7.10.06

Alegacións ao “Plan de Xestión do Lobo en Galicia” - (7/10/2006)


O día 7 de outubro 2006 o biólogo e naturalista Martiño Nercellas Méndez, presentou ante a Xunta de Galicia un documento a modo de alegacións ao “Plan de Xestión do Lobo en Galicia”, no que solicita que sexa desbotado de dito plan a condición de especie susceptible de ser aproveitada cinexéticamente de xeito xeneralizado e se eliminen as zonificacións establecidas. Pide así mesmo que se de prioridade a aquelas accións que tendan a diminuír a conflictividade que a especie leva asociada, con axilización de pagos e valoración de danos, campañas de difusión, sensibilización e realización de cursos axeitados á gardería forestal.
Felicitamos ao compañeiro polo excelente traballo e trasladamos a esta páxina algúns parágrafos do seu escrito:

“Queda todo un traballo de xestión, principalmente divulgativa, serio e responsable, nun percorrido a contracorrente da percepción que ten boa parte da poboación rural galega do lobo, que permita cambiar o odio sobre a especie a favor da súa tolerancia e coñecemento, sen dúbida algunha ferramentas indispensables para atallar a conflictividade home-lobo. En resumo, información que permita entender que o lobo forma parte indisociable do noso ecosistema, como nós; que permita asumir baixas ó gando naqueles lugares onde temos eliminado ás presas salvaxes; para aportar solucións de manexo que eviten a carga ao gandeiro de soportar pola súa conta os efectos dunha especie de intereses público xeral; reconducir pautas de comportamento que erradiquen a persecución furtiva por multitude de medios agonísticos e grande crueldade (uso de velenos, cepos, trampas, etc..); non xeneralizar a súa caza coma un feito normal, medida que tan só parece avivar a imaxe negativa e preconcibida do lobo”.
“A chave para atallar o problema do lobo radicará cando apostemos en positivo pola súa conservación, divulgando e concienciando para tolerar e harmonizar a convivencia con el, facelo coas ganas de querer que campe libre polas nosas serras, de escoitar o seu ouveo, sabedores de que a súa presencia é un dos mellores síntomas da saúde ambiental e riqueza do noso patrimonio natural. Destacar ademais, que protexer ao lobo e o seu papel ecolóxico no medio, supón ter avanzado moito nas políticas de conservación da natureza e da biodiversidade. Nembargante mentres continuemos fomentando a súa conservación en negativo, é dicir, apoiada na idea de que é necesaria a súa persecución e eliminación por medio da caza, só estaremos alimentando e xustificando aínda máis o forte odio e temor psicolóxico individual e colectivo, dunha poboación que culturalmente aprendeu a sentir ao lobo baixo unha inxusta e desmerecida lenda que nada ten que ver coa realidade”.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio