20.1.07

“INSUA” – Lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) – Primeira foquiña do ano



O día 19 de xaneiro recibiuse un aviso da CEMMA comunicando a aparición dun lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) en Punta Insua (Carnota). Dende a SGHN desprazámonos ata o lugar para facernos cargo do animal, recollido na praia por membros de Protección Civil. Este é o terceiro aviso da aparición dunha foca nas costas de Galicia neste ano, se ben nas outras dous ocasións os animais non arribaron a terra. Da boca do animal colgaba un fío de tanza que puidera pertencer a un anzol de palangre e que non presaxiaba nada bo. Cando chegamos á UCI de Lobos Mariños da SGHN ás 24:30 horas do Venres, comprobamos que o lobiño, unha femia de 83 centímetros de lonxitude, efectivamente inxerira un palangre e que este non se atopaba na cavidade bucal, polo que non había posibilidade de extraerlle o anzol sen cirurxía.

O lobo mariño se atopaba moi delgado, cun peso duns 14 quilos. Facilitámoslle soro e o deixamos descansar mentres esperábamos as indicacións dos veterinarios da CEMMA. Á mañá seguinte se determinou que se precisaba unha radiografía para coñecer exactamente a situación do anzol. Na imaxe veíase perfectamente o metal duns cinco centímetros de longo aloxado no estómago. A perigosa situación do anzol e as condicións do animal levaron a os veterinarios da CEMMA a tomar a decisión de intervir quirúrxicamente para extirpar o obxecto, unha operación a vida e morte, tendo en conta a dificultade que supón calquera tipo de intervención quirúrxica nun pinnípide e nun mamífero mariño en xeral.
Todo o proceso transcorreu en menos de quince minutos, extraéndolle o obxecto e cerrándose as incisións sen incidencias. Rematada a operación as constantes vitais do animal baixaron súbitamente pese aos esforzos veterinarios por reanimalo.
INSUA morreu na mañá do sábado 20 de xaneiro.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio