16.8.07

Un OSO na beira da estrada – (Agosto 2007)


Apareceu nos primeiros días do mes de agosto, tirado no bordo dunha estrada secundaria do Concello de Foz, entre o lixo que alguén deixou nunha escombreira que os galegos facemos con tanta frecuencia nos montes. Podería levar alí uns cantos días xa que o cadáver iniciara xa a descomposición. Ulía fortemente e o Concello decidiu darlle sepultura case no mesmo lugar, mesturado co lixo e cos restos do entullo.


A noticia saíu na prensa neses días e logo caeu no silencio. Que facía un oso na costa luguesa?. Que triste maneira de acadar para semellante animal e para calquera!.
Deixo para outro lugar e tempo relatar os diferentes pasos que seguimos dende a SGHN para poder recoller o corpo e traelo para Ferrol, aínda que si aproveitamos para agradecer ás diferentes autoridades as facilidades que nos deron en todo momento. Tivemos que acudir dende a o Concello de Foz ata a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pasando polo SEPRONA e por uno dos técnicos que actualmente traballan na nosa comunidade no estudio do Oso Pardo.


Porque esa era unha posibilidade, xa que as noticias que nos chegaban falaban dun animal de gran tamaño, algo que quedou descartado nada máis atopar o cadáver.
O oso está nestes momentos nunha sepultura controlada, esperando que o tempo nos deixe comprobar o seu esqueleto limpo, que primeiro nos aportará datos concluíntes sobre a súa determinación e a vida que levou, para logo formar parte do noso “Museo da Natureza”.
Cando levantamos a terra e deixamos a descuberto o corpo, cunha pelaxe que caía en guedellas nada máis tocala, atopamos un osiño macho, máis ben pequeno, lonxe do anunciado gran animal.


Determinouse provisionalmente que se trata dun OSO NEGRO ASIÁTICO (Ursus thibetanus ou Selenarctos thibetanus), chamado tamén Oso do Himalaya e Oso Lunar, animal orixinario dos bosques de Asia Oriental, especialmente das zonas de montaña. Cunha lonxitude máxima de 1,9 metros no macho e un peso máximo tamén de 200 quilos. Animal áxil que trepa con facilidade ás arbores, a gran altura onde descansa frecuentemente. Mantense máis tempo que outros osos en posición bípede, algo que desafortunadamente motivou que fose utilizado para espectáculos e circos.

E esa é moi probablemente a orixe deste oso. Algún dos circos que durante o mes de xullo pasaron pola Mariña lucense. Triste vida a destes animais, cuxa vida transcorre prisioneira en gaiolas e sufrindo malos tratos e violencia para que, vestidos con ridículas roupaxes, bailen sobre patíns e monten en bicicletas para a diversión dos humanos. Carentes de coidados, hixiene, atencións e vida digna para a súa especie, cando xa non lles serven para o entretemento acadan os seus días vendidos a cotos de caza para que os matóns de campo adestren os seus penosos instintos, en zoolóxicos cutres e de calquera outra ruín maneira.

Igual de miserable é a vida nos seus países de orixe, xa que en todos eles sofren persecución, especialmente en China, onde o seu corpo se utiliza na menciña tradicional. Os chinos manteñen a estes animais en gaiolas de tamaño minúsculo, como se fosen galiñas poñedoras, sacándolles cada día en vivo parte da vesícula biliar. Nalgúns outros países como Pakistán, chegaron a utilizarse en pelexas con cans de presa.

A dura relación destes animais co home unido á ameaza que supón a perda de hábitats pola alteración das masas boscosas fixeron do Oso Negro Asiático un animal en perigo, considerado pola IUCN como “VULNERABLE” e EN PERIGO CRÍTICO” a subespecie ursus Thibetanus ssp. Gedrosianus de Irán e Pakistán. Figura tamén no Apéndice I do CITES dende 1979.
O feito de que este animal procedera dun circo non aparta a súa importancia como especie protexida e aínda que lamentamos que no noso País non haxa unha regulamentación que limite as actuacións do circo con animais, as regule e controle, a lo menos esperamos que se aclaren as circunstancias da súa morte e orixe concreto deste pobre animal que rematou nunha toxeira mesturado co lixo, nun eucaliptal da nosa Comunidade.
(Texto: Yosy)

Etiquetas: ,