17.2.09

Varamento de GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba)

GOLFIÑO RISCADO
Stenella coeruleoalba




Coñecida é a tendencia ós varamentos en terra desta especie, axudada pola gran cohesión das mandas. Nesta ocasión a dous exemplares moi noviños atrapounos a praia nunha ría de contrastes cromáticos creados pola mar que pinta de azul ou da cor da area. Un deles, quebrado pola súa doenza non conseguiu superala proba da terra e ficou morto alí onde a liña da marea marca o seu dominio. O outro, máis pequeno e alleo as augas someras, que seguiu ó primeiro na aventura, non encontrou xeito algún de volver ós seus dominios e quedou preto del, nunha cárcere sen volta.



Houbo quen pasou ó seu lado e non se doeu do pequeno náufrago na terra, que se fería nun desesperado intento de volver á auga. Pero houbo tamén outros que atenderon ó animal e lle prestaron axuda ata que chegamos ó seu carón.



Protección Civil, que como é habitual na maioría dos pobos da nosa Comunidade presta a súa axuda máis aló do inimaxinable, homes e mulleres dispostos sempre a colaborar en toda circunstancia que precise do seu apoio e que unha vez máis se fixo evidente nesta ocasión.



O grupo de traballo da CEMMA formado por membros da SGHN tratou de darlle ó animal unha segunda oportunidade para a vida e no intento colaboraron de xeito desinteresado dous embarcacións do Porto do Barqueiro, a pequena lancha de “Potes” e o pesqueiro “Antares”. Sen elas o animal e os seus coidadores non serían quen de saír do abrazo desta ría dominada polo Río Sor.


Ata tres veces varou o animal e tres tamén foron os intentos. Ó final o golfiño deixou atrás a Illa Coelleira, nadando con forza cara ó mar. --------------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Página principal