27.8.09

A Esmorga ante todo - ¡Isto é Ferrol!

Onte puxemos ao límite o noso corazón. Pensamos “Ata aquí chegamos” mentres viamos as lapas trepar polos muros da casa contigua ó antigo hospicio. Unha casa xa antiga, dos anos cincuenta probablemente, aínda que non tanto como a que nos acolle, un vello caserón condenado a morrer pola desidia da administración. O incendio se cebou co último piso deixando ós seus inquilinos sen fogar entre unha morea de espectadores, atentos ó dobre espectáculo da desgracia e da música, o concerto previsto para esa noite na praza de Amboaxe e que finalmente, e sorprendentemente, se celebrou.

E mentres mirábamos ó ceo, pendentes de que as lapas non invadiran o noso fogar social e o fume nos envolvía enchéndonos dese olor que nos acompañou ata o catre, as primeiras notas de música soaban, dando ó conxunto de imaxes un dramatismo maior.

Pensei facer fotos dos rostros presentes, das luces, dos vehículos oficiais ... pero non era quen de facelo do ruído, das voces, da música .... do olor, e finalmente gardei a cámara.

Fora xa de perigo o noso patrimonio, deixamos o escenario cun acre sabor de boca, froito do medo por sentirse ó bordo do desastre, da perda total pero froito tamén de presenciar a dor de quen aínda que afortunadamente non tivo danos persoais, perdeu todo o que tiña e observaba agora as cinzas fumeantes co fondo da esmorga formada na praza que nese intre estaba xa no seu apoxeo.


Eu me pregunto, ¿non debería deixarse a festa para outro día?. E non só por seguridade, ¡que tamén!, senón por solidariedade co que sufre.
Tan ansioso está o ser humano pola xoldra e a enchente neste país, que ante a dor allea nin sequera se pensa nin por un segundo en paralizar a farra. ¡Non vaia ser que elo ocasione danos morais ós sufridos festeiros!.

As decisións importantes requiren de principios e de homes e mulleres destacados e xustos. Non vale todo na vida nin todo ten o mesmo valor e posuír un cargo destacado na administración, a de aquí, a de alá ou a da máis acolá, implica ten nas mans a cultura social e moral dese pobo representado. Queremos dos políticos que eliximos implicación nas decisións aínda que sexan difíciles e non gusten á maioría. Queremos que coiden ó cidadán e a cidade, o ecosistema no que vivimos todos. Para convivir precísanse exquisitas normas de conducta que axuden á comprensión entre os cidadáns e axilidade no mantenemento das estructuras desta gaiola de cemento na que vivimos.

Non poderíamos falar máis claro se nos poñemos nos como exemplo do que non hai que facer: deixar que un patrimonio científico e expositivo se poña en perigo unha e outra vez , mentres non se fai o mínimo esforzo por levar adiante as obras necesarias para remedialo. Pero estamos a falar de obras, unha palabra con curto desenrolo na nosa cidade e falamos de priorizar a solidariedade moral antes que as festas e ambos conceptos aparentan ter dificultades de realización. Yosy
-----

Etiquetas:

10.8.09

SPINNAKER 2009 (5-9 agosto) – Exposición do “Museo da Natureza” da SGHN





A SGHN participou un ano máis en SPINNAKER cunha mostra do “Museo da natureza”. Nesta ocasión levamos parte do esqueleto dunha Balea común (Balaenoptera physalus), que forma parte do activo de fondos biolóxicos que seguen a esperar un espazo digno onde realizar a montaxe definitiva.

¿Para cando?.











SPINNAKER - Primeiro premio de debuxo infantil

Etiquetas:

7.8.09

Ó actor Heath Ledger, as baleas e o mundo ó revés ....

O actor australiano falecido en xaneiro do 2008, cando acababa de recibir o “Globo de ouro” pola súa película “O cabaleiro escuro” baseada nas historias de Batman e na que interpretou o papel de Jocker, participou noutros filmes como “Brokeback mountain”, na que se relata a relación amorosa de dous homosexuais no oeste americano.
Heath Ledger dirixiu ademais vídeos para grupos musicais e este é o seu derradeiro clip realizado para o grupo “Modest Mouse”. O actor crítico coa caza das baleas, conta a historia dun barco baleeiro onde os cazadores son baleas e os cazados os homes. En seis minutos describe a caza e despece dos humanos para convertelos en alimento de mascotas.
Esta obra póstuma foi publicada en internet cunha dedicatoria ó final da cinta na que se pode ler: “Isto comezou xunto ó noso amigo, un gran defensor da vida e completouse co seu espírito”.
O diñeiro recadado con esta obra destinarase a “Sea Shephard Conservation Society”, asociación que protexe a vida e os ecosistemas mariños.

O clic pódese ver neste enlace en Youtube:

YOUTUBE (completo)

Etiquetas:

5.8.09

GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba) – intento de varamento dun exemplar xuvenil

Con pouco máis dun metro de lonxitude, este exemplar de Golfiño riscado (Stenella coeruleoalba) apareceu na Ría do Barqueiro, nadando moi preto da costa sen que aparentemente se rexistrase a presenza doutros animais da manda. Un exemplar moi noviño que escasamente presenta o patrón de coloración típico da especie: liñas estreitas de cor negro nos flancos que lle saen dende os ollos. O nome científico “coeruleoalba” define o azul do ceo e o branco que aparecen na súa pel.
Trátase dun macho, polo que cando alcance a madurez acadará uns 2,5 metros de lonxitude, formando parte dunha manda que acolle gran número de animais e que presenta unha gran cohesión.
Agora fica só nesta ría amable, pero allea as súas costumes. Ó longo do día o seu ánimo foi derivando desde tímidos achegamentos á praia na procura de semellantes confundidos nas figuras dos bañistas, ata chegado xa o atardecer, o franco intento de varamento, nadando en augas moi someras, abafado seguramente pola ausencia dos seus.
Nas fotografías pódese ver as diferentes fases de recuperación e liberación posterior en alta mar do animal, coa esperanza de que atope a manda onde integrarse. Unha esperanza de vida que se esgotaba no interior da ría.
Membros da CEMMA e voluntarios da SGHN participamos no rescate. Levamos ó pequeno golfiño todo o lonxe que as posibilidades da embarcación permitía. E marchou con aparente forza cara ó mar aberto.
Desexamos agradecer ós colaboradores que sempre nos brindan a súa axuda e que neste caso puxeron a nosa disposición a embarcación necesaria para a liberación.










Etiquetas:

4.8.09

A nosa tartaruga “BONITA”, morreu.

"BONITA", a Tartaruga mariña común (Caretta caretta) que ingresou na UCI da SGHN-CEMMA, o 27 de xuño, morreu a finais de xullo, sen poder superar a delicada situación na que se atopaba
Fora recollida no mar, aboiando nas olas do Atlántico a máis de 450 millas da costa galega.
Aínda coñecendo que centos de tartarugas morren cada día nos nosos mares e que nin tódalas boas mans do mundo bastarían para salvalas, cada un dos intentos para sacar adiante un só deses animais é un proxecto íntegro en si, no que se involucran moitas persoas, xentes dignas e compasivas que poñen o mellor de si mesmas para que a tartaruga volva ó seu medio.
Desde aqueles que a recolleron das augas, ós que a transportaron ata a nosa UCI, ata os que cada día a curaron, limparon, alimentaron con tenrura e dedicación. A todos eles, a pesar da nosa mágoa e por riba dela, queremos darlles a grazas.
---------------

Etiquetas:

PEIXE MOMO (Cetorhinus maximus) – na costa de Lugo.

O 30 de xuño rexistrouse o primeiro aviso da súa presenza. Durante dez días máis esta quenlla chamada en Galicia “Peixe momo” (Tiburón Peregrino en castelán), percorreu as augas costeiras do coñecido como Golfo do Masma, máis ou menos entre Burela e Ribadeo. Procuraba o alimento nun mar case quedo, rico en plancto, navegando lentamente, mentres filtraba os elementos en suspensión.

O Cetorhinus maximus é o segundo peixe máis grande do mundo trala Quenlla Balea (Rhincodon typus) que ostenta o primeiro posto e que se atopa protexida desde o ano 1999, unha protección que o Momo non conseguiría ata o ano 2005. Unha xustiza que chegou tras séculos de intensa pesca que minguou considerablemente as poboacións deste animal fermoso e inofensivo, xa que practicamente podería dicirse que os seus dentes son case inexistentes.

A presenza desta quenlla na costa de Lugo causou gran expectación. Nun principio foi medo ou preocupación polo seu tamaño (case cinco metros de lonxitude) e polo descoñecemento ante cal podería ser a especie. Despois, identificado como Momo, o “pallaso” inofensivo e tranquilo que percorre as augas fronte os brancos areais desa costa concorrida do verán, pasou a ser unha atracción máis para os visitantes da zona, fachendosos por contar con esa presenza tan significativa e especial dun Peixe momo patrullando as augas pouco profundas de ata catro concellos lugueses.

Membros da CEMMA e voluntarios da SGHN participamos na súa identificación. Disfrutamos coas imaxes impagables da magnífica figura da quenlla baixo a auga e daquela aleta que destacaba no espello da augas. Tan curiosa coa nosa presenza como nos coa dela.

Así como apareceu, foise de súpeto. Este animal aínda moi novo, emprenderá cando chegue o inverno, unha migración oceánica excepcional, mergullando a máis de 200 metros de profundidade, rumbo ó Caribe e, quen o sabe!, volverá outro ano para alimentarse nas augas tranquilas do norte da nosa comunidade.
---------

Etiquetas: