5.8.09

GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba) – intento de varamento dun exemplar xuvenil

Con pouco máis dun metro de lonxitude, este exemplar de Golfiño riscado (Stenella coeruleoalba) apareceu na Ría do Barqueiro, nadando moi preto da costa sen que aparentemente se rexistrase a presenza doutros animais da manda. Un exemplar moi noviño que escasamente presenta o patrón de coloración típico da especie: liñas estreitas de cor negro nos flancos que lle saen dende os ollos. O nome científico “coeruleoalba” define o azul do ceo e o branco que aparecen na súa pel.
Trátase dun macho, polo que cando alcance a madurez acadará uns 2,5 metros de lonxitude, formando parte dunha manda que acolle gran número de animais e que presenta unha gran cohesión.
Agora fica só nesta ría amable, pero allea as súas costumes. Ó longo do día o seu ánimo foi derivando desde tímidos achegamentos á praia na procura de semellantes confundidos nas figuras dos bañistas, ata chegado xa o atardecer, o franco intento de varamento, nadando en augas moi someras, abafado seguramente pola ausencia dos seus.
Nas fotografías pódese ver as diferentes fases de recuperación e liberación posterior en alta mar do animal, coa esperanza de que atope a manda onde integrarse. Unha esperanza de vida que se esgotaba no interior da ría.
Membros da CEMMA e voluntarios da SGHN participamos no rescate. Levamos ó pequeno golfiño todo o lonxe que as posibilidades da embarcación permitía. E marchou con aparente forza cara ó mar aberto.
Desexamos agradecer ós colaboradores que sempre nos brindan a súa axuda e que neste caso puxeron a nosa disposición a embarcación necesaria para a liberación.










Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio