11.9.08

A morte sobre a area galega – Un caldeirón, un sono (Setembro 2008)

Chegou vivo coa mínima forza para arribar á praia salvaxe e escondida, rozar a fina pel contra os grans e morrer. Máis de cinco metros dun animal morto sobre a area. Os cetáceos volven á terra da que proceden cando xa non teñen forzas para seguir na mar.
Tivemos que percorrer a pe un longo traxecto ata chegar ata o seu corpo e o atopamos así, como se ve na foto, aparentando durmido baixo o sol nun sono imposible para un mamífero mariño. Sen feridas, sen danos aparentes, canso de vivir soamente.
Deunos magoa abrir co bordo do coitelo o corpo íntegro e perfecto para obter as mostras que se requiren no noso traballo, romper a fina e suave pel que resistiu tantos embates e quizais tantos inimigos. O corpo daquel animal, tan grande, tan forte e maxestoso, non debera corromperse nunca, permanecer deste xeito sobre a area inmaculada, como un monumento á vida.
Houbemos de penetrar nas súas vísceras enchendo coa súa sangue as mans, para que algún día se coñezan os motivos polos que morren os caldeiróns, alí na soidade da praia escondida que o animal ou as correntes elixiron. Desmembrar o seu corpo inmenso que nos fixo sentir máis pequenos se cabe.
Xunto a el, cumprindo un traballo necesario aínda que desagradable, do que a SGHN ten a honra de ser pioneira e que segue a cumprir coa sección de Mamíferos mariños que neste intre colabora coa coordinadora para estes estudios (CEMMA) que desde fai quince anos, leva a dirección actual para toda Galicia.
Houbo bos anos cheos de gloria, con xente entusiasta co proxecto e con ganas de traballar e aprender, dos que da boa conta o moito material con que conta o “Museo da Natureza”. Outras etapas tamén máis negras, que se tentan superar como se pode, nas que a soidade do caldeirón na praia é máis real que nunca.
Houbo un sono de caldeiróns, perdido na area branca, no que a forza e a ilusión duns poucos, as veces illados, fixo pensar que chegaba para crear cos colosos dos nosos mares, un gran museo en Galicia.
Pero o caldeirón non durmía, alí quedou roto a expensas da marea mentres nos camiñabamos, volvendo de cando en vez os ollos para contemplar a súa cada vez máis pequena figura.
------

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio