3.2.08

OS REGULADORES DA HISTORIA - A propósito da vida e da morte e do dereito a vivir - (29 xaneiro 2008)


(Publicado no dominical do "Diario de Ferrol: NORDESÍA)
Tralo o eufemístico nome de “V Copa de España de Caza del Zorro”, que tenta suxerir un evento deportivo, agóchase unha etapa máis da legalizada matanza de raposos na Comunidade Galega. Esta vez foi en Portomarín, onde acudiron a instancia da Federación Galega de Caza, moreas de matóns de campo, acompañados das súas escopetas.
E de novo os que deploramos o uso da violencia exercida contra individuos máis débiles de calquera xénero, tivemos que escoitar na prensa as “desculpas” a modo de disertación social de quen sabe que comete unha ignominia e defende con todo o peito o indefendible, a máxima de “a matei porque era miña”.
De novo frases valeiras como “a caza reguladora de especies” ou se non se cazaran xabarís a agricultura do maínzo e a pataca sería inviable en Galicia”, e outras polo estilo. Os quíxotes da escopeta subirán sen dúbida aos altares por salva-la pataca e aínda teremos que agradecerlles o seu esforzo, porque éche moi cansado saír da cama o Domingo, deixando á muller desvalida, para marchar ao campo a manter as poboacións reguladas co risco de que alguén lle regule a el o matrimonio.
Unha se cansa de que sempre se xustifique ao maltratador, ao asasino; se enxalce ao ditador e ao xenocida, cando teñen a ben “regular” os seus respectivos territorios de todo aquilo que lle sobre ou lle moleste. Déixase ver que na escola e na súa casa non lle ensinaron a máxima de “non matarás”, xa que a bo seguro pasaron todo o tempo facendo fincapé no de “non cometas actos impuros”. E agora anóxanse porque haxa quen non admita o delito e lles faga fronte. Acaso a conciencia pouco limpa non lles deixa facer a dixestión.
Os instintos negros do home fóronse domeando ao longo do tempo. Conseguiuse que certas actitudes que en séculos pasados considerábanse como normais, sen selo, foran rexeitadas para adoitar unha nova forma de conduta, onde prime o respecto cara a os outros individuos fronte a nos. Hoxe ninguén dubida que as campañas, moitas veces bendicidas pola relixión, de evanxelización ou de conquista doutros mundos, fosen unha barbaridade, aínda que economicamente proveitosas para o invasor.
Ninguén dubida, do mesmo xeito, que o dominio exercido por unha raza sobre outras, escravizándoas co poder absoluto de quen posúe un obxecto, é unha aberración na evolución do mono do que saímos todos. Pero esa realidade que todos aceptamos non impide que convivan con nos outras civilizacións nas que aínda imperen as leis da escravitude, dominación, invasión, onde a vida non val nada. Os medios de comunicación están cheos de noticias cada día de exemplos que retrotráenos á Idade media e máis aló. E o consentimos como se non fose con nos.
¡Onde está o home amansado de furia e de violencia gratuíta!. Se non podemos pegarlle un tiro ao veciño que nos toca as bolas das orellas, sempre nos queda como branco aqueles que non teñen nin avogado de oficio que os defenda. E por riba, as autoridades teñen que agradecer a regulación de poboacións que están a facer gratuitamente. ¡Que sería de nos sen os reguladores da historia!.
Pero volvamos a o Carballiño, ao final 69 animais foron legalmente abatidos. Unha noticia máis para a prensa do que está a pasar no noso mundo. O escrito de condena que dezanove asociacións ecoloxistas subscribiron en contra deste acto pon o punto de lucidez na barbarie cando di: “Porque queremos elevar a nosa voz a favor de quen non pode defenderse por si mesmo, desexamos que a sociedade sexa cada vez máis consciente e que chegue o momento no que estes actos se vexan como o que realmente son, o asasinato cruel, interesado e sen sentido de inocentes, cuxos corpos van a parar ao lixo”, colgado dun valado cinexético, como o da foto e no mellor dos casos, recollido ferido nunha caixa por unhas mans misericordiosas. (Yosy)
-----------

Etiquetas: ,