Babia, Vales de Omaña e Luna, alto de Bernesga, os Argüelles, Muniellos, Alto Narcea, Somiedo e Redes e que nun futuro se espera sexa ampliado coas montaña orientais leonesas e a montaña palentina, unha inclusión que podería ocorrer no III Congreso Mundial de Reservas da Biosfera que se celebrará en Madrid en febreiro de 2008. Neste momento existen 507 lugares do mundo repartidos por 102 países que teñen esta consideración.
De entrada o primeiro efecto vai ser a inclusión destas reservas xunto coas outras da Rede que integran a o territorio nacional, no anteproxecto da “Lei de Patrimonio Natural e a Biodiversidade”.
Este nomeamento para Ancares, unha zona de alto valor ecolóxico, non supón por si mesma ningunha restricción á caza, ás actividades económicas, nin ao crecemento das poboacións, como puidera pensarse, e si suporá un incremento turístico inmediato, con todos os problemas que isto vai provocar. As autoridades correspondentes terán que esforzarse para conservar os valores naturais e protexer a súa singularidade á vez que manteñen o “desenrolo sostible”, frase tan de moda na actualidade.
Algunhas voces xa falan de incremento de ingresos por turismo e caza, xa que consideran este nomeamento como unha “marca de calidade” que non vai restrinxir ningunha actividade. Esto non debería ser así de ningunha maneira, senón o motor de marcha para que por fin os gobernos dicten as leis que se precisan para rematar definitivamente coas falcatruadas que se están a facer neste lugar único da nosa Comunidade e que xunto con Courel, constitúen o noso legado máis importante, que está a pedir a gritos unha protección efectiva que impida o seu aniquilamento. Quen coñece Ancares sabe ben do deterioro que esa terra sufriu ao longo do século pasado, son testemuñas a reducción de manchas arbóreas, queimas incontroladas, apertura masiva de pistas, proliferación de cuatriciclos (os destrozadunas de catro rodas) e por riba de todo o exterminio de especies animais pola presión da caza. ¿Quen se atreve xa a representar aos Ancares cunha Pita do Monte (Tretraurogallus cantabricus)?, un animal que forma parte do pasado xunto co Oso Pardo (Ursus arctos) e outros moitos desaparecidos e que quedaron agochados no silencio administrativo.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio