31.12.06

¡BO ANO!


Para todos aqueles que non matan
nin feren, mutilan ou agriden.


Para os que respectan a vida dos outros
con independencia do sexo, raza ou especie


Para os que loitan por mellorar o seu entorno
e o dos demais

Para os que tentan crecer con dignidade
sen pisar a allea.

Etiquetas: ,

24.12.06

Colaboración no dominical "NORDESÍA" (Diario de Ferrol) - (24-decembro-2006)


Etiquetas:

23.12.06

Morreu CAMPELO – Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – (24-decembro-2006)


Despois de 16 días de coidados morreu CAMPELO. Tivo asistencia veterinaria durante todo ese tempo dirixida pola CEMMA e a atención de moitas persoas que se achegaran ata a SGHN para interesarse por ela ou para prestar axuda nas curas, limpeza e alimentación. Mantivemos a esperanza de que superase a situación crítica con que chegou, pero ao final a natureza reclamouna e o pouco de vida que lle quedaba se escapou.
A outra tartaruga, LUME, segue evolucionando positivamente, adquirindo cada vez máis forza. Cúmprese xa o mes de estancia con nos e neste momento come sen axuda e se despraza con axilidade na auga. Temos que seguir facéndolle as curas das graves feridas que lle causaron as cordas e que pouco a pouco vanse pechando

Etiquetas:

22.12.06

Mamíferos mariños (VARAMENTOS) – Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)



Varamentos na costa de A Coruña
Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)

Etiquetas:

20.12.06

PROHIBIDAS AS CORRIDAS DE TOUROS. -. ¡Qué boa noticia se fose certa! – (22-decembro-2006)


Para rematar o ano dun xeito inmellorable, nada como que se fixera realidade a noticia filtrada pola prensa que poñía en boca da Ministra de Medio Ambiente o proxecto do goberno polo que se prohibía a morte do animal nas corridas de touros, respondendo a una realidade que puxese a España á altura ética dos países europeos. Un primeiro paso para a erradicación total desa, por chamarlle actividade, que nos fai enchernos de pena e vergoña cando somos identificados pola mal chamada “festa nacional” que non ten nada nin de troula nin de indíxena, en canto non é patrimonio de todas as comunidades que forman España. Moitos somos, aínda que non poderosos, os que non atopamos arte por ningures no acantoamento e tortura do toro nun espacio pechado e rodeado de inimigos que non atopan máis diversión que contemplar a morte doutro. Que non cremos que o toureiro sexa atractivo, nin valente, senón un matachín máis, con roupas un tanto “sospeitosas”. Que pensamos que chamarlle “torero” a un artista é insultalo e degradalo. Que vale máis botar unha man que “botar un capote” e que tourear lonxe de significar pelexa ou combate, está máis preto do verbo amolar. Os partidarios desta lamentable e triste actividade, deféndense dicindo que o “arte do toureo” síntese na alma e que os detractores son incapaces de alcanzar tal elevado sentimento. ¡Qué mágoa dun sentimento tan cortiño!. O que se sinte na alma, no corazón e no fígado é presenciar a morte dun inocente indefenso pese a súa bravura, ante o poder do home que sempre sae gañando no enfrontamento.
Cómo dicía “Siniestro total”, na súa canción: “Alégrame el día torero, alégrame el día”, ¡aínda si se puidera celebrar de cando en vez a victoria do máis débil!.
Pero a frase da ministra foi tan só unha expresión en voz alta do seu pensamento, que a honra. Valería a pena deixar a política para sempre si se levara na mochila o logro de acabar coas corridas de touros e con calquera outro maltrato a humano ou animal no noso país. Podería retirarse con toda a dignidade e merecida honra pola valentía de arrincar o que quizais sexa unha das derradeiras tradicións sanguentas que chegou ata nosos días protexida por un poder excesivo en diñeiro e escaso en neuronas e sensibilidade.
Este ano que se achega non será. Pero aínda teño esperanza no seu humano. ¿Quén sabe?.

Etiquetas: ,

17.12.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (17-decembro-2006)


Etiquetas:

16.12.06

Curso “CETÁCEOS NA COSTA ARTEIXÁ” – (15 e 16 de decembro de 2006)





Presentado polo Alcalde de Arteixo e coa participación de cinco poñentes, rematou o curso dedicado enteiramente aos cetáceos na costa Arteixá. Complementouse cunha pequena mostra de cranios de mamíferos mariños do “Museo da Natureza” da SGHN e cunha saída para avistar cetáceos, dirixida por Mara Caldas da CEMMA.

Etiquetas: ,

10.12.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (10-decembro-2006)

Etiquetas:

9.12.06

“CAMPELO” – Outra Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – (9 decembro 2006)




A costa de Galicia está a sufrir un temporal nestes días, cun mar embravecido e fortes ventos, propicio para a aparición de animais. Avisounos a CEMMA pola mañá, tras a comunicación que uns veciños de Campelo fixeron a Garda Civil. Atoparon ao animal envolto nunha rede nesta praia de Campelo, que se caracteriza por ter unha parte do areal cheo dunhas características pedras redondas de bo tamaño. A Tartaruga ten unha lonxitude da cuncha de 46 centímetros e a medida cabeza-cola é de 60, claramente máis grande que LUME (25 e 35 centímetros respectivamente). Pesa preto de 16 quilos e presenta varias feridas repartidas polo corpo, consecuencia dos roces coa rede, especialmente unha aberta na parte superior da cuncha, que no momento da recollida lle sangraba abundantemente.
Trasladámola ata a SGHN, procedendo a desinfectarlle as feridas en primeiro lugar, deixando a continuación que descansara nun recipiente con auga. Amosa unha falla de mobilidade, xa que o único movemento que fai é o de levantar a cabeza para respirar. Mentres esperamos como evoluciona, preparamos un novo habitáculo para este gran animal, xa que non podemos poñer xuntas ás dous tartarugas, pola diferencia de tamaños e para non prexudicar a boa evolución de LUME, someténdoa á presencia dun competidor nun nicho tan pequeno. Tivemos que mercar unha cuba cun tamaño importante, para 1.000 litros, que permita á tartaruga moverse con comodidade dentro dela. O problema que se nos presenta agora é como manter a auga á temperatura que estes animais precisan, uns 22 graos e como adaptar tamén o circuíto pechado das dúas tartarugas cun mesmo motor. Polo momento quentamos a auga en varias potas cun queimador de butano. Nesto estamos, e penso que sairemos adiante.

Etiquetas:

8.12.06

“LUME” - Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – Evolución (8 –decembro-2006)


As feridas de “LUME” evolucionan favorablemente. Dende fai dous días come soa de novo, pasadas xa as xornadas de curas máis agresivas que lle producían unha tensión que anulaba o desexo de comer. Se move con moita axilidade dentro da cubeta de 400 litros de auga na que pasa a maior parte do día, coa excepción da hora que permanece en seco, mentres se lle subministra o tratamento.

Etiquetas:

6.12.06

CORZO (Capreolus capreolus) – (6-Decembro-2006)





O martes, a última hora da tarde, nos chamaron á SGHN para recoller un corzo atropelado na estrada, preto do pobo de Cedeira. O informador era o propietario do vehículo que tivera a mala fortuna de chocar co animal, quen cruzou inesperadamente a rúa sen que o conductor puidera facer nada para evitalo. Púxose en contacto con nos e ante a intención dalgún individuo que se mostrou interesado en “aproveita-la carne” nos esperou xunto ao animaliño, que ficaba tendido entre la vexetación para protexelo doutra agresión, comportamento que lle honra. Cando chegamos ao lugar xa era noite e a silveira ata onde se arrastrara o asustado animal permitiu tan só adiviñar o corpo agochado. Houbo de facerse camiño entre a matogueira ata chegar ao atorado corzo, por unha ladeira inclinada e esvaradiza.
Tratábase dunha femia duns dous ou tres anos de idade, que aterrorizada polo acontecido, polas feridas e pola nosa presencia, nin se moveu cando foi collida. A trasladamos a SGHN, onde de novo recorremos ás instalacións da UCI de lobos mariños para atender ao animal. En véspera de día festivo temiámonos que non poderíamos contactar co “Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de OLEIROS”, dependente da Xunta de Galicia, quen se ocupa de atender a canto animal salvaxe se atope en dificultades, así que mentres tanto tentamos acomodar á corciña o mellor posible. Se lle apreciaba unha luxación na pata dianteira dereita e presentaba pequenas hemorraxias. Lle facilitamos auga e soro e a deixamos descansar ata a mañá seguinte, co desexo de que non tivera ningunha lesión interior. O mércores, a primeira hora, comprobamos con satisfacción que tiña moita máis enerxía, tanto que tivemos que inmobilizarlle as patas traseiras para que non se danase máis. Tras conseguir por fin a conexión con Oleiros, trasladamos ata alí ao animal, onde nos esperaba o veterinario do Centro.
Nuns días poñerémonos en contacto novamente con eles para interesarnos polo estado do animal co ánimo de que poda superar este atranco na súa vida.

Etiquetas:

5.12.06

A CASA DO CORONEL – O novo “Museo da Natureza” da SGHN – (5-decembro-2006)


Na fotografía, que recolle o momento da rolda de prensa que informou
do proxecto de obras,
Amador Rodríguez Silvar (Concelleiro de medio Ambiente),
José Manuel Rey (Concelleiro de Patrimonio),
Manuel Bustabad (Concelleiro de Obras),
Paulino Gasalla (Delegado de la SGHN-Ferrol)
e Juan Ignacio Díaz d’a Silva (Coordinador do “Museo da Natureza” da SGHN).
--

Despois de algúns meses de silencio, nos que a “Casa do Coronel” descansou de cemento, area e ladrillos, á espera dun futuro incerto e cun presente cheo de goteiras e humidades, o martes 5 de decembro o Concelleiro de Obras do Concello de Ferrol, Manuel Bustabad presentou á comisión de obras, reunida con carácter extraordinario para este tema, a primeira fase do proxecto de reformas da “Casa do Coronel”, no antigo cuartel Sánchez Aguilera, para acondicionala como sede da SGHN e do seu “Museo da Natureza”.
O goberno local por unanimidade, deu o visto bo a este proxecto, que ten unha inversión de 60.000 euros nesta primeira fase. Rematada esta, a intención é a de iniciar outra fase de obras para o ano 2007, cun presuposto doutros 60.000 euros.
Esta magnífica noticia, tan esperada dende fai tanto tempo, énchenos de novas forzas e ilusións. Temos que agradecer a iniciativa do Concelleiro de Obras, Manuel Bustabad, que sen dúbida amosou un gran interese polo noso proxecto, propoñéndose levalo a cabo, pese a calquera dificultade que se lle puidera presentar. Nesta iniciativa conta co respaldo de outras dos concellerías, a de Patrimonio e Medio Ambiente, que se veñen a unir ás subvenciones que tanto a Deputación como a Xunta de Galicia prestaranos, encamiñadas a poñer en marcha o que vai ser, sen dúbida, un dos mellores Museos de Historia Natural. A través da Concellería de Asuntos Sociais de Ferrol contaremos tamén coa colaboración da ONCE, en canto a dotar ao edificio e ao xardín de accesibilidade.
Se o calendario se cumpre, esta fase de obras arranca o próximo luns, 11 de decembro. Alí estaremos para contemplar como, o ata agora abandonado caserón, se enche de movemento e se inicia o cambio do que será a “nosa casa”, a casa dos lobos mariños, das baleas, de toda a natureza e da aqueles que se acheguen a contemplar, aprender e ensinar.

Etiquetas:

3.12.06

Colaboración no dominical “NORDESÍA” (Diario de Ferrol) – (3-decembro-2006)


Etiquetas: