10.12.09

TARTARUGA DE COIRO (Dermochelys coriacea): Unha reliquia do pasado

A primeira vez que na SGHN recollimos o corpo dunha Tartaruga de coiro, un animal algo máis pequeno que este, a persoa que nos levou ata ela, a describiu como un “monstro mariño” e non como unha tartaruga, xa que non tiña unha cuncha como elas Aquel animal descansaba sobre un entarimado de madeira na lonxa de Ferrol, atrapado accidentalmente nas redes dun pesqueiro, causaba o estupor de quen a miraba.
Para este animal considerado “ameazado”, que se inclúe no apéndice I do CITES, no apéndice II co Convenio de Berna e que se atopa como especie prioritaria para a CEE, os perigos derivados do tráfico marítimo e da pesca son unha das maiores ameazas, xunto coa desaparición do seu territorio de reproducción e a mala saúde dos océanos.



A vida deste enorme animal é practicamente peláxica, fora dos momentos da posta de ovos nas praias de centroamérica, na Guayana francesa de xeito especial e na cosa noroccidental de Africa. A etapa reproductiva é un dos momentos máis críticos na súa vida, que algúns exemplares non superan. As femias poden facer nidadas de máis de 150 ovos de cada vez en varias saídas a terra. Cando os ovos eclosionan as crías loitan por chegar ó océano nun camiño cheo de perigos, onde os pequenos animais duns 50 mm de longo desafían a unha morea de depredadores que merman considerablemente o éxito reproductivo destes galápagos.
A tartaruga da foto ten máis dun metro e medio de lonxitude, pero aínda podería crecer máis, ata superar os dous metros con máis de 500 quilos de peso. O seu nome en galego “de coiro” define perfectamente a impresión que se ten cado vemos a este animal, con todas esas laminiñas óseas revestidas con pel. A súa viaxe truncouse en augas galegas, ficando así enriba da area arrastrado pola forte marea dos últimos días, con fortes ventos do Sur.



Etiquetas:

10.3.09

CETÁCEOS: Caldeiróns (Globicephala melas) sobre as rochas galegas



Os dous animais comparten un tempo de morte e un mesmo espazo. Separados entre si uns poucos quilómetros, ambos descansan rotos sobre as rochas de coídos. Case poderían pasan desapercibidos no día gris e chuvioso, confundidos coas pedras asentadas pola mar na dura e fermosa costa galega. Máis de catro metros de lonxitude cada un deles, agora inertes e tortuosamente encaixados no releve pétreo, pero que non fai tanto nadaban lixeiros, lonxe da terra e alleos a ela.
Os baleeiros puxéronlle o nome Caldeirón polo parecido da súa cabeza con un caldeiro negro de ferro “potheads”. Con dous especies o Caldeirón común (Globicephala melas) e o Caldeirón tropical (Globicephala macrorhynchus), golfiños, a pesar do seu gran tamaño, os caldeiróns tropicais propios de augas máis cálidas, morrían tamén esta pasada semana ó outro lado do mundo, varados por centos nunha praia. Saíron na prensa, falsamente chamados como “Baleas piloto”, unha mala traducción do nome de estes animais en inglés: “Pilot whale”.
----------

Etiquetas:

17.2.09

Varamento de GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba)

GOLFIÑO RISCADO
Stenella coeruleoalba




Coñecida é a tendencia ós varamentos en terra desta especie, axudada pola gran cohesión das mandas. Nesta ocasión a dous exemplares moi noviños atrapounos a praia nunha ría de contrastes cromáticos creados pola mar que pinta de azul ou da cor da area. Un deles, quebrado pola súa doenza non conseguiu superala proba da terra e ficou morto alí onde a liña da marea marca o seu dominio. O outro, máis pequeno e alleo as augas someras, que seguiu ó primeiro na aventura, non encontrou xeito algún de volver ós seus dominios e quedou preto del, nunha cárcere sen volta.



Houbo quen pasou ó seu lado e non se doeu do pequeno náufrago na terra, que se fería nun desesperado intento de volver á auga. Pero houbo tamén outros que atenderon ó animal e lle prestaron axuda ata que chegamos ó seu carón.



Protección Civil, que como é habitual na maioría dos pobos da nosa Comunidade presta a súa axuda máis aló do inimaxinable, homes e mulleres dispostos sempre a colaborar en toda circunstancia que precise do seu apoio e que unha vez máis se fixo evidente nesta ocasión.



O grupo de traballo da CEMMA formado por membros da SGHN tratou de darlle ó animal unha segunda oportunidade para a vida e no intento colaboraron de xeito desinteresado dous embarcacións do Porto do Barqueiro, a pequena lancha de “Potes” e o pesqueiro “Antares”. Sen elas o animal e os seus coidadores non serían quen de saír do abrazo desta ría dominada polo Río Sor.


Ata tres veces varou o animal e tres tamén foron os intentos. Ó final o golfiño deixou atrás a Illa Coelleira, nadando con forza cara ó mar. --------------

Etiquetas:

14.3.08

A PEQUENA BALEIÑA (Balea Alibranca “Balaenoptera acutorostrata”) – (Bares 7 e 8 marzo 2008)




Neste ano no que estamos, moi noviño aínda, rexistráronse xa unha gran cantidade de varamentos de Mamíferos Mariños e Tartarugas. A maioría mortos e algúns vivos, que afortunadamente foron ou están a ser recuperados pola SGHN-CEMMA.
Quero subliñar o acontecido nestas últimas semanas, en canto a o elevado número de animais atopados nas nosas costas, todos eles rexistrados, medidos e a os que se tomaron mostras para posteriores estudios. Non reflectimos nestas páxinas estes rexistros, pero si queremos facelo coa presenza especial dunha Balea Alibranca (Balaenoptera acutorostrata), exemplar inmaturo de poucos meses de idade, que chegou vivo á costa de Bares.
A Balea Alibranca é a máis pequena que podemos atopar nas nosas costas. A súa lonxitude máxima está nuns 10 metros e cunhas 10 toneladas de peso. É a coñecida como “Minke whale” que os xaponeses perseguen e matan cada desgraciada temporada de caza.
O nome de alibranca venlle dado pola cor branca das aletas pectorais, un distintivo para recoñecela no mar. Pese a que se di dela que é a máis abundante de tódalas baleas, é unha especie vulnerable, como todos os mamíferos mariños, situación á que os levou a predación humana.
Aliméntase de krill , pequenos peixes e cefalópodos, por elo sorprende o gran anzol que esta baleíña aparecida en Bares levaba cravado na comisura bucal, con saída polo ollo dereito. Sen dúbida a mala sorte cruzouse na súa ruta, cando atopou este anzol empregado na pesca do peixe espada.
Descoñecemos o acontecido coa nai, xa que este era un exemplar lactante, pero a pequena balea amosábase desnutrida, cun aspecto moi delgado e exhausta.
Sabemos, os que nos dedicamos ao estudio da fauna mariña e a coidar daqueles exemplares que chegan ata as nosas costas feridos, que estes duros acontecementos poden suceder en calquera momento e son aquelas situacións das que non podemos fuxir, nin queremos facelo.
Pero aínda así, situacións como a deste animaliño moribundo e sen posibilidade de recuperación que chega á costa e vara nunha praia o nas rochas, como neste caso, vívense dun xeito tráxico que obriga a tomar decisións dramáticas, pero necesarias, para evitalo sufrimento ao animal.
Este é o caso da pequena baleíña lactante. Foi un tempo agrio, no que se lle deu cariño e compaña, alivio e fin a un animal tan querido por nos e tan ansiado de ver vivo, sucando as nosas augas.
Tardaremos en repoñernos destas duras imaxes. Durante moitos días seguiremos a velo corpo trémulo sobre as rochas e a sentir a súa suave pel baixo as nosas mans.
-----

Etiquetas:

31.1.08

Unha BALEA XIBARTE (Megaptera novaeangliae) enmallada no Golfo Ártabro – (29 xaneiro 2008)


Foi avistada o martes, 29 de xaneiro, polo pesqueiro “RENE II”, que deu o aviso a Salvamento Marítimo. O animal, unha BALEA XIBARTE (Megaptera novaeangliae) de entre 9 e 12 metros de lonxitude, resultara enmallada nunha liña de nasas para polbos, dentro do Golfo Ártabro, a unhas seis millas dende o Faro de Hércules.
Non é frecuente a presencia desta especie de cetáceo nas nosas augas. En Decembro do ano 1979 dérase unha situación similar na costa lucense, concretamente en Foz, cando unha balea duns once metros de lonxitude repetira unha situación similar á presente, con resultado da morte do animal que non puido resistir o lastre do aparello.
Lembrando aquela triste historia vivida na Sociedade Galega de Historia Natural con tristeza e impotencia, recibiuse este novo enmalle con preocupación.


O responsable de Mamíferos Mariños da SGHN, Juan Ignacio Díaz da Silva, do grupo de traballo da CEMMA desprazouse xunto con outro membro da Coordinadora do grupo de A Coruña, José Paradela, no barco da Garda Civil do Mar, que recolleu a ambos nos portos de orixe (Coruña e Ferrol) e os trasladou ata a zona onde se atopaba o animal.

O traballo tiña que facerse coa maior celeridade, coas dificultades que se poden supoñer polo tamaño do animal, a situación de debilidade polo tempo de enmalle e o gran peso da arte de pesca co inmobilizaba, ao que engadíase as poucas horas de luz que quedaban.

Eran as 19:25 horas, cando o mergullador da Garda Civil emerxeu tras cortar o derradeiro cabo das nasas que deixaba liberada por fin ao que pode ser o animal máis acrobático e cantareiro de entre todas as baleas. Que cando salta, saca o corpo case completamente fora da auga, deixando ver las grandes e brancas aletas pectorais, como se danzase.

Temos que significar a inestimable colaboración da Garda Civil do Mar, xa que sen a súa axuda non sería posible ter este final feliz.
Desexamos á nosa rara visitante unha boa viaxe na súa ruta migratoria e que non atope ningún outro atranco.

A Balea Xibarte, que quedou reducida a unha décima parte da súa poboación orixinal pola explotación baleeira, foi unha das primeiras baleas en recibir proteccións para impedir a súa extinción, proteccións que se manteñen na actualidade, sendo o enmalle en aparellos pesqueiros a causa máis frecuencia de morte, tendo como espada de Damocles, os repetidos intentos do goberno xaponés para recuperar as matanzas de esta especie.
Amosámosvos unhas cantas fotos da feliz aventura. Poucas, xa que a premura con que se fixo o rescate impediu obtener máis instantaneas do magnifíco animal e da acción.

Etiquetas:

23.12.07

BALEA XIBARTE (Megaptera novaeangliae) – Un pequeno respiro na loita pola súa supervivencia – (21 decembro 2007)


Corenta anos de tregua, nos que os xaponeses acataron “daquel xeito” a moratoria imposta pola Comisión Baleeira Internacional, ante la case extinción da Balea Xibarte, a fermosa balea que fai uns poucos anos poidemos contemplar “danzando” na Ría de Vilagarcía, espectáculo que congregou a centos de persoas cada día, atentos a cada un dos seus movementos. Afigura que se deixaba deslizar preto do peirao, case deixándose tocar mentres unha multitude asombrada a observaba é unha das especies que suscitan máis interese polos turistas e que xenera unha industria de millóns de dolares.

Este ano, o goberno xaponés deicidiu reiniciar a cactura desta especie, alegando “fins científicos”, cunha previsión de 50 exemplares masacrados, decisión que causou a protesta de moitos países e de grupos ecoloxístas, encabezados por Greenpeace, quen envío un dos seus barcos a interproñerse entre a flota baleeira xaponesa e os animais.

Nestes últimos días o goberno de Australia anunciou a intención de enviar barcos patrulleiros e avións de observación á zona de caza para demostrar a inexistencia de fins científicos nestas matanzas.

Ante a presión internacional, Xapón comunica finalmente que suspende a caza das BALEAS XIBARTES mentres se renegocia a reforma da Comisión Baleeira Internacional, se ben continuará con as previstas matanzas de 850 BALEAS ALIBRANCAS (Minke Whale) e 50 RORCUAIS COMÚNS (Fin Whale).

Moitos animais que aínda esconden maiores cifras masacrados na clandestinidade. Non podemos obviar que se fala tan só de grandes animáis (10 e 27 metros de lonxitude) e non se dín os miles de caldeiróns, golfiños, candorcas e zifios entre outros que son masacrados en estas e outras campañas. Así que a satisfacción que sen dúbida nos causa o pequeno respiro dado ás Xibartes, queda minimizada pola escasa resposta xaponesa, que non está disposta a abandonar a caza de cetáceos e sobre todo pola pouco efectiva presión internacional para impedilo.

---------------

Etiquetas: ,

15.12.07

VARAMENTOS de Mamíferos Mariños – (decembro 2007)


CEMMA-SGHN
Varamentos na costa de Lugo
CALDEIRÓN COMÚN (Globicephala melas)
-----

Etiquetas:

1.12.07

Xornadas sobre os “Espazos e as especies ameazadas” (CEMMA – celebración dos 15 anos de existencia) – (23-25 novembro 2007)


A CEMMA celebrou do 23 ao 25 de novembro, na Casa da Cultura de Gondomar as “Xornadas sobre os Espazos e as Especies Ameazadas”, nas que participou a SGHN como membro activo da CEMMA, cun grupo de traballo para a zona norte de Galicia e a colaboración na recuperación de Lobos Mariños e Tartarugas, labor para a que a Sociedade Galega de Historia Natural posúe unha UCI na súa sede de Ferrol.
O Coordinador de Mamíferos Mariños da nosa Asociación, Juan Ignacio Díaz da Silva actuou como relator co tema “UCI de Lobos Mariños, manexo, coidados e instalacións”. Ao termo das Xornadas e no Auditorio de Gondomar, Alfredo López, presidente da CEMMA fixo un percorrido polos anos de existencia da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños, diante de gran parte dos seus socios fundadores e dos actuais, que neste intre están a traballar nunha morea de proxectos, sempre na procura de coñecer e protexer unha fauna e un ecosistema aínda por descubrir en gran parte.
Rematado o acto celebrouse unha comida conmemorativa que reuniu a moitos dos socios da CEMMA.










Etiquetas: ,

1.10.07

MAMIFEROS MARIÑOS (Varamentos) - Setembro 2007


VARAMENTOS na costa de A Coruña
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)
--------

Etiquetas:

24.9.07

ARROAZ BOTO (Grampus griseus) – (21 setembro 2007)

Apareceu flotando no mar preto do Cabo Prior. Un exemplar de Arroaz Boto (Grampus griseus) de máis de tres metros de lonxitude. Foi levado ata A Coviña, refuxio natural para unha morea de barcas dos pescadores da zona, pola mesma persoa que nos deu aviso da súa presencia e que nos prestou a súa colaboración en todo momento, en compañía doutros usuarios habituais do Porto da Cova.
Ao tratarse dun animal recentemente morto, cun estado de conservación excelente, procedeuse ao operativo para obter tanto o seu esqueleto completo como os moldes do cadáver e as biometrías.
Membros da CEMMA desprazáronse desde Vigo para a necropsia e toma de mostras e por parte da SGHN, ademais da sección de Mamíferos Mariños, colaboraron compañeiros de Coruña, Sada e Ferrol.
O Museo da Natureza contaba xa cun exemplar subadulto desta especie, que ven a completarse con este animal adulto, do que poderemos amosar unha dermoplastia e o seu esqueleto.





Etiquetas: ,

23.5.07

A pequena Toniña “POPEYE” – (Maio 2007)



Descoñecemos a triste historia que se agocha trala aparición de dúas Toniñas (Phocoena phocoena) vivas na costa sur de Galicia. Foi o martes, 15 de maio, en Bueu e Bouzas. Ambas moi pequeniñas, con poucos días de vida, loitando por sobrevivir nun medio agresivo, moito máis se cabe para estes animais indefensos sen a protección da súa manda.
A primeira morreu durante o traslado e a segunda, de 90 centímetros de longo e nove quilos de peso, loitou por sobrevivir durante dous días.
Os nosos compañeiros da CEMMA estiveron ao seu carón todo o tempo coidando e tentando alimentar á toniña, vendo impotentes como se lle escapaba a vida. Momentos duros para quen dedica parte da súa vida á atención e coñecemento destes animais, máis dramáticos se cabe tratándose da escasa e difícil de atopar Toniña, unha das especies máis valiosas da nosa costa. Deixamos como recordo de POPEYE, as fotos coa figura tenra do animaliño rodeado do cariño e coidados dos homes e mulleres da CEMMA.
Un destes compañeiros comparte con todos nos os momentos vividos. Os seus sentimentos chéganos dende a páxina do seu blog: http://papirosdehermaco.blogspot.com/

------

Etiquetas:

5.5.07

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)


Varamentos na costa de A Coruña
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)

Etiquetas:

2.5.07

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba)


Varamentos da costa de LUGO
GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba)
---

Etiquetas:

30.4.07

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - TONIÑA (Phocoena phocoena)


Varamentos na costa de A CORUÑA
TONIÑA (Phocoena phocoena)
---

Etiquetas:

20.3.07

Un recordo para os CALDERÓNS TROPICAIS (Globicephala macrorhynchus) - O Barqueiro, setembro 1998

Nestes momentos, nos que lamentablemente volve á actualidade a caza de mamíferos mariños, nun exercicio cruento e interesado dalgúns seres humanos, resulta confortable recordar como fai case nove anos, un grupo de persoas xuntáronse para tentar salva-la vida duns animais que, lonxe do seu territorio, chegaron as augas galegas para morrer sobre os brancos areais. Un grupo unido pola cohesión familiar que foi deixando cadáveres aquí e ala, ata que nun derradeiro esforzo tomaron rumbo cara á ría de O Barqueiro, río arriba, cambiando as augas salobres polas doces e a morte do grupo como destino. Despois de varios días parando o envite dos grandes corpos naquel setembro, case ás portas do outono, todos os animais foron quedando nas beiras areosas e tan só tres mudaron propósito e rumbo, escollendo a vida. Neste anaco de vídeo vese, mesturado coa xente de CEMMA, SGHN, CEPESMA e membros de Protección Civil, a aquelas outras persoas que tomaban o sol placidamente un bo día, se viron inmersas na penuria e no caos, facendo barreira á morte e preguntándose ¿por que varan os cetáceos?.

Etiquetas:

Etiquetas:

18.2.07

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - Golfiño común (Delphinus delphis)


Varamentos na costa de A Coruña
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)

Etiquetas:

17.2.07

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - Golfiño Común (Delphinus delphis)


Varamentos na costa de Pontevedra
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)

Etiquetas:

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - Golfiño Común (Delphinus delphis)


Varamentos na costa de Pontevedra
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)

Etiquetas:

Mamíferos Mariños (VARAMENTOS) - Golfiño Común (Delphinus delphis)


Varamentos na costa de Pontevedra
GOLFIÑO COMÚN (Delphinus delphis)

Etiquetas: