30.10.08

OS OSOS DA DESVENTURA. Oso morto ás portas de Galicia

Atropelado na autopista A-6 á altura de Trabadelo, sentido a Galicia. Non hai indicios de que forzara o valado protector, polo que é posible que entrara por un dos accesos á autovía. É a víctima máis dolorosa da mala xestión das estradas no noso país, nas que non se pon esforzo suficiente para acondicionar pasos para animais salvaxes.
Trázanse liñas que atravesan a paisaxe, feridas abertas que se converten en cárceres para a fauna, por non ampliar o presuposto contemplando máis túneles e máis pasos de fauna.
Foi no quilómetro 417 ou no 418, nos que parece morreu o animal, a súa tumba cando tentaba cruzar dun macizo a outro nesa esperada e desexada expansión do Oso pardo. ¡Tanto tempo e tantos esforzos para conseguir que a terra galega sexa apetecible ó gran mamífero!, o mellor expoñente da nosa fauna que foi esquilmado durante séculos de ignorancia e brutalidade estatal e social.
A impotencia do camioneiro, que veu desolado o resultado do infortunado accidente, o fago meu que tantas veces fago ese camiño despois de xornadas de camiñar polo monte en terras de osos.
Era un macho novo, duns tres anos e 90 quilos de peso. Explorador atrevido de novas e prometedoras terras onde vivir. E case o consegue para a nosa satisfacción por ter finalmente os propios osos, afincados na aterra galega de onde nunca deberon deixar de vivir.
Cruzar León rumbo a Galicia, lles está custando a vida a estes osos viaxeiros. Nesta ocasión foi a mala fortuna que cruzou ó animal co camión na madrugada, pero nun caso anterior aínda moi presente, foron as malas artes dun malnacido, que o esperou agochado no camiño, a pouca distancia da fronteira e lle disparou ata matalo, deixando o corpo abatido na senda. Un cazador, coma sempre, con dereito a matar que nin tan sequera pagou polo que fixo á sociedade, aínda que espero co pague á natureza do xeito que esta lle impoña. Co seu acto, tan asasino como outros castigados coa cárcere, puxo fin ó esforzo da vida por recompoñer as malas artes dos humanos e ó de tantas persoas nobres que están a loitar pola supervivencia dos plantígrados.
Hoxe a tristura invade o bosque galego, porque cada oso que morre é unha parte da nosa identidade a que se perde. Yosy
-----------

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio