22.9.06

Unha chamada á sensibilidade




Cumprido xa o ano, dende que a Sociedade Galega de Historia Natural iniciou unha campaña contra a utilización de dispositivos para impedila mobilidade de animais en réxime de semiliberdade na Comunidade Galega, queremos facer un recordo a esta problemática que segue aberta, aínda que nestes momentos nos consta cás autoridades policiais e mesmo a Xunta de Galicia teñen conciencia da situación e se están a tomar medidas para combater este delicto. Delicto é "Maltratar ou agredir físicamente aos animais ou sometelos a calquera outra práctica que lles supoña sufrimento ou danos inxustificados", tal e como dí o artigo 30 do Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993 de "Protección aos animais domésticos e salvaxes en catividade" e que prohibe "O uso de toda sorte de dispositivos que, destinados a limitar ou impedir a mobilidade dos animais, lles produzan a estes danos ou sufrimento innecesarios".
A denuncia se iniciou con oito puntos de infracción nos concellos de Alfoz, San Sadurniño (Neda), Lousame (Rianxo), As Pontes, Ferrol, Cedeira e Vimianzo. En todos eles se repetía a constante dun animal que portaba unha ou dúas trabas nas súas patas dianteiras. Pero ¿qué é unha traba?. A traba é un mecanismo que tenta reducir a mobilidade dos cabalos que viven en liberdade nos montes galegos, formado por unha gran peza de madeira, dende 50 centímetros ata un metro de lonxitude e cun considerable peso, como se pode deducir. O animal, disminuído, case non pode desprazarse, sendo víctima frecuente e fácil dos ataques de lobos e de atropelos nas estradas. Limitado para ser el mesmo e utilizar as súas áxiles patas que se van atrofiando co tempo. A triste imaxe dun animal arrastrando as extremidades entre a vexetación do monte e avanzando centímetro con gran dificultade, pon os pelos de punta a calquera que teña unha mínima sensibilidade.
Deixamos como mostra e para que non se esqueza a loita para erradicar este uso, as imaxes dunha femia coa súa cría, inútil para defender ao pequeno animal e a dun macho "castrado" no seu movemento, que segue a duras penas ao resto da manda.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio