28.2.08

Tartaruga Mariña Común “MEIXIDO” (Caretta caretta) – (27 febreiro 2008)




En setembro do ano pasado, despedímonos de “LUME”, unha Tartaruga Boba, que estivo baixo os nosos coidados durante moitos meses, e nesta semana chega unha nova tartaruga mariña, máis pequena e afortunadamente sen graves feridas, que recibiu o nome de "MEIXIDO". Foi recollida a 3,3 millas do Faro de Punta Insua (Carnota) nuns baixos chamados “Os Meixidos”. Un barco, con base en Corcubión” fíxose cargo dela e a levou a porto, onde axentes de medio ambiente a trasladaron ata o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros.

Alí a recolleron membros da UCI de Lobos Mariños e Tartarugas da SGHN-CEMMA. Atópase na UCI en recuperación ata que o seu estado lle permita pasar a unha segunda fase nas instalación do Acuarium de O Grove, conseguindo o estado óptimo para ser liberada finalmente a finais do verán, preto da carente do Golfo.
-------

Etiquetas:

25.2.08

Colaboración do dominical "NORDESÍA" (Diario de Ferrol) - (24 febrero 2008)

Artigo: “UNHA MIRADA AO PASADO”
Texto: Ismael Miján
Fotos: Juan Ignacio da Silva

Etiquetas:

22.2.08

Astronomía: ECLIPSE DE LÚA – (21 Febreiro 2008)







O que nun principio ameazaba con frustrarse, debido ás condicións atmosféricas, converteuse ao final nun espectáculo astronómico difícil de repetir, xa que foi duradeiro, en perfectas condicións de visibilidade, irrepetible tendo en conta que os seguintes será no 2015 e no 2029, e con dous gardiáns de excepción a estrela Regulus e o planeta Saturno. Referímonos á eclipse de Lúa que tivo lugar na noite do 21 de febreiro de 2008. Comezou á 01:35 coa penumbra e a fase total durou 51 minutos, finalizando ás 07:17. Realmente sentimos non organizar unha saída para observalo, pero en principio como as condicións meteorolóxicas non prometían, decidiuse non convocar a saída. Non obstante aquí tedes algunhas fotos para dalgún xeito arranxalo. As fotos foron feitas cunha cámara dixital Fujifilm FinePix S5700 e as efectuadas na zona de media umbra teñen un filtro verde de 5 DIM.

Etiquetas:

18.2.08

Colaboración do dominical "NORDESÍA" (Diario de Ferrol) - (17 febrero 2008)

Artigo: "REFLEXIÓNS ANTE UN VARANO"
Texto: Andrés Leal e Yosy
Fotos: Yosy

Etiquetas:

SGHN – MUSEO DA NATUREZA – Exposición itinerante (Narón 16-Febreiro-2008)


Etiquetas:

DISPOSICIÓN LEGAL: RD 35/2008 – Regulamento sobre Instlacións Nucleares e Radiactivas (BOE 18 febreiro 2008)

Real Decreto 35/2008 de 18 de xaneiro, polo que se modifica o Regulamento sobre Instalacións Nucleares e Radiactivas, aprobado por Real decreto 1836/1999 de 3 de decembro.
Fundamentado na Lei 25/1964 de enerxía nuclear, que no seu artigo 28 dispón a obriga de ser oídas as comunidades autónomas con competencia en materia de ordenación do territorio e medio ambiente. E na Lei 15/1980 de creación do Consello de Seguridade Nuclear, así como la súa reforma, a Lei 33/2007.

ENLACE:
BOE nº 42
Luns, 18 febreiro 2008

Etiquetas:

14.2.08

GOLFIÑOS, NON PALLASOS – Campaña para o ZOO de Barcelona de “DEPANA” – (Febreiro 2008)

Un novo enlace para o noso blog:
“Liga para a Defensa do Patrimonio Natural”.
Unha organización cívica e non gobernamental, fundada en 1976 co obxecto de defender o patrimonio natural desde unha visión que contemple os problemas que afectan ás especies, os ecosistemas e as relacións do home co medio.
Membro da “Unión Internacional para a Conservación da Natureza”, do “Consello Ibérico para a Defensa da natureza” e da “Oficina Europea do Medio Ambiente”.

DEPANA inicia agora unha nova campaña denominada:
“GOLFIÑOS, NON PALLASOS"


na que reclama a finalización dos espectáculos nos que os golfiños son tan só un espectáculo de acrobacia con ánimo de lucro, personalizada no zoo de Barcelona e dirixida a concienciar ao Concello desta cidade, pero que podería estenderse a todos aqueles lugares do noso país onde se realizan espectáculos con animais.
Na súa páxina relátanos como estes animais vense obrigados a realizar varias representacións ao día durante toda a semana, e así a lo longo da súa vida. Funcións nas que os animais, como nun circo tradicional, son ridicularizados.
Adherímonos coa súa postura e solicitude, ampliándoa a todo o país.
-----

Etiquetas:

13.2.08

DISPOSICIÓN LEGAL: Residuos de construción e demolición – (BOE 13 febreiro 2008)

REAL DECRETO 105/2008 de 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

ENLACE:

http://www.boe.es/boe/dias/2008/02/13/pdfs/A07724-07730.pdf

Publicado no BOE nº 38 – Mércores 13 febreiro 2008.

Etiquetas:

12.2.08

ATENEO FERROLÁN – Unha rehabilitación que non chega – (Febreiro 2008)

No ano 2003 a corporación municipal do Concello de Ferrol aprobou a obra de restauración da actual sede do “Ateneo Ferrolán”, na rúa Magdalena da nosa cidade. Un edificio do século XVIII, que sufriu un serio deterioro, froito de anos de desatención por parte das autoridades locais.
O lamentable suceso acaecido a mediados de xaneiro deste ano, sen esclarecer aínda, no que resultou incendiada a entrada do emblemático edificio, agravou máis, se cabe, a situación de precariedade na que teñen que traballar todos aqueles que forman parte da vida diaria da Entidade Cultural.
Canto se parece a súa historia e discorrer diario aos nosos avatares: medo ao derrube, inundacións, goteiras, perda de activos, e por riba de todo, ausencia de interese de quen debera coidar por preservala cultura e potenciala.
No noso pequeno ecosistema de cidade amurallada, física e intelectualmente, seguen a interesar máis outro tipo de actividades, e se deixa que de xeito natural, por falta de oxíxeno, se apaguen as fogueiras que alumean, consumíndose ante a indiferenza.
Nese vello edificio, fogar do ATENEO FERROLÁN, se está a construír día a día, parte da historia e o pensamento desta cidade. Está máis presente aí que neses edificios pensados, deseñados e etiquetados como emblema de cultura e que teñen como base un capital coñecido e firme. Nestes, moi valorados socialmente, a xoia cultural é pequena e o espazo grande e coidado. No noso Ateneo, entre pedras centenarias, se sobrevive grazas á xoia do pensamento acumulado nos seus cen anos de vida.
------

DISPOSICIÓN LEGAL: Xestión ambiental de pilas e acumuladores - (BOE 12-febreiro-2008)

Real Decreto 106/2008, de 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos.
BOE núm. 37 – 12 febreiro 2008

ENLACE:
http://www.boe.es/boe/dias/2008/02/12/pdfs/A07399-07410.pdf

Disposición en cumprimento da Directiva 91/157/CEE que obriga a os Estados membros a adoptar as medidas oportunas para que as pilas e os acumuladores usados se recollan por separado para a súa valoración ou eliminación. E máis recentemente o cumprimento das directrices da Directiva 2006/66/CE, desenrolando as precripcións da Lei 10/1998.
Algúns dos puntos:
- Exixencia da intervención de entidades expresamente autorizadas para a xestión de residuos perigosos.
- Creación de redes e puntos para a recollida selectiva.
- Creación de medidas para promover a prevención da producción de residuos e fomento de novas tecnoloxías de tratamento e reciclaxe.
- Establécense criterios para o marcado e identificación dos residuos perigosos e a obligación de inscribir nun rexistro especial as pilas e acumuladores que se poñan no mercado.

Disposicións legais relacionadas:
Real Decreto 45/1996 de 19 de xaneiro, polo que se regulan diversos aspectos relacionados coas pilas e acumuladores que conteñan determinadas materias perigosas. Unha norma que pretende facilitar a valorización e eliminación controlada de pilas e acumuladores usados.
ENLACE:
http://www.mima.avec.com/leyes/RD45-96.DOC

Lei 10/1998 de 21 de abril de Residuos, que establecía que calquera persoa responsable da posta no mercado de produtos que co seu uso se convertan en residuos, poderán ser obrigados a facerse cargo ou participar na xestión deles.
ENLACE:
http://www.mtas.es/insht/Legislation/L/resl10.htm

Directiva 2006/66/CE de 6 de setembro de 2006, que establece, entre outras, as normas para a prohibición de comercializar pilas e acumuladores que conteñan determinadas sustancias perigosas e para o tratamento, reciclado e eliminación dos residuos de pilas e acumuladores.
ENLACE:
http://www.siam-cma.org/lexislacion/doc.asp?id=1219

Etiquetas:

11.2.08

Manifestación "CONTRA A DESTRUCIÓN DO TERRITORIO" - (17 febreiro 2008)

Foro para o LOBO IBERICO – (febreiro 2008)



Incorporamos desde hoxe na marxe dereita, un enlace a unha páxina dedicada por enteiro a o rei dos montes, o animal máis perseguido, acosado e aldraxado na nosa fauna, que sobrevive pola súa intelixencia.


En “Trala pegada do lobo”, pódense atopar videos, fotos e un foro de experiencias e coñecementos, para todos os amantes do Lobo Ibérico, que aínda somo máis de dous, ¡afortunadamente!.

Etiquetas:

6.2.08

SGHN-FERROL Falecemento de Carmelo Teixeiro – Coordinador do Comité Cidadán que loita contra a Gasificadora na Ría de Ferrol – (6 Febreiro 2008)

Falecido o día 5 de febreiro, Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da ubicación da Planta de Gas, da defensa medioambiental de Ría e da vida dos seus habitantes.
Ademais desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta ( foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978.
O seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, fai os seus compañeiros da Asociación “Fuco Buxán”, da que era directivo, se sintan enormemente orgullosos e agradecidos de compartir con el amizade, inquedanzas e tarefas.
Compartimos con eles a dor pola perda dunha persoa que nos fixo chegar a cada un de nos a preocupación pola desgraciada opción de ubicar na rosa Ría unha Plan de Gas, froito más ben de intereses económicos que dunha boa xestión. Carmelo achegounos información fundamentada e vital para coñecer os perigos da actividade da planta e os gaseiros.
A vida precisa de persoas, que coma el, poñen todo o seu esforzo en defendela. Co noso recordo, descanse en paz.
---------

5.2.08

SOS-COUREL – Presentación do vídeo: “ Unha Lousa sobre O Courel ” – (8 febreiro 2008)

Este venres, 8 de febreiro de 2008, no centro Internacional de prensa de Compostela (CIP), sito na Avenida de A Coruña 6 baixo, a productora NAMCHE FILMS proxecta ás 11:oo horas, o Documental “Unha lousa sobre O Courel”. E as 12:00 o director do mesmo, Enrique Banet, a produtora Mabel Rivera, e un membro da Asociación, SOS Courel, ofrecen unha Rolda de Prensa.

Etiquetas:

Disposicións legais - CONVENIO EUROPEO DA PAISAXE - (BOE 5 febreiro 2008)

Un novo instrumento consagrado exclusivamente á protección, xestión e ordenación de tódolas paisaxes de Europa.

Xefatura do Estado (BOE n. 31 de 5/2/2008)
INSTRUMENTO de ratificación do Convenio Europeo da Paisaxe (número 176 do Consello de Europa), feito en Florencia o 20 de outubre de 2000.
Rango: Instrumento de Ratificación
Páxinas: 6259 - 6263
Referencia: 2008/01899

ENLACE:
http://www.boe.es/boe/dias/2008/02/05/pdfs/A06259-06263.pdf

------

Etiquetas:

4.2.08

SGHN – CEMMA Lobo mariño BOTES – Segunda fase de recuperación – (2 febreiro 2008)


O Lobo Mariño BOTES, a foquiña que entrou na UCI da SGHN o día 11 de xaneiro, pasou este sábado á segunda fase de recuperación no Acuarium de O Grove, que presta unha parte das súas instalacións para que o proxecto dirixido pola CEMMA poda culminar adecuadamente. Preto de dous meses de estancia que lles permite ás focas alcanzar un peso axeitado para ser devoltas á liberdade, nun ambiente o máis afastado posible do contacto humano e recibindo a alimentación necesaria para que podan reforzar o seu estado e engadir os quilos suficientes que garanticen unha adecuada reincorporación ao océano.
Nesta segunda fase, comparte espazo con FENICIO, que recibiu a BOTES con moita curiosidade. Estivo acompañado de tres dos seus coidadores, que vixiaron en todo momento que o cambio de emplazamento se realizase sen problemas.







3.2.08

OS REGULADORES DA HISTORIA - A propósito da vida e da morte e do dereito a vivir - (29 xaneiro 2008)


(Publicado no dominical do "Diario de Ferrol: NORDESÍA)
Tralo o eufemístico nome de “V Copa de España de Caza del Zorro”, que tenta suxerir un evento deportivo, agóchase unha etapa máis da legalizada matanza de raposos na Comunidade Galega. Esta vez foi en Portomarín, onde acudiron a instancia da Federación Galega de Caza, moreas de matóns de campo, acompañados das súas escopetas.
E de novo os que deploramos o uso da violencia exercida contra individuos máis débiles de calquera xénero, tivemos que escoitar na prensa as “desculpas” a modo de disertación social de quen sabe que comete unha ignominia e defende con todo o peito o indefendible, a máxima de “a matei porque era miña”.
De novo frases valeiras como “a caza reguladora de especies” ou se non se cazaran xabarís a agricultura do maínzo e a pataca sería inviable en Galicia”, e outras polo estilo. Os quíxotes da escopeta subirán sen dúbida aos altares por salva-la pataca e aínda teremos que agradecerlles o seu esforzo, porque éche moi cansado saír da cama o Domingo, deixando á muller desvalida, para marchar ao campo a manter as poboacións reguladas co risco de que alguén lle regule a el o matrimonio.
Unha se cansa de que sempre se xustifique ao maltratador, ao asasino; se enxalce ao ditador e ao xenocida, cando teñen a ben “regular” os seus respectivos territorios de todo aquilo que lle sobre ou lle moleste. Déixase ver que na escola e na súa casa non lle ensinaron a máxima de “non matarás”, xa que a bo seguro pasaron todo o tempo facendo fincapé no de “non cometas actos impuros”. E agora anóxanse porque haxa quen non admita o delito e lles faga fronte. Acaso a conciencia pouco limpa non lles deixa facer a dixestión.
Os instintos negros do home fóronse domeando ao longo do tempo. Conseguiuse que certas actitudes que en séculos pasados considerábanse como normais, sen selo, foran rexeitadas para adoitar unha nova forma de conduta, onde prime o respecto cara a os outros individuos fronte a nos. Hoxe ninguén dubida que as campañas, moitas veces bendicidas pola relixión, de evanxelización ou de conquista doutros mundos, fosen unha barbaridade, aínda que economicamente proveitosas para o invasor.
Ninguén dubida, do mesmo xeito, que o dominio exercido por unha raza sobre outras, escravizándoas co poder absoluto de quen posúe un obxecto, é unha aberración na evolución do mono do que saímos todos. Pero esa realidade que todos aceptamos non impide que convivan con nos outras civilizacións nas que aínda imperen as leis da escravitude, dominación, invasión, onde a vida non val nada. Os medios de comunicación están cheos de noticias cada día de exemplos que retrotráenos á Idade media e máis aló. E o consentimos como se non fose con nos.
¡Onde está o home amansado de furia e de violencia gratuíta!. Se non podemos pegarlle un tiro ao veciño que nos toca as bolas das orellas, sempre nos queda como branco aqueles que non teñen nin avogado de oficio que os defenda. E por riba, as autoridades teñen que agradecer a regulación de poboacións que están a facer gratuitamente. ¡Que sería de nos sen os reguladores da historia!.
Pero volvamos a o Carballiño, ao final 69 animais foron legalmente abatidos. Unha noticia máis para a prensa do que está a pasar no noso mundo. O escrito de condena que dezanove asociacións ecoloxistas subscribiron en contra deste acto pon o punto de lucidez na barbarie cando di: “Porque queremos elevar a nosa voz a favor de quen non pode defenderse por si mesmo, desexamos que a sociedade sexa cada vez máis consciente e que chegue o momento no que estes actos se vexan como o que realmente son, o asasinato cruel, interesado e sen sentido de inocentes, cuxos corpos van a parar ao lixo”, colgado dun valado cinexético, como o da foto e no mellor dos casos, recollido ferido nunha caixa por unhas mans misericordiosas. (Yosy)
-----------

Etiquetas: ,

2.2.08

Disposicións legais: VARIAS

Textos lexislátivos publicados recentemente:

BOE:
ORDEN MAM/85/2008 de 16 de xaneiro, pola que se establecen os criterios técnicos para a valoración dos danos ao dominio público hidráulico e as normas sobre a toma de mostras e análisis de vertidos de augas residuais.
ENLACE:
http://www.boe.es/boe/dias/2008/01/29/pdfs/A05238-05253.pdf

BOE:
RESOLUCIÓN de 14 de xaneiro de de 2008, pola que se publica o acordo de 7 de decembro de 2007, do Consello de Ministros, polo que se aproba o II Programa nacional de Reducción de Emisións, conforme á Directiva 2001/81/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2001, sobre teitos nacionais de emisións de determinados contaminantes atmósféricos.
ENLACE:
http://www.boe.es/boe/dias/2008/01/29/pdfs/A05254-05262.pdf

DOG:
Decreto 242/2008, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia.
ENLACE:
http://www.conselleriaiei.org/ga/upload/dx/des/2048-a-Decreto_242_Eolica_090108.pdf

BOE:
ORDEN PRE/77/2008 de 17 de xaneiro, pola que se da publicidade ao Acordo do Consello de Ministros polo que se aproba o Plan nacional de Reducción de Emisións das Grandes Instalacións de Combustión existentes.
http://www.boe.es/boe/dias/2008/01/28/pdfs/A05061-05090.pdf
--------

Etiquetas:

1.2.08

¿Qué foi de “A Casa do Coronel”?, a nova sede da SGHN – (1 febreiro 2008)

Uns cantos meses xa por riba das nosas vidas, sen coñecer como vai ser o futuro. Pregúntannos que foi da “Casa do Coronel” e por qué non trasladamos o noso “Museo da Natureza” á prometida nova sede. Como as imaxes contan máis que mil palabras, aquí tedes o presente do cada vez máis desmantelado caserón para que xulguedes por vos mesmos.









Etiquetas: