18.5.10

LURA XOIA (Xoielura membranosa – Histioteuthis bonnellii) – doazón para o Museo da Natureza


Os ollos abertos con córnea e cristalino son nesta lura diferentes, un do outro. Ó seu redor parecen ata 17 fotóforos, estes órganos luminosos que se reparten polo corpo danlle aspecto de xoia, cando o animal está vivo. Algúns deles destacan en lugares estratéxicos cun tamaño algo maior e unha cor azulada ou verdosa.


Foi doado para o noso Museo polo compañeiro da CEMMA, Tucho Parada, profundo coñecedor da mar, na que pasou gran parte da súa vida.

A Xoielura membranosa (Histioteuthis bonnellii) chámase así, ademais de polo aspecto brillante, por un rasgo característico da especie, a membrana que posúe entre os brazos. Común en Galicia, pero difícil de atopar, a partir dos 500 metros de profundidade.

En inglés coñécese co nome de Umbrella squid e en Italia chámase “polvo-seppia” polo parecido da súa parte inferior con un polbo. Descoñecemos as citas que existen desta especie, pero o exemplar máis grande atopado na Península mediu 33 cm de manto. Como curiosidade atopamos unha cita deste cefalópodo realizada por J.Xampeny Baro e S. Filella Cornado- A Coruña 11 agosto 1974, dun exemplar que formaba parte do contido estomacal dun cachalote capturado por buques baleeiros da factoría de Caneliñas (Cee). Máis información:

Etiquetas: ,

19.4.10

Exemplar de Ocythoe tuberculata cedido ó Museo da Natureza


Un exemplar de Ocythoe tuberculata Rafinesque, 1814, foi doado a finais de marzo de 2010 ó noso “Museo da Natureza” da SGHN. A aparición deste cefalópodo octópodo, unha femia, podería ser a primeira da nosa comunidade, unha afirmación nembargante pendente de comprobación cos datos rexistrados na actualidade.


Vive en augas aínda iluminadas pola luz ata os 200 metros de profundidade en zonas subtropicais de case tódolos océanos, presentando grandes diferenzas de tamaño entre sexos: a femia moito máis grande, duns 30 cm aproximadamente, fonte ós 3 cm do macho.



En 1979 capturouse en Tossa do mar un exemplar estudiado polo Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona (Pilar Sánchez, abril 1980). En dita publicación se sinala como primeiras citas nas costas catalanas, a de J. Maluquer, Barcelona 1906, seguida de E. Morales, Blanes 1953.
Neste intre o exemplar doado atópase conxelado na espera do seu posterior proceso, formando parte dos fondos do “Museo da Natureza”.


Etiquetas: ,

19.3.10

Himantolophus groenlandicus – Exemplar doado ó Museo da Natureza


Peixe dos fondos abisais que caza as súas presas atraéndoas con movementos do seu apéndice dorsal, que funciona como unha lanterna. O seu nome de orixe grega (imantos + lophos) fai alusión a este apéndice luminoso sobre a boca, formado por filamentos que conteñen bacterias bioluminiscentes.
O nome común desta familia é o de peixe balón, pola súa forma redondeada, peixes lanterna ou peixes pescadores. Esta especie caracterízase ademais polo acusado diformismo sexual, mentres a femia pode acadar os 60 centímetros de longo, o macho ten tan só uns 4 centímetros. Cando chega á madurez sexual instálase no interior da boca da femia, alimentándose da súa sangue. Pasado o tempo pódense atopar exemplares de machos parasitos que perderon as súas aletas.



O exemplar das fotos, cedido ó Museo da Natureza da SGHN, polo “Centro Tecnolóxico da Pesca” de Celeiro, ten 50 centímetros de longo e foi capturado a máis de 22 millas de terra, polo barco “Marino 1º” patroneado por Francisco Gómez, con base en Celeiro.


Etiquetas: ,

10.12.09

PEZ LÚA REAL (Lampris guttatus) – un sol vermello baixo a auga.


Aínda que esta especie non se atopa nas listas de animais en perigo, pola súa rareza podería explicarse unha posible protección.
O que máis destaca neste peixe, ademais do gran tamaño que pode chegar ós dous metros con 100 quilos de peso, son as rechamantes cores vermellas que teñen a finalidade de protexer ó animal dos raios ultravioletas cando se atopa preto da superficie, algo que fan en poucas ocasións moitas delas relacionadas coa reproducción xa que estamos a falar de peixes de augas profundas.


Este exemplar atrapado accidentalmente por un barco pesqueiro do porto de Celeiro, pesa 54 quilos e mide 104 cm. de lonxitude. Moi aplanado e coa boca pequena e mandíbula superior extensible. Perde as escamas con moita facilidade. As aletas, longas e moi fermosas, intensamente vermellas, contrastan con esa mestura de cores entre azuis, rosados e violetas. Destaca especialmente o brillo case metálico de todo o corpo.

A este peixe dedicamos todos os nosos esforzos nos días festivos cos que nos agasallou o calendario. Os escasos medios con que contamos na actualidade imposibilitan unha conservación en frío, así que optamos por facerlle moldes cos que reproducir algún día a súa figura e finalmente obter o esqueleto, para o que foi preciso una disección coidadosa.

Etiquetas: ,

10.11.09

CACHALOTE – A montaxe dun coloso


Entre a fotografía do corpo do animal sobre a area e a foto final do seu esqueleto, finalmente rematado, hai un longo traxecto de máis de seis anos, no que tantas veces estivemos a punto de desanimarnos.
Para chegar a esta foto foi precisa unha complexa historia de esforzos, de alegrías e tamén de infortunios. Todo elo sobre unha base robusta de traballo no que colaborou moitísima xente que aportou a súa axuda, pequena ou grande, pero fundamental para chegar a este resultado.



Un proxecto inicial de CEMMA e da sección de Mamíferos Mariños da SGHN, con aquel varamento como tantos outros ós que se acude ó longo do ano, nesta praia, naquel areal; outro corpo deitado na area cunha historia detrás. A noviña femia, preñada prematuramente e aquel feto no seu ventre ..., son todos recordos que forman parte desta historia de morte e de vida.
A CEMMA e a SGHN puxeron as mans para a dura tarefa de desmembrar o corpo do gran cetáceo e para darlle sepultura controlada. Houbo quen puxo ata a terra onde ficaría o animal e quen vixiou cada día que os raposos non se levaran os osos máis pequenos.



Soñamos entón con aquel corpo formando parte do haber expositivo do “Museo da Natureza”, aínda sabendo que case non contamos con axudas e que un proxecto como este require de financiamento suficiente para chegar a bo termo.
Case tódolos esqueletos que se van recollendo nese esforzo conxunto de estudio dos mamíferos mariños entre a CEMMA e a SGHN, seguidora a primeira do traballo iniciado en Galicia pola segunda, teñen ó “Museo da Natureza” como depositario destes magníficos animais protexidos e amparados por las leis actuais, tanto nacionais como internacionais. Porque finalmente a nosa maior preocupación é a protección dos mamíferos mariños e achegar o coñecemento desta protección e da súa bioloxía á xente.


A SGHN non ten bens nin propiedades. O seu activo económico se limita ás cotas dos socios que non cobren nin as necesidades más elementais, así que as máis das veces, a maioría das súas delegacións non posúen nin local social. Aínda así con todas esas limitacións, o traballo de moitos dos seus socios serviu de xerme para o proxecto dunha mostra expositiva que coa fundamental contribución dos mamíferos mariños levounos ata esta “case” realidade dun Museo de Historia Natural na Delegación de Ferrol da SGHN.

Nembargante, toda a obra que temos no noso haber e que puxemos a disposición dos gobernantes para ese proxecto único, tan só conseguiu que o Concello de Ferrol aportara o diñeiro para manter dous escasos postos de traballo para monitores que ensinaran, guiaran e coidaran dese material expositivo mantendo aberta a mostra expositiva e non houbo ningunha outra implicación, obviando que construír, reconstruír, crear, restaurar, montar e manter supón un esforzo excepcional que de ningunha maneira pode soportar unha entidade sen ánimo de lucro.

É moito o que nos ofrecemos e moi pouco o que se nos brinda. Para que toda a obra poda ensinarse son precisos materiais e mano de obra, porque xa non estamos a falar de mostras entre amigos, senón dun gran proxecto, que si non se apoia de xeito serio, se afunde sen remisión.

Ante a nula resposta das autoridades máis próximas a nos, pouco o nada entusiasmados cun proxecto que, seguramente é demasiado grande para eles, quedaban tan só dos opcións, pechar as nosas ilusións para sempre o achegarnos a propostas de quen ofrenda proxectos reais e viables para poder culminar un traballo desta envergadura.
Un concello pequeno como Sanxenxo, tan vinculado a este cachalote que foi a morrer a unha das súas praias, conseguiu os permisos precisos e financiou enteiramente este proxecto de montaxe do gran esqueleto.


E así vimos saír o venres pasado o noso traballo pola porta rumbo á provincia de Pontevedra, con sentimentos contrapostos. Por unha banda orgullo polo traballo ben feito que poderá ser ensinado cara ó publico. Por outro, certa tristura que unha vez máis teñamos que vivir na escuridade, sentíndonos foráneos na nosa propia casa e de prestado. Sen que ninguén aposte polo noso esforzo, condenándonos a vivir subsistindo e mantendo escasamente á xente ilusionada ó noso redor. Sabedores de que se finalmente os derradeiros puntais que manteñen o edificio do proxecto, se caen, o edificio da ilusión derrubarase por completo. Tómese isto como unha metáfora e como unha realidade.

Noraboa para todos e cada un dos que participaron neste proxecto. Parabéns para quen estivo ata o final, aguantando todos os inconvenientes.
O noso afecto vai para quen nos alentaba a seguir, pese a todo. Celebraremos este renacer do cachalote, aínda que non sexa no noso Museo.

----------

Etiquetas: ,

27.8.09

A Esmorga ante todo - ¡Isto é Ferrol!

Onte puxemos ao límite o noso corazón. Pensamos “Ata aquí chegamos” mentres viamos as lapas trepar polos muros da casa contigua ó antigo hospicio. Unha casa xa antiga, dos anos cincuenta probablemente, aínda que non tanto como a que nos acolle, un vello caserón condenado a morrer pola desidia da administración. O incendio se cebou co último piso deixando ós seus inquilinos sen fogar entre unha morea de espectadores, atentos ó dobre espectáculo da desgracia e da música, o concerto previsto para esa noite na praza de Amboaxe e que finalmente, e sorprendentemente, se celebrou.

E mentres mirábamos ó ceo, pendentes de que as lapas non invadiran o noso fogar social e o fume nos envolvía enchéndonos dese olor que nos acompañou ata o catre, as primeiras notas de música soaban, dando ó conxunto de imaxes un dramatismo maior.

Pensei facer fotos dos rostros presentes, das luces, dos vehículos oficiais ... pero non era quen de facelo do ruído, das voces, da música .... do olor, e finalmente gardei a cámara.

Fora xa de perigo o noso patrimonio, deixamos o escenario cun acre sabor de boca, froito do medo por sentirse ó bordo do desastre, da perda total pero froito tamén de presenciar a dor de quen aínda que afortunadamente non tivo danos persoais, perdeu todo o que tiña e observaba agora as cinzas fumeantes co fondo da esmorga formada na praza que nese intre estaba xa no seu apoxeo.


Eu me pregunto, ¿non debería deixarse a festa para outro día?. E non só por seguridade, ¡que tamén!, senón por solidariedade co que sufre.
Tan ansioso está o ser humano pola xoldra e a enchente neste país, que ante a dor allea nin sequera se pensa nin por un segundo en paralizar a farra. ¡Non vaia ser que elo ocasione danos morais ós sufridos festeiros!.

As decisións importantes requiren de principios e de homes e mulleres destacados e xustos. Non vale todo na vida nin todo ten o mesmo valor e posuír un cargo destacado na administración, a de aquí, a de alá ou a da máis acolá, implica ten nas mans a cultura social e moral dese pobo representado. Queremos dos políticos que eliximos implicación nas decisións aínda que sexan difíciles e non gusten á maioría. Queremos que coiden ó cidadán e a cidade, o ecosistema no que vivimos todos. Para convivir precísanse exquisitas normas de conducta que axuden á comprensión entre os cidadáns e axilidade no mantenemento das estructuras desta gaiola de cemento na que vivimos.

Non poderíamos falar máis claro se nos poñemos nos como exemplo do que non hai que facer: deixar que un patrimonio científico e expositivo se poña en perigo unha e outra vez , mentres non se fai o mínimo esforzo por levar adiante as obras necesarias para remedialo. Pero estamos a falar de obras, unha palabra con curto desenrolo na nosa cidade e falamos de priorizar a solidariedade moral antes que as festas e ambos conceptos aparentan ter dificultades de realización. Yosy
-----

Etiquetas:

29.9.08

FOSILES DE CETÁCEOS – Dous exemplares doados para o “Museo da Natureza”


Nun curto intervalo de tempo recibiuse a doazón de dous fósiles de cetáceos recollidos a máis de cuarenta millas da costa, nun caladoiro de pesca, para o “Museo da Natureza”.

Aínda sen identificar, nun futuro procederase ó seu estudio para determinar, se é posible, a especie de que se trata.
------

Etiquetas: ,

11.9.08

A morte sobre a area galega – Un caldeirón, un sono (Setembro 2008)

Chegou vivo coa mínima forza para arribar á praia salvaxe e escondida, rozar a fina pel contra os grans e morrer. Máis de cinco metros dun animal morto sobre a area. Os cetáceos volven á terra da que proceden cando xa non teñen forzas para seguir na mar.
Tivemos que percorrer a pe un longo traxecto ata chegar ata o seu corpo e o atopamos así, como se ve na foto, aparentando durmido baixo o sol nun sono imposible para un mamífero mariño. Sen feridas, sen danos aparentes, canso de vivir soamente.
Deunos magoa abrir co bordo do coitelo o corpo íntegro e perfecto para obter as mostras que se requiren no noso traballo, romper a fina e suave pel que resistiu tantos embates e quizais tantos inimigos. O corpo daquel animal, tan grande, tan forte e maxestoso, non debera corromperse nunca, permanecer deste xeito sobre a area inmaculada, como un monumento á vida.
Houbemos de penetrar nas súas vísceras enchendo coa súa sangue as mans, para que algún día se coñezan os motivos polos que morren os caldeiróns, alí na soidade da praia escondida que o animal ou as correntes elixiron. Desmembrar o seu corpo inmenso que nos fixo sentir máis pequenos se cabe.
Xunto a el, cumprindo un traballo necesario aínda que desagradable, do que a SGHN ten a honra de ser pioneira e que segue a cumprir coa sección de Mamíferos mariños que neste intre colabora coa coordinadora para estes estudios (CEMMA) que desde fai quince anos, leva a dirección actual para toda Galicia.
Houbo bos anos cheos de gloria, con xente entusiasta co proxecto e con ganas de traballar e aprender, dos que da boa conta o moito material con que conta o “Museo da Natureza”. Outras etapas tamén máis negras, que se tentan superar como se pode, nas que a soidade do caldeirón na praia é máis real que nunca.
Houbo un sono de caldeiróns, perdido na area branca, no que a forza e a ilusión duns poucos, as veces illados, fixo pensar que chegaba para crear cos colosos dos nosos mares, un gran museo en Galicia.
Pero o caldeirón non durmía, alí quedou roto a expensas da marea mentres nos camiñabamos, volvendo de cando en vez os ollos para contemplar a súa cada vez máis pequena figura.
------

Etiquetas: ,

10.9.08

“Museo da Natureza” – doazón de restos óseos históricos de cetáceos

A colección de restos óseos de mamíferos mariños con que conta o “Museo da Natureza” viuse incrementada pola doazón da colección histórica que realizaron Xosé Manuel Penas Patiño e Tucho Seaje nos primeiros tempos da SGHN. Estes fondos supoñen o primeiro esforzo polo estudio e coñecemento dos cetáceos na nosa Comunidade, do que se entende a extraordinaria importancia que teñen tanto para a Sociedade Galega de Historia Natural como para a CEMMA, que actualmente coordina os esforzos que se están a facer para o coñecemento destes animais.
Restos actualmente en estudio e clasificación, pero dos que xa se puido comprobar que existen dous especies novas de cifios, aínda sen determinar, que poderían supoñer un dato importante non só para a nosa colección, senón para a estadística científica galega en materia de mamíferos mariños.
Máis adiante aportaranse máis datos sobre esta importante doazón e sobre aqueles primeiros estudiosos, socios fundadores da SGHN, que deixaron para a historia do coñecemento e da defensa dos mamíferos mariños, una traxectoria de traballo fundamental para a súa efectiva continuidade.

------

Etiquetas: ,

23.7.08

"Casa do Coronel" - Obras de novo

Durante todo este mes de xullo están a realizarse obras na "Casa do Coronel", a que desexamos sexa a nova sede para a SGHN e o seu "Museo da Natureza", despois de máis dun ano de abandono das mesmas.
Toda a actuación refírese, polo momento, a completar a reforma do que vai ser a sala de exposicións, no primeiro andar do edificio, así como á preparación da instalación do ascensor.

Etiquetas: ,


Etiquetas:

4.7.08

MUSEO DA NATUREZA” – HOXE PECHAMOS POR DERRUBE - (4 de xullo de 2008)







Hoxe cando chegamos á Sociedade moi cedo para atender á Tartaruga Mariña que temos en recuperación, nos atopamos que parte do teito do local caeu durante a noite enchendo de cascotes unha zona da exposición.
Avisados os bombeiros e trala evaluación da situación, entendemos que debemos pechar a exposición por seguridade. Dóenos profundamente ter que tomar esta decisión, precisamente no inicio do verán, cando se recibe un maior número de visitantes, pero o noso vello local vaise morrendo e o fai derrumbándose pouco a pouco sobre as nosas cabezas. Non podemos poñer en perigo as vidas daquelas personas que se achegan a contemplar o que se conseguiu co esforzo e o traballo de naturalistas e científicos ó longo de máis de trinta anos
Mantivemos aberto o noso Museo durante todos estes anos, a pesar de todas as incidencias, accidentes e inconvenientes que foron xurdindo. A pesar tamén do nulo interese que os nosos gobernartes teñen pola cultura en xeral e pola que nos ofrecemos en particular.
Do noso caso, pódese dicir que ninguén ten máis que ofrecer que reciba menos. Menos apoios económicos, de infractutura e nin tan siquera morais.
Vivimos na ignorancia total coa resposta cotián de que non hai cartos, a lo menos non os hai para nos.
Así é que hoxe, 4 de xullo de 2008, pechamos tristemente cara ao público o que foi e segue a ser o noso orgullo, o Museo de Historia Natural máis completo de Galicia.
------------

Etiquetas:

13.4.08

FOSILES – Estudio morfolóxico de tres exemplares do “Museo Marítimo de Asturias” – (12 abril 2008)



Membros da SGHN desprazáronse a Luanco para tomar fotografias e datos da morfoloxía de tres fósiles de mamíferos mariños, expostos no “Museo Marítimo de Asturias” , dos deles descoñecidos polo momento e o terceiro procedente de Sudáfrica, posiblemente do xénero mesoplodón.

Estes estudios enmárcanse dentro da liña de investigación aberta fai dous anos, en colaboración co Museo de Historia Natural de Rotterdam e o Museo de Ciencias Naturais de Bélxica.

Os datos procesaranse de forma conxunta para o estudio dos achádegos realizados na costa cantábrica e galega.


Etiquetas: ,

1.2.08

¿Qué foi de “A Casa do Coronel”?, a nova sede da SGHN – (1 febreiro 2008)

Uns cantos meses xa por riba das nosas vidas, sen coñecer como vai ser o futuro. Pregúntannos que foi da “Casa do Coronel” e por qué non trasladamos o noso “Museo da Natureza” á prometida nova sede. Como as imaxes contan máis que mil palabras, aquí tedes o presente do cada vez máis desmantelado caserón para que xulguedes por vos mesmos.









Etiquetas: