ATENEO FERROLÁN – Unha rehabilitación que non chega – (Febreiro 2008)

O lamentable suceso acaecido a mediados de xaneiro deste ano, sen esclarecer aínda, no que resultou incendiada a entrada do emblemático edificio, agravou máis, se cabe, a situación de precariedade na que teñen que traballar todos aqueles que forman parte da vida diaria da Entidade Cultural.
Canto se parece a súa historia e discorrer diario aos nosos avatares: medo ao derrube, inundacións, goteiras, perda de activos, e por riba de todo, ausencia de interese de quen debera coidar por preservala cultura e potenciala.
No noso pequeno ecosistema de cidade amurallada, física e intelectualmente, seguen a interesar máis outro tipo de actividades, e se deixa que de xeito natural, por falta de oxíxeno, se apaguen as fogueiras que alumean, consumíndose ante a indiferenza.
Nese vello edificio, fogar do ATENEO FERROLÁN, se está a construír día a día, parte da historia e o pensamento desta cidade. Está máis presente aí que neses edificios pensados, deseñados e etiquetados como emblema de cultura e que teñen como base un capital coñecido e firme. Nestes, moi valorados socialmente, a xoia cultural é pequena e o espazo grande e coidado. No noso Ateneo, entre pedras centenarias, se sobrevive grazas á xoia do pensamento acumulado nos seus cen anos de vida.
------
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio