7.4.10

Cetorhinus maximus – Momo (Tiburón Peregrino) na Ría de Ferrol



Este exemplar de Cetorhinus maximus quedou enmallado accidentalmente nun barco de pesca que faenaba de madrugada na entrada da ría de Ferrol, preto da pequena praia de Cariño e do porto exterior. Cos seus case catro metros, se trata dun subadulto, xa que esta especie pode chegar ata os dez metros de lonxitude e unhas catro toneladas de peso, aínda que existen rexistros de maior tamaño.
O Cetorhinus maximus (Gunnerus, 1765), Peixe momo en Galicia e Tiburón Peregrino, Marrajo gigante, Marrajo ballenato, Pez elefante, Pez bobo, Tiburón canasta, Pez vaca ou Colayo entre outros moitos nomes polos que se coñece en toda a xeografía da Península, Basking shark (inglés) ou Pélerin (francés) é o segundo peixe máis grande do mundo e outra característica salientable é a presenza de cinco grandes fendeduras branquiais ó redor da cabeza, con branquias formadas por dentículos dérmicos.
O fociño puntiagudo, con ollos e orificios nasais pequenos. Aletas grandes, especialmente a dorsal, e con base ancha. A caudal ten forma apuntada, como de lúa minguante, co lóbulo inferior longo.
Mentres tomábamos as biometrías do animal, a pregunta máis repetida referíase á ausencia aparente de dentes, cun tamaño de 5 a 6 mm, forma de gancho, atrofiados e case inexistentes polo escaso uso e dispostos de 4 a 7 ringleiras nunha mandíbula pouco protráctil, xa que esta quenlla é filtradora, alimentándose de pequenos organismos mariños. Esa é a razón da súa presenza en zonas con altas concentracións de zooplancton.
Foi perseguido ata reducir as poboacións de xeito moi considerable, especialmente polo seu fígado. Este órgano supón case un 25% do peso total do animal, intervindo na flotabilidade da quenlla. Cazado con arpóns, especialmente deseñados para este animal e dos que quedan algúns exemplos en zonas como Bares, e con redes, dun só animal obtíñanse ata 400 litros de aceite.
A súa caza sucedíase máis apresa ca súa reproducción, xa que estes animais soen ter unha ou poucas crías tras máis dun ano de xestación. Sobre este tema se coñecen con seguridade aínda poucos datos. Outro tema descoñecido é a actividade que estes animais desenrolan durante todo o ano e os diferentes ecosistemas que ocupan.
A extremada vulnerabilidade deste animal explícase tamén polo lento ritmo de crecemento e pola tardía etapa de reproducción, entre 12 a 20 anos segundo se trate de machos ou femias. A súa esperanza de vida, reducida claramente pola caza, podería ser duns 50 anos.
Ademais do aceite, deste tiburón aproveitouse a carne, o cartílago para as industrias farmacéuticas e homeopáticas e as aletas para a venta no mercado asiático, producto na actualidade especialmente valioso, algo que desgraciadamente ven a contribuír á desaparición das poboacións deste tiburón e de moitos outros.




PROTECCIÓNS:

Clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN): Categoría na lista vermella: Vulnerable (1996). Esta rede fixo repetidas chamadas instando ós países a prohibir a captura das aletas de tiburón e en 2008 concreta a recomendación esixindo que os tiburones sexan levados a porto coas súas aletas.

No CONVENIO DE BARCELONA para a protección do Mar Mediterráneo, Protocolo sobre zonas especialmente protexidas e diversidade biolóxica do Mediterráneo firmado en 1995, o Tiburón Peregrino inclúese no anexo 2, relativo ás especies en perigo ou ameazadas, con plena protección neste mar. Tan só sete países forman parte deste convenio, entre eles España.




O CONVENIO DE BERNA sobre conservación da fauna e flora e os hábitats naturais do medio ambiente, incluíu á poboación mediterránea desta especie en 1997 no seu apéndice II, no que se atopan un total de oito tiburones. Unha protección que se subscribe lamentablemente tan só a augas comunitarias o ás realizadas pola flota da UE en calquera parte do mundo.
O Convenio de Berna é a orixe da Directiva Hábitats 92/43/EEC, o instrumento legal da Unión Europea para protexer as especies ameazadas que naceu con graves errores en canto á inclusión das especies. Así nesta importante Directiva no se inclúen quenllas

En 1999, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) adoptou un Plan de Acción Internacional para a Conservación e Ordenación dos Tiburones, pedindo a axuda de tódolos países pescadores destes animais para a súa concienciación e mobilización neste senso, sen moito resultado.

CITES – Se atopa no Apéndice II (13/02/2003) – Neste apéndice II se inclúen tódalas especies que, si ben na actualidade non se atopan necesariamente en perigo de extinción, poderían chegar a esa situación se o seu comercio non estivese suxeito a unha regulamentación estricta, a fin de evitar a súa utilización incompatible coa súa supervivencia.

A Convención sobre Especies Migratorias (CMS) inclúe no seu apéndice II a sete especies de tiburones, entre eles ó Cetorhinus maximus.



A Asemblea Xeral das Nacións Unidas chamou ós países a prohibir a captura dos tiburones polas súas aletas na súa Resolución de Pesca Sostible anual do 2004.
O Regulamento CE – 1782/2006 de 20 de novembro, modifica o Regulamento 51/2006 no artigo 5, engadindo un apartado no que se prohibe ós barcos comunitarios capturar, manter a bordo, transbordar e desembarcar ó Cethorhinus maximus e ó Carcharodon carcharias en tódalas augas comunitarias e non comunitarias.
A mesma obrigación para terceiros países en augas comunitarias.






O Convenio sobre la Protección do Medio mariño do Atlántico Nordeste (OSPAR), incluíu no seu listado de especies e hábitat ameazados ou en declive ó Cetorhinus maximus. Este tratado non ten competencia na xestión directa, pero as decisións tomadas no seu seno se trasladan en moitas ocasións á lexislación europea. Forman parte deste convenio doce países, entre eles España.

Dicir tamén que en EE.UU, o seu Plan de Xestión da Pesca, protexe estrictamente ó T. Peregrino, prohibíndose a súa pesca comercial dirixida, o desembarco ou venta e que está protexido plenamente tanto a súa captura como molestia intencional polas Illas Británicas, ata doce millas da costa, incluída a Illa de Man.



E por último reproducir aquí o decálogo de “Oceana” http://www.oceana.org/ para una xestión eficaz dos tiburones na Unión Europea:

1 Desembarcar as quenllas coas aletas adxuntas.
2 Regular as capturas de especies de quenllas explotadas comercialmente, realizadas por embarcacións da UE, mediante a Política Pesqueira Común, con cuotas e límites de pesca.
3 Controlar as pesquerías de quenllas nos lugares nos que opere la flota da UE, tanto en augas europeas como no resto do mundo.
4 Regular as especies de quenllas migratorias explotadas en alta mar, con cuotas e límites de captura, a través das organizacións Rexionais de pesca relevantes.
5 Introducir medidas de xestión eficaces para reducir as capturas accidentais.
6 Eliminar os descartes de quenllas.


7 Introducir a figura dun observador independente nas embarcacións que capturan quenllas.
8 Recopilar estadísticas comerciais para os productos de quenllas (carne, aletas, aceite de fígado), diferenciadas por especie.
9 Incluir as especies de quenllas en perigo nas conveccións internacionais e lexislacións nacionais que limitan ou evitan o comercio e as capturas.
10 Poñer en marcha o Plan de Acción Europeo para as quenllas.

---- Yosy(2010)

Etiquetas:

19.3.10

Himantolophus groenlandicus – Exemplar doado ó Museo da Natureza


Peixe dos fondos abisais que caza as súas presas atraéndoas con movementos do seu apéndice dorsal, que funciona como unha lanterna. O seu nome de orixe grega (imantos + lophos) fai alusión a este apéndice luminoso sobre a boca, formado por filamentos que conteñen bacterias bioluminiscentes.
O nome común desta familia é o de peixe balón, pola súa forma redondeada, peixes lanterna ou peixes pescadores. Esta especie caracterízase ademais polo acusado diformismo sexual, mentres a femia pode acadar os 60 centímetros de longo, o macho ten tan só uns 4 centímetros. Cando chega á madurez sexual instálase no interior da boca da femia, alimentándose da súa sangue. Pasado o tempo pódense atopar exemplares de machos parasitos que perderon as súas aletas.



O exemplar das fotos, cedido ó Museo da Natureza da SGHN, polo “Centro Tecnolóxico da Pesca” de Celeiro, ten 50 centímetros de longo e foi capturado a máis de 22 millas de terra, polo barco “Marino 1º” patroneado por Francisco Gómez, con base en Celeiro.


Etiquetas: ,

10.12.09

PEZ LÚA REAL (Lampris guttatus) – un sol vermello baixo a auga.


Aínda que esta especie non se atopa nas listas de animais en perigo, pola súa rareza podería explicarse unha posible protección.
O que máis destaca neste peixe, ademais do gran tamaño que pode chegar ós dous metros con 100 quilos de peso, son as rechamantes cores vermellas que teñen a finalidade de protexer ó animal dos raios ultravioletas cando se atopa preto da superficie, algo que fan en poucas ocasións moitas delas relacionadas coa reproducción xa que estamos a falar de peixes de augas profundas.


Este exemplar atrapado accidentalmente por un barco pesqueiro do porto de Celeiro, pesa 54 quilos e mide 104 cm. de lonxitude. Moi aplanado e coa boca pequena e mandíbula superior extensible. Perde as escamas con moita facilidade. As aletas, longas e moi fermosas, intensamente vermellas, contrastan con esa mestura de cores entre azuis, rosados e violetas. Destaca especialmente o brillo case metálico de todo o corpo.

A este peixe dedicamos todos os nosos esforzos nos días festivos cos que nos agasallou o calendario. Os escasos medios con que contamos na actualidade imposibilitan unha conservación en frío, así que optamos por facerlle moldes cos que reproducir algún día a súa figura e finalmente obter o esqueleto, para o que foi preciso una disección coidadosa.

Etiquetas: ,

17.9.09

TINTOREIRA ou MARRAXO AZUL (Prionace glauca) – na praia de Combouzas (Arteixo)

Foi este mesmo verán e nunha praia do Mediterráneo, cando se avistou un Marraxo azul de similar tamaño a este que varou na praia de Combouzas o sábado 12 de setembro, cun areal aínda cheo de bañistas. Mesmo animal e diferente resposta da xente, xa que mentres en Vilanova prohibiuse o baño e puxéronse en alerta os equipos de salvamento e urxencias, na nosa praia pertencente ó concello de Arteixo, tanto bañistas como Protección Civil afanáronse en salvarlle a vida ó animal.
E o conseguiron no primeiro intento, introducindo no mar á quenlla que varara no areal. Cando chegamos á praia uns preocupados membros de PC e moitos dos bañistas que participaron no salvamento vixiaban a liña de marea, xa que a Tintoreira ameazaba con varar novamente.
Nas fotos vese como foron acontecendo os feitos. Finalmente a quenlla foi recollida nas rompentes e liberada fora da influencia delas. Ademais de membros de CEMMA y voluntarios da SGHN, participou de xeito especial Protección Civil, magníficos coma sempre tanto no seu servizo humano como na habilidade para manexar a zodiac en mar difícil e neste caso a colaboración de espontáneos que disfrutaban da praia.














Etiquetas:

4.8.09

PEIXE MOMO (Cetorhinus maximus) – na costa de Lugo.

O 30 de xuño rexistrouse o primeiro aviso da súa presenza. Durante dez días máis esta quenlla chamada en Galicia “Peixe momo” (Tiburón Peregrino en castelán), percorreu as augas costeiras do coñecido como Golfo do Masma, máis ou menos entre Burela e Ribadeo. Procuraba o alimento nun mar case quedo, rico en plancto, navegando lentamente, mentres filtraba os elementos en suspensión.

O Cetorhinus maximus é o segundo peixe máis grande do mundo trala Quenlla Balea (Rhincodon typus) que ostenta o primeiro posto e que se atopa protexida desde o ano 1999, unha protección que o Momo non conseguiría ata o ano 2005. Unha xustiza que chegou tras séculos de intensa pesca que minguou considerablemente as poboacións deste animal fermoso e inofensivo, xa que practicamente podería dicirse que os seus dentes son case inexistentes.

A presenza desta quenlla na costa de Lugo causou gran expectación. Nun principio foi medo ou preocupación polo seu tamaño (case cinco metros de lonxitude) e polo descoñecemento ante cal podería ser a especie. Despois, identificado como Momo, o “pallaso” inofensivo e tranquilo que percorre as augas fronte os brancos areais desa costa concorrida do verán, pasou a ser unha atracción máis para os visitantes da zona, fachendosos por contar con esa presenza tan significativa e especial dun Peixe momo patrullando as augas pouco profundas de ata catro concellos lugueses.

Membros da CEMMA e voluntarios da SGHN participamos na súa identificación. Disfrutamos coas imaxes impagables da magnífica figura da quenlla baixo a auga e daquela aleta que destacaba no espello da augas. Tan curiosa coa nosa presenza como nos coa dela.

Así como apareceu, foise de súpeto. Este animal aínda moi novo, emprenderá cando chegue o inverno, unha migración oceánica excepcional, mergullando a máis de 200 metros de profundidade, rumbo ó Caribe e, quen o sabe!, volverá outro ano para alimentarse nas augas tranquilas do norte da nosa comunidade.
---------

Etiquetas:

1.4.07

TABEIRÓN ANGUÍA (Chlamydoselachus anguineus) – (31 marzo 2007)


O barco “Gonzacove uno” con base en Marín entregounos este Domingo un Tabeirón Anguía (Chlamydoselachus anguineus).
Son xa catro os exemplares que a SGHN e o seu “Museo da Natureza” posúe desta especie descuberta en 1884, unha quenlla primitiva, verdadeiro fósil vivinte, que vive nas zonas abisais.

Etiquetas:

27.2.07

“MUSEO DA NATUREZA” – Novos fondos (27 febreiro 2007)

Cranio de RAIA
Raja clavata Linnéo, 1758.

Común en Galicia. Frecuente ata os 300 metros de profundidade, ben adaptadas á vida bentónica O esqueleto das raias é de cartilaxe. Posúe cranio forte e aplanado. O fociño de moitas raias mantense ríxido por mor da cartilaxe que chega ata a parte anterior do cranio. A boca esta situada na superficie ventral, posúe ringleiras de dentes en ámbalas dúas mandíbulas, compactos e puntiagudos.



Cranio de MARRAXO AZUL Isurus oxyrhinchus Rafinesque,1810.

Quenlla bastante frecuente nas costas galegas. Neste exemplar pódese entender as adaptacións evolutivas relacionadas coa alimentación, como a suspensión mandibular hiostílica, a mandíbula superior non esta unida ao cranio, Permitíndolle unha mordedura protráctil. A mandíbula inferior nestes animais, contrae os tecidos frontais, nos que se fixan as ringleiras de dentes, permitindo que estes impidan a saída da presa.

Etiquetas: ,

19.2.07

QUIMERA ou Peixe rato (Hydrolagus mirabiles) – (19-febreiro-2007)




O “Museo da Natureza” da SGHN conta cun novo exemplar de peixe. Trátase dunha Quimera ou Peixe rato (Hydrolagus mirabiles), de 61 cm. de lonxitude, a maior parte correspondente a súa desmesurada cola. As quimeras son peixes cartilaxinosos e posúen unha estreita relación coas quenllas. Habitan augas profundas e teñen uns ollos enormes para ver nas tebras das augas abisais. Poderían considerarse como fósiles vivos, xa que teñen as mesmas características que aqueles atopados con máis de 150 millóns de anos.

Etiquetas: ,

25.1.07

Chlamydoselachus anguinus – Unha quenlla prehistórica – (25-01-2007)




O día 25 de Xaneiro os medios de comunicación dedicaban texto e fotos á aparición dunha quenlla que foi recollida, aínda viva, polo persoal dun parque acuático en Xapón. O animal, que a prensa describe acertadamente como “similar a unha anguía e con dentes moi afiados, igual a un fosil vivinte”, pertence á orde do Clamidoselácidos e efectivamente, e polo momento, é a quenlla máis primitiva que existe. Chámase Tiburón anguía (Chlamydoselachus anguinus) e vive a grandes profundidades. O “Museo da Natureza” da SGHN dispón de tres exemplares desta especie, dous machos e unha femia. Os dous primeiros proceden do caladoiro do Canto e a segunda, máis grande (preto de 170 centímetros) foi atopada no Caladoiro da Selva.
O escaso espacio expositivo que dispoñemos imposibilita amosar os tres animais, polo que o visitante pode ver tan só un deles nunha urna de metacrilato, mentres os outros dous esperan conxelados tempos mellores.
Esta especie ten unha única aleta dorsal moi retrasada e posúe uns dentes tricúspides. As ringleiras de dentes están soldadas ao cranio do animal, característica co diferencia do resto das quenllas. Pare as súas crías vivas. Nembargante, descoñécese moitos datos da súa bioloxía.
En Galicia viven preto do noiro continental, entre os 600 aos 1.000 metros de profundidade. Aliméntase doutros peixes e os ollos son luminiscentes, unha constante naqueles animais que viven en hábitats abisais.
En castelán chámase Tiburón de Gorguera, un nome que fai referencia ás fendeduras branquiais que posúe, en número de seis e cun aspecto de colo plisado.

Etiquetas: ,

27.9.06

PEIXE CRAVO (Ruvettus pretiosus) (27/09/2006)


Este exemplar de PEIXE CRAVO (Ruvettus pretiosus) de 66 cm de longo procede do caladoiro da Selva. Levado ao Porto de Cedeira, foi entregado á SGHN pola "Pescadería Lano" do Mercado Central de Ferrol. Pertence á familia Gempylidae, que ten tan só dúas especies nas nosas costas. Pode chegar ata os dous metros de lonxitude. Este peixe ten unha distribución ampla, pódense atopar dende o norte de Europa ata os trópicos. Peláxico, entre 180 e 700 metros de profundidade, pode ser oceánico aínda que é máis frecuente no límite da plataforma continental. Aliméntase de peixes e cefalópodos. Ten por toda a pel tubérculos óseos con dúas ou tres espiñas, dirixidas cara atrás e ásperos ao tacto. O corpo é fusiforme, ten un fociño apuntado e a boca grande, coa mandíbula inferior forte e lixeiramente proxectada. Posúe dentes en ambas mandíbulas. Na superior presenta unha segunda ringleira de dentes nos palatinos e dous caninos por hemimandíbula na parte frontal ou vomer. Para o “Museo da Natureza” se conservou deste exemplar, pel curtida e o esqueleto completo.

Etiquetas: ,

16.9.06

Unha quenlla BOCADOCE en Camariñas (15-09-2006)







O venres, 15 de setembro, recibimos un aviso da CEMMA da aparición dunha quenlla que quedou apresada las redes da parella de arrastreiros "Coral" e "San Martín", con base en Ribeira. Os barcos estaban faenando na zona coñecida como "Chan de Touriñán". O tabeirón foi descargado no porto de Camariñas e os primeiros datos que se nos ofreceron forón o seu gran tamaño e a forma dos seus dentes.
Coas características ofrecidas se pensou que moi probablemente podería tratarse dun "Bocadoce" (Hexanchus griseus) ou "Cañabota" en castelán , determinación que se puido certificar nada máis chegar ao porto onde se atopaba o animal.
Tratábase dune xemplar de 4,50 metros de lonxitude, tamaño excepcionalmente grande, tendo en conta que esta especie pode chegar como máximo aos 5 metros e con máis de 400 quilos de peso. Unha femia preñada, que ao ser izado o seu corpo xa morto, pariu 6 crías vivas que foron devoltas ao mar. Este animal é ovovivíparo con camadas numerosas de ata 70 fetos. Ademáis das 6 crías vivas apareceron 31 máis, mortas, no seu interior, cun tamaño entre 69 a 76 centímetros, cada unha.
Esta quenlla ten seis ringleiras de dentes similares. A mandíbula superior presenta dentes máis pequenos e curvos, cunha soa cúspide Aliméntase doutros peixes de gran tamaño como bacallaos e quenllas, servíndose dos seus eficaces dentes cos que pode cortar a presa en anacos. Consume tamén presas pequenas como luras, cangrexos e peixes que inxire enteiros.
A súa distribución é ampla, practicamente en tódolos oceános do mundo, entre os 200 e os 1.800 metros de profundidade, en augas tépedas e frías. Ten seis fendeduras branquiais e ollos fluorescentes. De aspecto moi robusto, se pode atopar preto da superficie pola noite.
Ademais da biometría do especime, recolléronse algunhas das crías, anacos de pel e fígado e a súa gran cabeza, da que se tentará recuperar o cranio e as mandíbulas para a súa exposición no "Museo da Natureza" da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Etiquetas:

7.7.06

Peixe Espada (Xiphias gladius) - "A ESPADA DOS MARES"


O Museo da Natureza da Sociedade Galega de Historia Natural expón unha nova peza que formará parte dos fondos museísticos. Se trata dun gran cranio de Peixe Espada (Xiphias gladius) procedente do Atlántico norte, que foi poxado o ano pasado na lonxa de Cedeira e mercado pola peixería “LANO” do mercado central de Ferrol, quen cedeu a cachola á SGHN para ser exposta no seu museo da Natureza. É un peixe peláxico migratorio que vive solitario. Co peteiro, dun tamaño de 1/3 da súa lonxitude total, golpea a auga mentres da voltas, confundindo aos bancos de peixes que reaccionan formando grupos compactos e máis fáciles de capturar.
O traballo de reconstrucción desta cabeza durou varios meses dende conseguir salvar o esqueleto óseo, ata recompoñer as moitas pezas que forman o cranio. O traballo terminado da unha idea da lonxitude total deste animal, uns tres metros nunha especie que excepcionalmente pode acadar un máximo de 4,9 metros e un peso duns 150 quilos. Os fondos do Museo contaban xa con varios peteiros de Peixe espada, aínda que incompletos, ademais de outros peixes que posúen excepcionais picos como o “Peixe emperador” e o “Peixe serra”.
Os fondos que conforman o “Museo da Natureza” teñen a súa orixe de acordo cos fins reflectidos nos seus Estatutos, segundo os que “ningún animal poderá ser capturado ou sacrificado especificamente para a súa exposición”, rexeitando, polo tanto, todos aqueles animais nos que non quede clara a procedencia e legalidade. Os fondos non deixan de medrar, para elo e preciso a colaboración cidadá. Na actualidade estase a completar as coleccións de peixes de Galicia, unha das fontes de ingreso son animais procedentes de descartes pesqueiros e capturas accidentais que aparecen abeirados nas nosas costas. Algúns son cedidos polos propios mariñeiros que tras caer nas redes non poden ser liberados con vida, tamén os mercados nos ofrecen peixes descoñecidos ou como o caso do peixe espada que destaca polo seu gran tamaño.

Etiquetas: ,

26.6.06

Un estraño pasaxeiro, a "Quenlla boreal" (Somniosus microcephalus)


O mar non deixa de sorprendernos. De cando en vez aparecen nas nosas augas especies de peixes raros, cunha bioloxía escasamente coñecida e de distribución pouco estudiada. Neste caso foi unha “Quenlla Boreal”, ou “Tollo de Groenlandia” (Somniosus microcephalus) que nunca fora capturada nas nosas augas.
Esta quenlla foi enmallada accidentalmente o día 20 de xuño por un arrastre de parella, preto do noiro continental galego, en augas profundas. O barco “CORAL”, con base en Ribeira, descargou en Corme este estraño pasaxeiro de aspecto primitivo, chamou a atención polo seu gran tamaño, 3.30 metros, se trataba dun macho adulto aínda que esta especie pode rexistrar tamaños moi superiores, ata 6-7 metros.
O seu hábitat está entre os 200 e os 1.200 metros de profundidade. Trátase dun habitante das augas polares do Atlántico norte. Vive a unhas temperaturas entre 2 a 7 graos, é o único tabeirón que habita en augas polares. Esta especie alimentase de preas no leito mariño, con frecuencia se congregan numerosas quenllas o redor dunha balea morta. Tamén se sabe que está quenlla poden cazar toniñas e ata focas no Atlántico norte.
Os compañeiros da CEMMA (Coordinadora para o estudio dos Mamíferos Mariños) deron avisou á Sociedade Galega de Historia Natural para que se fixeran cargo do corpo e o trasladasen ao seu Museo da Natureza. A o espécime se lle practicou a necropsia in situ, e ao tratarse dunha quenlla pouco habitual se optou por facerlle unha dermoplastia, técnica que consiste na realización de moldes corpóreos que permitirán posteriormente unha reproducción a tamaño natural. Tentarase conservar o cranio e as súas características mandíbulas, así como un troco de pel. No Museo da Natureza existen xa expostas outras quenllas atopadas en Galicia, como a Quenlla Fociñuda (Tiburón Duende), Tabeirón Anguía (Tiburón Anguila), Marraxo (Tintorera) ou o Peixe Momo (Tiburón Peregrino).

Etiquetas: ,