13.3.09

A FROUXEIRA (Valdoviño) – Maltratada polos miserentos.


A imaxe corresponde a un entorno coñecido e importante da nosa costa, a Lagoa da Frouxeira e o seu entorno dunar, declarado zona de especial protección para as aves (ZEPA), humidal protexido de importancia internacional, lugar de importancia comunitaria (Zona Ártabra, LIC) e zona RAMSAR, ademais de estar incluída no inventario de SEO/BirdLife.
No fondo da fotografía pódese apreciar a barreira dunar, mostra do amplo abanico de dunas que se poden atopar neste entorno natural, tanto móbiles embrionarias, móbiles de litoral, costeiras fixas ou grises, como dunas con céspedes.
As frechas vermellas marcan o remate da antiga pista, probablemente aberta no seu día na triste historia de extraccións que sufriu este areal na década dos anos 70 do século pasado, das que é testemuña as diferentes charcas que se poden atopar por todo o entorno. Marcan tamén as frechas vermellas as rodalas deixadas por vehículos que chegan ata o límite da pista e outras que o sobrepasan esta invadindo claramente a zona dunar.
No ano pasado a Dirección Xeral de Costas fixo unha serie de intervencións neste espazo protexido nas que se inclúen pasarelas de madeira para a circulación de persoas, poñendo fin ó acceso de vehículos. No ano pasado e na época estival xusto na entrada desta pista levantouse unha caseta informativa con vixilancia presencial permanente que axudou, sen dúbida, a ensinar ó público as normas de conducta que se deben adoptar nun espazo natural da importancia que ten o da Frouxeira. Desaparecida a presenza oficial de Costas e como se pode apreciar na foto, a prohibición de entrada de vehículos non se respecta.
Pois ben, a frecha azul marca o punto, ó final da pista indicada, onde se está a facer unha extracción de area por un o varios particulares de natureza cutre, que precisa da escuridade para roubar o saquiño de area do patrimonio común. Unha area que podería mercar de xeito fácil, económico e máis axeitada de cara á construcción.
Alí deixou o miserento a súa mexada, un oco na area e unhas rodadas son a marca do ladrón.
Pero aínda son máis os ataques que sofre a Frouxeira e máis os miserentos, cutres morais que deixan as marcas das rodas dos vehículos, motos, todo-terreos e os inútiles quads, deixando sucos destructores nunha vexetación que a natureza tardou anos en crear, espantando ós animais que ano tras ano buscan na zona natural imprescindible refuxio, alimentación, cría e descanso durante as longas viaxes de hibernada. Animais que teñen que fuxir ante a presenza de quen antepón a súa diversión ós dereitos dos demais.
Pedir conciencia a quen non a ten e unha inutilidade, pedir vixilancia permanente e educación á poboación si é efectivo. As leis se crean para corrixir, delimitar, amosar ós humanos un xeito común de compartir con respecto. Non existen por capricho, senón por necesidade, aprender a respectalas por parte de todos e poñer os medios e os axentes para que se cumpran é a aínda unha disciplina pendente.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio