27.8.09

A Esmorga ante todo - ¡Isto é Ferrol!

Onte puxemos ao límite o noso corazón. Pensamos “Ata aquí chegamos” mentres viamos as lapas trepar polos muros da casa contigua ó antigo hospicio. Unha casa xa antiga, dos anos cincuenta probablemente, aínda que non tanto como a que nos acolle, un vello caserón condenado a morrer pola desidia da administración. O incendio se cebou co último piso deixando ós seus inquilinos sen fogar entre unha morea de espectadores, atentos ó dobre espectáculo da desgracia e da música, o concerto previsto para esa noite na praza de Amboaxe e que finalmente, e sorprendentemente, se celebrou.

E mentres mirábamos ó ceo, pendentes de que as lapas non invadiran o noso fogar social e o fume nos envolvía enchéndonos dese olor que nos acompañou ata o catre, as primeiras notas de música soaban, dando ó conxunto de imaxes un dramatismo maior.

Pensei facer fotos dos rostros presentes, das luces, dos vehículos oficiais ... pero non era quen de facelo do ruído, das voces, da música .... do olor, e finalmente gardei a cámara.

Fora xa de perigo o noso patrimonio, deixamos o escenario cun acre sabor de boca, froito do medo por sentirse ó bordo do desastre, da perda total pero froito tamén de presenciar a dor de quen aínda que afortunadamente non tivo danos persoais, perdeu todo o que tiña e observaba agora as cinzas fumeantes co fondo da esmorga formada na praza que nese intre estaba xa no seu apoxeo.


Eu me pregunto, ¿non debería deixarse a festa para outro día?. E non só por seguridade, ¡que tamén!, senón por solidariedade co que sufre.
Tan ansioso está o ser humano pola xoldra e a enchente neste país, que ante a dor allea nin sequera se pensa nin por un segundo en paralizar a farra. ¡Non vaia ser que elo ocasione danos morais ós sufridos festeiros!.

As decisións importantes requiren de principios e de homes e mulleres destacados e xustos. Non vale todo na vida nin todo ten o mesmo valor e posuír un cargo destacado na administración, a de aquí, a de alá ou a da máis acolá, implica ten nas mans a cultura social e moral dese pobo representado. Queremos dos políticos que eliximos implicación nas decisións aínda que sexan difíciles e non gusten á maioría. Queremos que coiden ó cidadán e a cidade, o ecosistema no que vivimos todos. Para convivir precísanse exquisitas normas de conducta que axuden á comprensión entre os cidadáns e axilidade no mantenemento das estructuras desta gaiola de cemento na que vivimos.

Non poderíamos falar máis claro se nos poñemos nos como exemplo do que non hai que facer: deixar que un patrimonio científico e expositivo se poña en perigo unha e outra vez , mentres non se fai o mínimo esforzo por levar adiante as obras necesarias para remedialo. Pero estamos a falar de obras, unha palabra con curto desenrolo na nosa cidade e falamos de priorizar a solidariedade moral antes que as festas e ambos conceptos aparentan ter dificultades de realización. Yosy
-----

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Página principal