26.9.06

“Culcita macrocarpa” ameazada por talas nun afluente do Río Castro (Serra do Forgoselo) - (26/09/2006)


A finais do mes de xullo, membros de Sociedade Galega de Historia natural detectaron no canle dun afluente do Río Castro na Serra do Forgoselo (Concello de San Sadurniño), talas a matarrasa que afectaban a varios pes do fento “Culcita macrocarpa”. Presentouse a correspondente denuncia á Delegación de Medio Ambiente, comunicándolles a urxencia da intervención, dada a situación na que quedaron ditos fentos. Ante a falta de actuacións, repítese a denuncia a principios de Setembro e se fai fincapé en que é precisa unha rápida actuación. O día 18 de setembro acudimos ao lugar xunto cun axente de Medio Ambiente da Xunta, que levanta acta dos danos. O día 26 repítese a visita con axentes do SEPRONA, que despois de recoñecer o lugar fan tamén a correspondente denuncia.
A tala ilegal arrasou a vexetación ata a mesma beira do río, deixando a canle totalmente desprotexida, co perigo que supón para a estabilidade dun ecosistema tan fráxil como son as ribeiras e para a supervivencia de especies tan emblemáticas como a “Culcita macrocarpa”, recordemos que este fento é un relicto mesozoico, cunha distribución limitada á costa atlántica na zona de Alxeciras, escasas zonas da Galicia atlántica e algúns puntos da costa cantábrica. A súa principal área é macaronésica (Canarias e Azores). Precisan para subsistir ambientes moi húmidos e abrigados en latitudes baixas. Está incluída na lista vermella de especies en perigo e protexida pola Directiva Hábitat. Neste delicto medioambiental destrúense non só a “Culcita macrocarpa”, especie de por si suficiente para protexer a zona enteira, senón outras especies de fentos como a “Woodwardia radicans”, ademais da esquilmación da fraga. Desexaríamos que se puxera fin a esta desprotección das xoias botánicas que aínda nos quedan e esto pasa por apostar firmemente polos bosques autóctonos, defendendo os que quedan e potenciando outros, antes de que sexa xa irremediable.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio