29.4.10

Roteiro "PICO VELLO" - 15 de maio 2010


O obxectivo deste roteiro é dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.Un proxecto inicial da explotación foi rexeitado no ano 2006 por Medio Ambiente por afectar ó P.N. da Fragas do Eume e en decembro dese mesmo ano a empresa presentou outro, fóra dos límites do espazo natural protexido, cunha franxa de amortecemento entre os límites do Parque Natural e a explotación de 50 metros .


A intervención dos colectivos ecoloxistas e a presentación de alegacións por numerosos colectivos e particulares durante o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental fixeron que o proxecto quedara paralizado e, segundo a Lei de ordenación da Minaría de Galicia, denegado por silencio administrativo ó transcorrer máis de doce meses sen terse notificado resolución.

A publicación no DOG do pasado 11 de marzo por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da aprobación do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto foi denunciada por irregularidades no proceso de tramitación diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en base a varios puntos: non respectar os prazos establecidos pola lexislación, irregularidades no contido do informe como non valorar as repercusións negativas sobre o Río Belelle (o Rego Cernadas figura encadrado na cunca do Río Eume no E.I.A. cando é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Belelle) ou non detallar os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o P. N. Fragas do Eume, ó que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.Sobre este proxecto, o Concello de A Capela, aprobou en pleno, unha moción na que pedía a paralización do mesmo. De levarse a cabo a explotación, deixaría practicamente inutilizada a estación de captación de auga que este concello construíu no río Belelle, a poucos metros augas abaixo da mina, coa perda das inversións correspondentes.O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

O roteiro convocado para o día 15 de maio, será un roteiro formativo, de algo menos de 3 km de lonxitude, sobre pistas e sendeiros, no que os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación no mesmo de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños. Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico de A Capela.-------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio