9.12.06

“CAMPELO” – Outra Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – (9 decembro 2006)




A costa de Galicia está a sufrir un temporal nestes días, cun mar embravecido e fortes ventos, propicio para a aparición de animais. Avisounos a CEMMA pola mañá, tras a comunicación que uns veciños de Campelo fixeron a Garda Civil. Atoparon ao animal envolto nunha rede nesta praia de Campelo, que se caracteriza por ter unha parte do areal cheo dunhas características pedras redondas de bo tamaño. A Tartaruga ten unha lonxitude da cuncha de 46 centímetros e a medida cabeza-cola é de 60, claramente máis grande que LUME (25 e 35 centímetros respectivamente). Pesa preto de 16 quilos e presenta varias feridas repartidas polo corpo, consecuencia dos roces coa rede, especialmente unha aberta na parte superior da cuncha, que no momento da recollida lle sangraba abundantemente.
Trasladámola ata a SGHN, procedendo a desinfectarlle as feridas en primeiro lugar, deixando a continuación que descansara nun recipiente con auga. Amosa unha falla de mobilidade, xa que o único movemento que fai é o de levantar a cabeza para respirar. Mentres esperamos como evoluciona, preparamos un novo habitáculo para este gran animal, xa que non podemos poñer xuntas ás dous tartarugas, pola diferencia de tamaños e para non prexudicar a boa evolución de LUME, someténdoa á presencia dun competidor nun nicho tan pequeno. Tivemos que mercar unha cuba cun tamaño importante, para 1.000 litros, que permita á tartaruga moverse con comodidade dentro dela. O problema que se nos presenta agora é como manter a auga á temperatura que estes animais precisan, uns 22 graos e como adaptar tamén o circuíto pechado das dúas tartarugas cun mesmo motor. Polo momento quentamos a auga en varias potas cun queimador de butano. Nesto estamos, e penso que sairemos adiante.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio