OSO FERIDO POR CAZADORES FURTIVOS NO ALTO SIL
O alcalde de Páramo de Sil dedica unha serie de frases politicamente correctas como “que espera que los responsables de la situación que está padeciendo el animal paguen como deben" e que "Me encantaría que la gente que pone lazos fuese pillada 'in fraganti' y pagara con lo que más duele, que yo creo que no es la cárcel, sino el bolsillo", engadindo que "no es justo que esta vergüenza la paguen todos los cazadores, que en su inmensa mayoría actúan como deben y cumplen la ley". Supoñemos que o rexedor municipal se refire á lei que regula el como e a quen matar adecuadamente e non ó quinto mandamento nin ó disposto na Código Penal , que se ben di que é punible o delicto consumado e a tentativa de delicto, está a falar de eventos de dúas patas (excepto aves), nun país con escasos e pouco cumpridos regulamentos na defensa do medio ambiente e no se prefire o bolsillo á carcel cando a víctima é o animal e o asesino o humano.
Toda esta ruta, a medio camiño entre a riqueza que se supón debera reportarlle a minería e que se pon de manifesto en exhibicións de aparente benestar e unha pobreza social de cara á cultura e á defensa e coñecemento dos seus valores naturais, estremece cando se aprecia desde o seu interior. E o fai tanto por esa beleza da súa natureza salvaxe como pola negrura social que se deixa entrever.
A primeira vez que viaxamos río arriba, o fixemos tentando chegar a Asturias polo interior, indagando nunha ruta máis curta para a terra prometida, Somiedo. Percorremos un a un cada pobo, por unha estrada local, substituída hoxe en parte por unha autovía. Deixamos os ollos e o corazón en aquelas estructuras de cemento e ferros que se levantan case na beira do Sil, ennegrecidas polo cabón e rodeadas de montañas de derrubios que non deixan velo río. As casas, adornadas tamén co loito contaminante, ademais dos poboamentos tradicionais se estenden en construccións uniformes para aloxamento dos mineiros, preto das zonas de extracción.
Non fomos quen de remontalo río nunha xornada e fixemos noite durmindo preto do río ferido, ó pairo, baixo unha ponte. Unha noite de alarma, co ruído dun tráfico agresivo que non durmía e que nos facía adiviñar a presenza próxima do gran poboamento que é Villablino. As paredes da montaña, baixando a un e outro lado da ferida da estrada e do río presentábanse acolledoras, invitándonos a penetrar no seu dominio e escapar da algarabía humana.
Villablino é un pobo, case unha cidade, no que non se podía atopar unha tenda de libros, pero si armerías e tendas de subproductos da caza. Desde esa primeira viaxe, que nos deixou unha forte pegada na memoria, fixemos outras moitas, aprendendo a pasar apresa por estas terras que seguen a impresionarnos e a desexar internarnos neses bosques interminables e puros das terras do Sil.
Tentámolo sen éxito e máis que rexeitarnos a terra, rexeitounos o home, nunha zona dedicada intensamente á caza e á pesca, que non contempla outro xeito de comunicación co medio que non sexa a morte. Imposibilitados de atopar un establecemento que dera aloxamento a uns “boteiros” que por riba non levaban escopeta, cansados como están os seus donos dos malos modos e conducta dos cazadores, foron pechando as portas dos seus negocios e nin entendían que alguén quixera subir a o monte como non fose a cazar.
Sempre nos quedará a solución de orixe, non durmindo baixo unha ponte, pero si dentro do bosque a pesar dos lazos que pon a única especie que pode sobrevivir nestas montañas, o home depredador.
En toda a súa historia é evidente que a “Junta de Castilla y León” non pode solucionar a precariedade actual no comportamento social con respecto á carencia do orgullo de posuír unha natureza espléndida e unhas especies animais únicas. A noticia última é que a día de hoxe aparcouse a procura do animal e xa se está a falar de si a administración paga o non paga os danos que fai o oso nas colmeas. Esa discusión non é seria e non desculpa as actitudes violentas cara ó máis débil , inocente e á vez o máis valioso en toda esa escena, que é o oso. A falta de atopar os dez homes xustos de Abraham, que seguro existen, nunha grande e destacada parte la sociedade falla a cultura de base e a preocupación e coñecemento ecolóxico. Sobran facilidades para o exercicio da caza e permisibilidade de cara a quen a practica. Mentres se siga a priorizar a existencia dunha natureza dedicada a destruír en lugar de considerala como un ben único do que se poda aprender e disfrutar espetándoo, non hai nada que facer.
Se fose oso, tentaría emigrar cara ó norte, ás montañas asturianas, deixando baleira esta terra fermosa que hoxe por hoxe non merece a presenza do magnífico animal. Yosy
Etiquetas: Medioambiente e ecoloxía
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio