A PEQUENA BALEIÑA (Balea Alibranca “Balaenoptera acutorostrata”) – (Bares 7 e 8 marzo 2008)
Quero subliñar o acontecido nestas últimas semanas, en canto a o elevado número de animais atopados nas nosas costas, todos eles rexistrados, medidos e a os que se tomaron mostras para posteriores estudios. Non reflectimos nestas páxinas estes rexistros, pero si queremos facelo coa presenza especial dunha Balea Alibranca (Balaenoptera acutorostrata), exemplar inmaturo de poucos meses de idade, que chegou vivo á costa de Bares.
A Balea Alibranca é a máis pequena que podemos atopar nas nosas costas. A súa lonxitude máxima está nuns 10 metros e cunhas 10 toneladas de peso. É a coñecida como “Minke whale” que os xaponeses perseguen e matan cada desgraciada temporada de caza.
O nome de alibranca venlle dado pola cor branca das aletas pectorais, un distintivo para recoñecela no mar. Pese a que se di dela que é a máis abundante de tódalas baleas, é unha especie vulnerable, como todos os mamíferos mariños, situación á que os levou a predación humana.
Aliméntase de krill , pequenos peixes e cefalópodos, por elo sorprende o gran anzol que esta baleíña aparecida en Bares levaba cravado na comisura bucal, con saída polo ollo dereito. Sen dúbida a mala sorte cruzouse na súa ruta, cando atopou este anzol empregado na pesca do peixe espada.
Descoñecemos o acontecido coa nai, xa que este era un exemplar lactante, pero a pequena balea amosábase desnutrida, cun aspecto moi delgado e exhausta.
Sabemos, os que nos dedicamos ao estudio da fauna mariña e a coidar daqueles exemplares que chegan ata as nosas costas feridos, que estes duros acontecementos poden suceder en calquera momento e son aquelas situacións das que non podemos fuxir, nin queremos facelo.
Pero aínda así, situacións como a deste animaliño moribundo e sen posibilidade de recuperación que chega á costa e vara nunha praia o nas rochas, como neste caso, vívense dun xeito tráxico que obriga a tomar decisións dramáticas, pero necesarias, para evitalo sufrimento ao animal.
Este é o caso da pequena baleíña lactante. Foi un tempo agrio, no que se lle deu cariño e compaña, alivio e fin a un animal tan querido por nos e tan ansiado de ver vivo, sucando as nosas augas.
Tardaremos en repoñernos destas duras imaxes. Durante moitos días seguiremos a velo corpo trémulo sobre as rochas e a sentir a súa suave pel baixo as nosas mans.
Etiquetas: Mamíferos Mariños VARAMENTOS
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio