PROHIBIDAS AS CORRIDAS DE TOUROS. -. ¡Qué boa noticia se fose certa! – (22-decembro-2006)
Para rematar o ano dun xeito inmellorable, nada como que se fixera realidade a noticia filtrada pola prensa que poñía en boca da Ministra de Medio Ambiente o proxecto do goberno polo que se prohibía a morte do animal nas corridas de touros, respondendo a una realidade que puxese a España á altura ética dos países europeos. Un primeiro paso para a erradicación total desa, por chamarlle actividade, que nos fai enchernos de pena e vergoña cando somos identificados pola mal chamada “festa nacional” que non ten nada nin de troula nin de indíxena, en canto non é patrimonio de todas as comunidades que forman España. Moitos somos, aínda que non poderosos, os que non atopamos arte por ningures no acantoamento e tortura do toro nun espacio pechado e rodeado de inimigos que non atopan máis diversión que contemplar a morte doutro. Que non cremos que o toureiro sexa atractivo, nin valente, senón un matachín máis, con roupas un tanto “sospeitosas”. Que pensamos que chamarlle “torero” a un artista é insultalo e degradalo. Que vale máis botar unha man que “botar un capote” e que tourear lonxe de significar pelexa ou combate, está máis preto do verbo amolar. Os partidarios desta lamentable e triste actividade, deféndense dicindo que o “arte do toureo” síntese na alma e que os detractores son incapaces de alcanzar tal elevado sentimento. ¡Qué mágoa dun sentimento tan cortiño!. O que se sinte na alma, no corazón e no fígado é presenciar a morte dun inocente indefenso pese a súa bravura, ante o poder do home que sempre sae gañando no enfrontamento.
Cómo dicía “Siniestro total”, na súa canción: “Alégrame el día torero, alégrame el día”, ¡aínda si se puidera celebrar de cando en vez a victoria do máis débil!.
Pero a frase da ministra foi tan só unha expresión en voz alta do seu pensamento, que a honra. Valería a pena deixar a política para sempre si se levara na mochila o logro de acabar coas corridas de touros e con calquera outro maltrato a humano ou animal no noso país. Podería retirarse con toda a dignidade e merecida honra pola valentía de arrincar o que quizais sexa unha das derradeiras tradicións sanguentas que chegou ata nosos días protexida por un poder excesivo en diñeiro e escaso en neuronas e sensibilidade.
Este ano que se achega non será. Pero aínda teño esperanza no seu humano. ¿Quén sabe?.
Etiquetas: Delitos ecolóxicos e alegacións, Medioambiente e ecoloxía
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio