23.10.09

ÉRASE UNHA VEZ UN CONTO INHIBIDORES na Ría .... ¿ou non?

Todo empezou cun zunido lene, case imperceptible, pero constante. Estreouse sen que ninguén se dese conta do invento, porque xa se sabe cós humanos nos facemos a todo e de xeito especial ó ruído.
Agora, convencidos de que a poboación do núcleo central de Ferrol non se apercibiu da súa presenza, xa que non houbo protestas, nin sequera preguntas, instalouse definitivamente nas nosas vidas cun descaro cada vez máis abraiante.
O que inicialmente era diúrno, agora e permanente e o que primeiro era tímido agora é evidente, aínda que disfrazado de costume. ¿Qué é?. Non ten nome oficial, xa que non existe oficialmente. ¿De onde ven?. Do outro lado, en ondas que crecen e mingúan como se xiraran. ¿Onde é audible?. Quen o sabe, ¡se non se oe!, pero sospeitase que más alá do centro histórico da cidade.
Quen tivera un medidor de sons para avaliar con precisión a importancia desta emisión sonora que non deixa durmir a aqueles que son conscientes da súa presenza. Aínda que ¿quen pode asegurar que non sexa o causante da falta de descanso doutros moitos que son ignorantes de que existe?.
Toda a situación levou un proceso. Primeiro foi o desacougo, logo atopala resposta á molestia, ou sexa aprender a escoitalo ruído e finalmente, a pregunta: ¿Qué é e de onde ven?.


Mirando cara a el con oídos, as murallas nos contestan. Detrás delas está a resposta que ninguén dará. Temos atrevidas suposicións que teñen a forma de inhibidores para evitar supostos atentados... ¡Ai a nosa ría! Tan apetecible para o que quere facer o mal. O atrevemento, ou a fantasía quixo que vexáramos nun principio unha coincidencia do son coa presenza de certos barcos, antes de que as ondas fosen constantes e aínda máis fortes.
¡Ai a nosa ría!. Tan estragada. Tralos tanques da gasificadora o aire é moito máis irrespirable aínda. Case a pleno funcionamento, mentres os desafortunados veciños que alí levantaron as súas casas, cambian a vista da ría polos tanques ameazadores e por ese olor a carburante que o enche todo. Pero o zunido trala muralla, alí onde os impoñentes barcos descansan, vixía o conxunto.
Pregunta ¿A situación non é unha agresión ás xentes que viven neste conxunto humano con orixes ilustrados?.
Pero nada é delicto se non existe, se oficialmente non se lle da nome. Unha agresión invisible, que penetra no cerebro noite e día, pero que case ninguén coñece, non pode considerarse unha agresión.
Á espera que alguén descifre o misterio, tentaremos pechalos ollos e ignorar que o ruído existe para formar parte da maioría inocente. Quizá todo é efecto dos efluvios da gasificadora e toda esta historia sexa só un conto.
Y

------------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio