Encontro sobre o Lobo Galego – Castelo de Santa Cruz (30/09/2006)
O Sábado, 30 de setembro, celebrouse no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) un encontro para debater o borrador do “Plan de Xestión do Lobo en Galicia”, organizado por ADEGA coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e do CEIDA. A exposición, antes de iniciar o debate, correu a cargo de Felipe Bárcena, coñecido e valorado estudioso dese tesouro animal que é o lobo.
No ano 2003 se inicia a elaboración dun primeiro borrador pola Consellería de Medio Ambiente, obtido o cal se somete a discusión con todos os sectores sociais, para o que se crean mesas sectoriais, con Investigadores e Xestores, Institucións, Gandeiros, Cazadores e ONG, que se desenvolveron ao longo do mes de Abril de 2006. En ditas mesas se presentou o Plan de Xestión e se detallaron as actuacións, dando lugar logo a comentarios e contribucións.
O Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, asistiu na nosa representación á reunión da mesa sectorial ONG, que tivo lugar o día 27 de Abril no edificio Administrativo da Consellería de Medio Ambiente. O representante da SGHN amosou a súa discrepancia con determinados aspectos do modelo de xestión proposto, considerando que a información dada sobre o lobo en Galicia non é suficiente para abordar un plan de xestión e que as directrices deste se refiren só ao aproveitamento cinexético ou a medidas que perseguen a reducción das poboacións.
Segundo a postura da SGHN, faltan directrices para o mantemento das poboacións silvestres nuns niveis adecuados que busquen equilibrio entre conservación e aproveitamento.
As alegacións da SGHN a este “Plan de Xestión” dunha maneira sintetizada veñen a incidir sobre:
- Cuestionar o estatus e dinámica poboacional da especie.
- Considerar que a distribución da especie e de mandas non son coherentes.
- Afirmar que os índices casuísticos de mortalidade son parciais.
- Denunciar que a disponibilidade real dos recursos tróficos é insuficiente e cos enunciados no plan son en parte erróneos.
- As interaccións co home citadas son incompletas ou pouco rigurosas, xa que non se contempla o gando mostrenco, ademais de discrepar cos datos de expedientes de danos á gandería.
- O borrador presentado refírese só ao aproveitamento cinexético por parte das sociedades de cazadores e á reducción das poboacións pola gandería.
Na exposición do día 30, Felipe Bárcena tamén discrepa co borrador do Plan de Xestión en moitos puntos, en canto parece estar fundamentado nun descoñecemento sobre a realidade do lobo e que todo o plan está baseado na cuestión cinexética. Expuxo ao seu xuízo cal é a problemática do lobo en Galicia, que resumindo podería sintetizarse nos seguintes puntos:
- Escaseza de alimento
- Excesiva presión cinexética
- Batidas utilizando cans e sofisticados medios técnicos que fan da caza un asasinato planificado.
- Caza indiscriminada de sexos e idades
- Autorizacións de caza por riba da capacidade dos cotos
- Calendario de caza moi extenso
- Competencia cos cans
Etiquetas: Cursos Charlas e Conferencias
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio