7.4.10

Cetorhinus maximus – Momo (Tiburón Peregrino) na Ría de Ferrol



Este exemplar de Cetorhinus maximus quedou enmallado accidentalmente nun barco de pesca que faenaba de madrugada na entrada da ría de Ferrol, preto da pequena praia de Cariño e do porto exterior. Cos seus case catro metros, se trata dun subadulto, xa que esta especie pode chegar ata os dez metros de lonxitude e unhas catro toneladas de peso, aínda que existen rexistros de maior tamaño.
O Cetorhinus maximus (Gunnerus, 1765), Peixe momo en Galicia e Tiburón Peregrino, Marrajo gigante, Marrajo ballenato, Pez elefante, Pez bobo, Tiburón canasta, Pez vaca ou Colayo entre outros moitos nomes polos que se coñece en toda a xeografía da Península, Basking shark (inglés) ou Pélerin (francés) é o segundo peixe máis grande do mundo e outra característica salientable é a presenza de cinco grandes fendeduras branquiais ó redor da cabeza, con branquias formadas por dentículos dérmicos.
O fociño puntiagudo, con ollos e orificios nasais pequenos. Aletas grandes, especialmente a dorsal, e con base ancha. A caudal ten forma apuntada, como de lúa minguante, co lóbulo inferior longo.
Mentres tomábamos as biometrías do animal, a pregunta máis repetida referíase á ausencia aparente de dentes, cun tamaño de 5 a 6 mm, forma de gancho, atrofiados e case inexistentes polo escaso uso e dispostos de 4 a 7 ringleiras nunha mandíbula pouco protráctil, xa que esta quenlla é filtradora, alimentándose de pequenos organismos mariños. Esa é a razón da súa presenza en zonas con altas concentracións de zooplancton.
Foi perseguido ata reducir as poboacións de xeito moi considerable, especialmente polo seu fígado. Este órgano supón case un 25% do peso total do animal, intervindo na flotabilidade da quenlla. Cazado con arpóns, especialmente deseñados para este animal e dos que quedan algúns exemplos en zonas como Bares, e con redes, dun só animal obtíñanse ata 400 litros de aceite.
A súa caza sucedíase máis apresa ca súa reproducción, xa que estes animais soen ter unha ou poucas crías tras máis dun ano de xestación. Sobre este tema se coñecen con seguridade aínda poucos datos. Outro tema descoñecido é a actividade que estes animais desenrolan durante todo o ano e os diferentes ecosistemas que ocupan.
A extremada vulnerabilidade deste animal explícase tamén polo lento ritmo de crecemento e pola tardía etapa de reproducción, entre 12 a 20 anos segundo se trate de machos ou femias. A súa esperanza de vida, reducida claramente pola caza, podería ser duns 50 anos.
Ademais do aceite, deste tiburón aproveitouse a carne, o cartílago para as industrias farmacéuticas e homeopáticas e as aletas para a venta no mercado asiático, producto na actualidade especialmente valioso, algo que desgraciadamente ven a contribuír á desaparición das poboacións deste tiburón e de moitos outros.




PROTECCIÓNS:

Clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN): Categoría na lista vermella: Vulnerable (1996). Esta rede fixo repetidas chamadas instando ós países a prohibir a captura das aletas de tiburón e en 2008 concreta a recomendación esixindo que os tiburones sexan levados a porto coas súas aletas.

No CONVENIO DE BARCELONA para a protección do Mar Mediterráneo, Protocolo sobre zonas especialmente protexidas e diversidade biolóxica do Mediterráneo firmado en 1995, o Tiburón Peregrino inclúese no anexo 2, relativo ás especies en perigo ou ameazadas, con plena protección neste mar. Tan só sete países forman parte deste convenio, entre eles España.




O CONVENIO DE BERNA sobre conservación da fauna e flora e os hábitats naturais do medio ambiente, incluíu á poboación mediterránea desta especie en 1997 no seu apéndice II, no que se atopan un total de oito tiburones. Unha protección que se subscribe lamentablemente tan só a augas comunitarias o ás realizadas pola flota da UE en calquera parte do mundo.
O Convenio de Berna é a orixe da Directiva Hábitats 92/43/EEC, o instrumento legal da Unión Europea para protexer as especies ameazadas que naceu con graves errores en canto á inclusión das especies. Así nesta importante Directiva no se inclúen quenllas

En 1999, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) adoptou un Plan de Acción Internacional para a Conservación e Ordenación dos Tiburones, pedindo a axuda de tódolos países pescadores destes animais para a súa concienciación e mobilización neste senso, sen moito resultado.

CITES – Se atopa no Apéndice II (13/02/2003) – Neste apéndice II se inclúen tódalas especies que, si ben na actualidade non se atopan necesariamente en perigo de extinción, poderían chegar a esa situación se o seu comercio non estivese suxeito a unha regulamentación estricta, a fin de evitar a súa utilización incompatible coa súa supervivencia.

A Convención sobre Especies Migratorias (CMS) inclúe no seu apéndice II a sete especies de tiburones, entre eles ó Cetorhinus maximus.



A Asemblea Xeral das Nacións Unidas chamou ós países a prohibir a captura dos tiburones polas súas aletas na súa Resolución de Pesca Sostible anual do 2004.
O Regulamento CE – 1782/2006 de 20 de novembro, modifica o Regulamento 51/2006 no artigo 5, engadindo un apartado no que se prohibe ós barcos comunitarios capturar, manter a bordo, transbordar e desembarcar ó Cethorhinus maximus e ó Carcharodon carcharias en tódalas augas comunitarias e non comunitarias.
A mesma obrigación para terceiros países en augas comunitarias.






O Convenio sobre la Protección do Medio mariño do Atlántico Nordeste (OSPAR), incluíu no seu listado de especies e hábitat ameazados ou en declive ó Cetorhinus maximus. Este tratado non ten competencia na xestión directa, pero as decisións tomadas no seu seno se trasladan en moitas ocasións á lexislación europea. Forman parte deste convenio doce países, entre eles España.

Dicir tamén que en EE.UU, o seu Plan de Xestión da Pesca, protexe estrictamente ó T. Peregrino, prohibíndose a súa pesca comercial dirixida, o desembarco ou venta e que está protexido plenamente tanto a súa captura como molestia intencional polas Illas Británicas, ata doce millas da costa, incluída a Illa de Man.



E por último reproducir aquí o decálogo de “Oceana” http://www.oceana.org/ para una xestión eficaz dos tiburones na Unión Europea:

1 Desembarcar as quenllas coas aletas adxuntas.
2 Regular as capturas de especies de quenllas explotadas comercialmente, realizadas por embarcacións da UE, mediante a Política Pesqueira Común, con cuotas e límites de pesca.
3 Controlar as pesquerías de quenllas nos lugares nos que opere la flota da UE, tanto en augas europeas como no resto do mundo.
4 Regular as especies de quenllas migratorias explotadas en alta mar, con cuotas e límites de captura, a través das organizacións Rexionais de pesca relevantes.
5 Introducir medidas de xestión eficaces para reducir as capturas accidentais.
6 Eliminar os descartes de quenllas.


7 Introducir a figura dun observador independente nas embarcacións que capturan quenllas.
8 Recopilar estadísticas comerciais para os productos de quenllas (carne, aletas, aceite de fígado), diferenciadas por especie.
9 Incluir as especies de quenllas en perigo nas conveccións internacionais e lexislacións nacionais que limitan ou evitan o comercio e as capturas.
10 Poñer en marcha o Plan de Acción Europeo para as quenllas.

---- Yosy(2010)

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Página principal