27.4.09

A nova XUNTA DE GALICIA … esperando cara á costa.


Nos derradeiros días o novo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo deu forma ó novo goberno galego e puidemos coñecer como primeira medida que para o próximo futuro teremos dez consellerías, en lugar das catorce existentes no goberno anterior.
Non vamos a relacionar aquí a totalidade das consellerías nin tódolos nomes dos seus responsables, unha información suficientemente publicada nos medios de comunicación. Preocúpanos en especial unha consellería, a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, super-consellería con, aparentemente, intereses contrapostos.
Toda a política de ordenación do territorio queda integrada nesta consellería, responsabilidades de evaluación ambiental, xestión de resíduos, Augas de Galicia e SOGAMA. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza pasa a depender doutra Consellería a de Medio Rural, co seu responsable á cabeza, Samuel Jesús Juárez Casado, con competencias en materia de espazos protexidos, Rede Natura e tódalas actividades que se realicen nos espazos naturais, así como as das matanzas (caza e a pesca). Queda pendente aínda a creación dunha Dirección Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe, nome este de “sustantibilidade” pomposo e abondo sospeitoso, ó meu entender.
Dí o novo Presidente da Xunta, referíndose á Lei do Litoral, que “Prohibir é o contrario de ordenar”, obviando que para ordenar adecuadamente é necesario prohibir en moitas ocasións, por riba de todo cando se contrapoñen os intereses da especulación cos do medio ambiente.

A prohibición de construír na franxa costeira de 500 metros, remata o próximo 17 de maio. Foron dous anos de descanso para unha paisaxe xa suficientemente estragada pola construcción abusiva. O novo goberno prometeu prorrogar a prohibición ata que entre en vigor o Plan de Litoral, previsto para este mesmo ano.
Unha nova moratoria, que como a das baleas, vai manter a salvo da destrucción o pouco que nos queda virxe na nosa comunidade.
Hai que dicir que aqueles que somos especialmente sensibles a estes temas, temos certa preocupación. Sabemos que as moratorias morren todas coas crises. Rematan cando se antepón o dereito a comer ós outros dereitos, falando de xeito extremado ¿Qué vai pasar cando chegue o fin da prórroga?. Mentres tanto os promotores inmobiliarios se fregan as mans ante discursos como: “o que hai que facer é ordenar o litoral e non paralizar as licencias”. Fálase xa de vivendas residenciais e turísticas, de postos de traballo... todo elo sobre o corpo inerte desa costa nosa tan ameazada e tan querida.
Esperaremos serenos, sosegados, calmos e esperanzadores as decisión que o novo goberno vaia a tomar sobre os temas que miran ó mar e que afecten a esa costa que define o noso carácter e a nosa cultura.
Con calma, porque hai que deixar traballar ó que entra e con esperanza de que non pese máis o interese do diñeiro que a defensa da natureza e que o novo Presidente Núñez Feijóo traia no seu saco, entre outros retos, a protección dun dos nosos maiores tesouros, o litoral galego.
Yosy
------------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio