O HOME E O OSO - ¿QUEN? (Noticia de prensa: Oso pardo morde a cazador no Pirineo catalán
As autoridades poñen a guinda desculpando a actitude do oso por si sofre algunha ferida que xustifique o segundo eles, comportamento violento. A propia Xeneralitat pide calma e reflexión para que non se actúe en quente mentres o goberno aranés sinalou que considera prioritaria a seguridade das persoas na montaña "por riba da convivencia cos osos que se puxo en dúbida dun xeito incontestable" engadindo a esixencia da retirada de tódolos exemplares de osos del Val de Arán.
¡Pobre osa víctima da manipulación dos gobernos, que a condenaron a malvivir entre a depredación do home!. Porque ninguén entre tanta redacción culta e responsable, pon en dúbida a actividades dos cazadores e a conveniencia ou non de que campen libremente no territorio común de animais e eses outros humanos que sufrimos con pouca resignación a presenza de humanos con escopetas e dereito a matar ó noso redor.
É unha novidade que un oso ataque a un humano, segundo eles. Afirmación que non quero discutir e nin sequera suscitar, pero o que non é novo é a cantidade de chamémoslle “accidentes” que ocorren cada día entre os matóns que saen ó monte a destruír o que outros tratamos de conservar, sempre co consentimento da Administración, que pon máis esforzo en conceder licencias e protexer a unha importante e potente fracción da sociedade que lles da votos.
Un tema social pendente que levamos nas nosas costas, porque non hai arreos para enfrontarse a el. Empezar a ensinar á poboación a deixar a un lado dunha vez por todas os restos que caracterizan ó home primitivo, que precisa predar para subsistir, nunha sociedade que ten o bocadillo da mesa e a pota chea, polo que a caza xa non é unha necesidade, senón un vicio que nace da agresividade.
Ninguén cuestiona que cada vez que un cazador fere a outro home no monte, haxa que extinguir a todo o que porte armas e por suposto ninguén pide o seu pescozo, a pesar de que os cazadores non están en extinción. ¿Cando crearemos homes xustos que dediquen o seu tempo a coidar da súa familia e do seu entorno e non asasinos con licencia?.
Ante toda esta movida, non deixo de sentirme na pel do plantígrado, camiñando polos montes nos que o confinaron á forza, agochado trala vexetación mentres escoita os movementos dos homes e os disparos. ¿Cal é a terra prometida para un oso?. ¿De quen é a terra se non é de todos?. De quen ten as armas e o dereito de vida dos outros. ¿Poderíamos legalmente discutirlle que se revolva contra a inxusta realidade, ó que segue a ser o rei das montañas?. O osa camiña cara a ningunha parte nun territorio comprado e ocupado. O home grita e logo a loucura en quen foi masacrado e perseguido e que finalmente se revolve contra o inimigo. Non é a primeira vez nin será a última. Noutros territorios con máis presenza de osos non é alleo o conflicto e ata a confrontación física, pero se asume como un risco máis da vida diaria e nin tan sequera sae á luz nos medios. Cando no Pirineo se extinguiu o oso se fixo a conciencia, pechándolle a porta a toda posible reinserción. Non se explica doutro xeito ante a movida ocasionada no incidente co cazador, alguén que está a realizar unha actividade violenta que implica unha mesma resposta do medio. ¿O é que cando sae ó monte cada un destes homes armados non pensa que pode ter un incidente cun porco bravo, cun cervo ou calquera outro animal que vai ser a súa víctima?.
Dubido da atribuída “honradez” do home escopetado, que deixou seguir o camiño do oso. Na súa cabeza xa se viu co morto ás costas, presumindo da captura dun oso. ¡O cazador que se sinte vivo e forte coas mans manchadas de sangue!. E quen no recorda a outro vello político coñecido en todos os cotos, que refuxiaba as súas carencias no fogo da escopeta. Xa retirado, aínda mo recordan enchéndome de vergoña, cando saben a miña orixe galega en Palencia, Cantabria ou calquera outra comunidade onde o político paseou a escopeta.
Os osos, eternos inimigos do poder na historia, que disfrazou nomes de pobos e comunidades para ocultar o seu medo ó plantígrado, a quen identificou co maligno, foi ó longo da historia ese ser controvertido e poderoso que nembargante conviviu cos humanos, observándoos e, ¡quen sabe!, adiviñando a natureza, as veces indigna, outras magnífica do ser humano.
Etiquetas: Delitos ecolóxicos e alegacións, Medioambiente e ecoloxía
0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio