4.8.09

PEIXE MOMO (Cetorhinus maximus) – na costa de Lugo.

O 30 de xuño rexistrouse o primeiro aviso da súa presenza. Durante dez días máis esta quenlla chamada en Galicia “Peixe momo” (Tiburón Peregrino en castelán), percorreu as augas costeiras do coñecido como Golfo do Masma, máis ou menos entre Burela e Ribadeo. Procuraba o alimento nun mar case quedo, rico en plancto, navegando lentamente, mentres filtraba os elementos en suspensión.

O Cetorhinus maximus é o segundo peixe máis grande do mundo trala Quenlla Balea (Rhincodon typus) que ostenta o primeiro posto e que se atopa protexida desde o ano 1999, unha protección que o Momo non conseguiría ata o ano 2005. Unha xustiza que chegou tras séculos de intensa pesca que minguou considerablemente as poboacións deste animal fermoso e inofensivo, xa que practicamente podería dicirse que os seus dentes son case inexistentes.

A presenza desta quenlla na costa de Lugo causou gran expectación. Nun principio foi medo ou preocupación polo seu tamaño (case cinco metros de lonxitude) e polo descoñecemento ante cal podería ser a especie. Despois, identificado como Momo, o “pallaso” inofensivo e tranquilo que percorre as augas fronte os brancos areais desa costa concorrida do verán, pasou a ser unha atracción máis para os visitantes da zona, fachendosos por contar con esa presenza tan significativa e especial dun Peixe momo patrullando as augas pouco profundas de ata catro concellos lugueses.

Membros da CEMMA e voluntarios da SGHN participamos na súa identificación. Disfrutamos coas imaxes impagables da magnífica figura da quenlla baixo a auga e daquela aleta que destacaba no espello da augas. Tan curiosa coa nosa presenza como nos coa dela.

Así como apareceu, foise de súpeto. Este animal aínda moi novo, emprenderá cando chegue o inverno, unha migración oceánica excepcional, mergullando a máis de 200 metros de profundidade, rumbo ó Caribe e, quen o sabe!, volverá outro ano para alimentarse nas augas tranquilas do norte da nosa comunidade.
---------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Página principal