21.11.06

Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) – “LUME” – (21-Novembro-2006)



Apareceu na praia de Lume Boo, unha cala á esquerda do areal de Doniños. Enmallada nunha rede, foi atopada por un pescador que a rescatou dunha máis que probable morte. Aínda que a nosa especialidade son os lobos mariños, adaptamos a UCI das focas para recibir a este animal, que precisa coidados específicos. En breve se tratarán as feridas que a rede lle ocasionou, na cara anterior das dúas aletas pectorais. Polo momento tentamos devolverlle vitalidade e forza con comida e auga. A tartaruga non fixo soa a viaxe, senón que se acompañou dun cangrexo peláxico, “Planes cyaneus”, asociado en especial á Caretta caretta, aínda que tamén pode atoparse en algas, invertebrados e restos de lixo como cordas, plásticos, madeiras e demais residuos flotantes. Trátase dun cangrexo oportunista que se alimenta de diversos organismos capturados preto do animal ao que se asocia. A Tartaruga Mariña Común vive no Mediterráneo, no Caribe e na franxa subtropical e tropical dos grandes océanos. Pode superar os 200 centímetros de lonxitude e un peso de entre 100 a 150 quilos ata os 450 en animais moi grandes. Ten gran capacidade para desprazarse lonxe da costa. As correntes a levan ata puntos afastados da súa orixe, como o caso que nos ocupa. Esta é unha das tartarugas mariñas máis ameazadas o que provocou o inicio de proxectos para tentar recuperar as poboacións e a súa inclusión no apéndice I do CITES e no II da Convección de Berna.
Na SGHN iniciamos esta recuperación baixo a dirección da CEMMA, coa esperanza de que poda ser devolta ao mar de novo.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio