"MUSEO DE HISTORIA NATURAL" da Sociedade Galega de Historia Natural
O "MUSEO DE HISTORIA NATURAL da Sociedade Galega de Historia Natural se atopa na cidade de Ferrol (Galicia). A SGHN é unha Entidade Científica sen ánimo de lucro fundada en 1973, inscrita no Rex. Nacional de Asociacións co nº 584918 e rexistrada no folio 11 das Asoc. Protectoras do Medio Ambiente (Xunta de Galicia)Nº AO/C-000/382 do Rex. de Asoc. Culturais Galegas. Membro do Consello Galego de Medio Ambiente. Incluída no Rex. de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia co número 2009/0110.
28.1.07
26.1.07
¡UNHA PISCIFACTORÍA EN PONZOS! – (26 – xaneiro-2007)
A Xunta de Galicia deu a coñecer o borrador do Plan Galego de Acuicultura, cun total de 3.360.000 metros cadrados de superficie, que cumpre con tódalas normativas medioambientais e urbanísticas vixentes e que substitúe ao polémico Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, deseñado polo goberno anterior, que ofrecía vinteún espacios cun total de 2.800.000 metros cadrados, oito deles situados en terreos da Rede Natura.
Os que coñecemos e disfrutamos a praia e o entorno de PONZOS, somos conscientes de que o seu maior valor é esa salvaxe pureza, afastada non se coñece como, do avance do urbanismo aínda que non das feridas que lle marcou unha torpe e inexplicable concentración parcelaria, deseñada supoño dende a ignorancia. ¡Cómo imaxinar que unha administración consinta en converter toda esa beleza paisaxística e ese valor ecolóxico nunha macro edificación de formigón, tanques, tubos, canalizacións, bombas e productos químicos, una industria que como tal, para producir consume e contamina, ben sexa con detritos, residuos alimenticios, clorito e outros elementos químicos ou calquera outro elemento!.
Dende a SGHN, esperamos e desexamos que a Xunta non consinta tal e non só preserve a zona senón repare os danos que anteriores administracións causaron nela.
Etiquetas: Delitos ecolóxicos e alegacións
25.1.07
Chlamydoselachus anguinus – Unha quenlla prehistórica – (25-01-2007)
O día 25 de Xaneiro os medios de comunicación dedicaban texto e fotos á aparición dunha quenlla que foi recollida, aínda viva, polo persoal dun parque acuático en Xapón. O animal, que a prensa describe acertadamente como “similar a unha anguía e con dentes moi afiados, igual a un fosil vivinte”, pertence á orde do Clamidoselácidos e efectivamente, e polo momento, é a quenlla máis primitiva que existe. Chámase Tiburón anguía (Chlamydoselachus anguinus) e vive a grandes profundidades. O “Museo da Natureza” da SGHN dispón de tres exemplares desta especie, dous machos e unha femia. Os dous primeiros proceden do caladoiro do Canto e a segunda, máis grande (preto de 170 centímetros) foi atopada no Caladoiro da Selva.
O escaso espacio expositivo que dispoñemos imposibilita amosar os tres animais, polo que o visitante pode ver tan só un deles nunha urna de metacrilato, mentres os outros dous esperan conxelados tempos mellores.
Esta especie ten unha única aleta dorsal moi retrasada e posúe uns dentes tricúspides. As ringleiras de dentes están soldadas ao cranio do animal, característica co diferencia do resto das quenllas. Pare as súas crías vivas. Nembargante, descoñécese moitos datos da súa bioloxía.
En Galicia viven preto do noiro continental, entre os 600 aos 1.000 metros de profundidade. Aliméntase doutros peixes e os ollos son luminiscentes, unha constante naqueles animais que viven en hábitats abisais.
En castelán chámase Tiburón de Gorguera, un nome que fai referencia ás fendeduras branquiais que posúe, en número de seis e cun aspecto de colo plisado.
Etiquetas: Museo da Natureza, Peixes e Quenllas
CO TEITO SOBRE A CABEZA – (25-xaneiro-2007)
Hoxe caeunos outro cachiño de teito na biblioteca. Non aguantou a forte chuvia destes últimos días e veuse abaixo deixando outro burato máis para que a auga entre libremente. Neste caso pódese ver un anaco de ceo a través do estragado tellado. Caeu pola noite, cando non había ninguén e pola mañá apareceron os restos sobre o chan, coma un agasallo.
Xa son tres as esquinas desaparecidas, unha máis e o seguinte podería ser a traca final da caída do teito enteiro. E entón, e sempre que siga a caer pola noite, para que non dane a ninguén, poderíamos poñer os telescopios cara ao ceo e facer astronomía dende a mesma biblioteca.
Etiquetas: Museo da Natureza
22.1.07
“CAMARIÑAS” – Lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) – (21-xaneiro-2007)
Aínda non nos tiñamos recuperado da morte de INSUA a primeira foquiña deste ano, ocorrida o día 20, cando o 21 pola mañá, recibimos o aviso da CEMMA da aparición doutro lobo mariño na cala coñecida como Arnela, preto dos tubos de desaugadoiro dunha piscifactoría, onde foi recollido polos membros de Protección Civil de Camariñas. Desprazámonos ata o posto onde agardaban co animal, un macho de 86 centímetros de lonxitude. Nesta ocasión, afortunadamente, os problemas de saúde do animal son reparables. Trasladado á UCI da SGHN en Ferrol, onde recibiu a primeira asistencia, o seu estado permitiu incluso darlle algo de comer, auga e descanso ata o día seguinte, no que recibirá tratamento veterinario da CEMMA. A foca CAMARIÑAS comparte espazo na UCI con LUME a tartaruga mariña, unha veterana que leva con nos case dous meses.
Etiquetas: UCI Lobos mariños e focas
21.1.07
20.1.07
“INSUA” – Lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) – Primeira foquiña do ano
O día 19 de xaneiro recibiuse un aviso da CEMMA comunicando a aparición dun lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) en Punta Insua (Carnota). Dende a SGHN desprazámonos ata o lugar para facernos cargo do animal, recollido na praia por membros de Protección Civil. Este é o terceiro aviso da aparición dunha foca nas costas de Galicia neste ano, se ben nas outras dous ocasións os animais non arribaron a terra. Da boca do animal colgaba un fío de tanza que puidera pertencer a un anzol de palangre e que non presaxiaba nada bo. Cando chegamos á UCI de Lobos Mariños da SGHN ás 24:30 horas do Venres, comprobamos que o lobiño, unha femia de 83 centímetros de lonxitude, efectivamente inxerira un palangre e que este non se atopaba na cavidade bucal, polo que non había posibilidade de extraerlle o anzol sen cirurxía.
Todo o proceso transcorreu en menos de quince minutos, extraéndolle o obxecto e cerrándose as incisións sen incidencias. Rematada a operación as constantes vitais do animal baixaron súbitamente pese aos esforzos veterinarios por reanimalo.
INSUA morreu na mañá do sábado 20 de xaneiro.
Etiquetas: UCI Lobos mariños e focas
14.1.07
6.1.07
"LUME" Tartaruga mariña común (Caretta Caretta) - En tratamento (4-xaneiro-2007)
Empezamos o ano coa nosa paciente "LUME". A tartaruga segue a boa evolución, aínda que moi lentamente. Require dun tratamento veterinario intensivo, que permita unha perfecta rexeneración da pel. Mantén moi bo apetito e a todos parécenos vela crecer día a día. Certo é que o seu peso aumentou considerablemente neste tempo de recuperación o mesmo que a forza con que move as aletas e nada tralo peixe.
Etiquetas: UCI Tartarugas mariñas