19.1.10

LAGOA DA FROUXEIRA - "Xestión por ensaio e error"

Fronte á
“XESTIÓN POR ENSAIO E ERROR”
da Xunta de Galicia na Frouxeira, a
Sociedade Galega de Historia Natural
pide un estudio multidisciplinar
para a súa restauración.

O recurso reiterado á apertura artificial da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira con maquinaria pesada, alomenos en dúas ocasión durante o último outono, amosa con claridade a ineficacia destas medidas de ”xestión hidrolóxica” que, actualmente en resposta á presión urbanística, semellan aplicarse en base ó sistema de “ensaio e error”, sexa por parte dos propios operarios da maquinaria ou baixo a supervisión de persoal non cualificado na materia. Ademáis do despilfarro de recursos públicos que supón, a ”xestión hidrolóxica por ensaio e error” debido a motivos urbanísticos é inaceptable nun espazo natural como a Lagoa da Frouxeira que, polos seus sobranceiros valores ambientais, acumula nada menos que 5 figuras legais de protección nacionais e internacionais.
Diversas evidencias indican que as continuas aperturas da canle de desaugamento están a agravar varios procesos de deterioro ambiental da Lagoa da Frouxeira desencadeados no pasado (destrucción da barra dunar pola extracción de area, mala xestión do humidal durante a catástrofe do Prestige, transformación do entorno, etc.), provocando, en definitiva, unha degradación paulatina do ecosistema praia-duna-lagoa con afección ós hábitats e ás especies de conservación prioritaria que motivaron a súa protección legal.
Por estes motivos, a SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que aborde, urxentemente, un amplo e detallado estudio multidisciplinar que debería:
a) Documentar axeitadamente a situación previa e avalíe os cambios que sufriu o espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira dende mediados do século XX. Esta información é chave para coñecer a batimetría e extensión previa da lagoa, a superficie dos fondos limosos e areosos e a frecuencia, intensidade e duración das conexións naturais da lagoa co mar.
b) Avaliar a situación actual e as medidas precisas para a conservación e restauración do espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira en base a criterios xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, botánicos e faunísticos.
c) Contemplar a implementación de medidas de xestión agroambiental nas terras agrícolas ó carón da lagoa (co pertinente programa de axudas e subvencións ós propietarios).
d) Abordar unha seria ordenación urbanística, que alivie a forte presión que sofre este espazo natural e que contemple a oportuna reposición da legalidade no caso de que houbera violacións da mesma.
Mentres este estudio non estea dispoñible, a SGHN solicitalle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que non realice novas aperturas da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira, nin permita que outros organismos ou particulares a realicen.

Xunta Directiva Xeral da SGHN
Santiago de Compostela, a 19 de xaneiro de 2010

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Página principal