11.6.08

BEN FEITO: Pan galego de Lugo

Habería que darlle un premio ao mestre panadeiro que fixo esta obra de arte. Aí o tedes fotografado enriba dun cepo de carballo centenario, no máis profundo do bosque de Ancares, formando parte da natureza mesma.
Pan da montaña luguesa, amasado cunha mestura de trigo e centeo, con auga limpa e pura que non veu tratamentos químicos e forneado con leña.
A piques estiven de non partilo e deixalo alí, formando parte do entorno, pero era máis forte o desexo de sentilo na boca, con a súa miga compacta e algo húmida, pola que non pasan os días, mantendo o sabor e a textura durante xornadas.
Non sei moi ben onde se coceu, As Nogais, Doncos, Noceda … pero eu o merquei en Pedrafita, onde foi transportado como un tributo. O levei, envolto e protexido sobre as costas, esperando o momento de sacalo á luz e deixei que fose longo o camiño ata atopar este altar do sacrificio, para ofrecelo a o bosque.
Recordei entón a aquel amigo, que cando chega o momento de facer alto na ruta, abre a súa mochila e deixa brotar dela unha inmensa barra de pan, branca e esfameada, das que se fan terras afora de Galicia. Séntase co premio e antes de calquera outro movemento, parte o cornecho da punta e o bota na espesura para compartir o seu cobizado botín co monte que lle rodea e só entón permítese abrir o prezado corpo para aderezalo con outros engadidos.
Debera eu facelo mesmo co meu tesouro?. E mentres dubidaba en como meterlle o coitelo e facía contas sobre o reparto, un raio de sol filtrado entre as follas acariciou o meu pan, dándolle unha cor dourada. Pareceume nese intre que todo o bosque facíase dono da barra feita arte e o medo apoderouse de mín.
Collín o pan e botei a camiñar, lonxe do dominio das árbores, buscando as alturas máis protectoras, e alí como un animal famento, como o lobo co seu botín, dedíqueme a saborear a xoia de fariña, dunha a outra punta, recordando as miñas derradeiras viaxes cara ao sur e cara ao leste, sen pan de verdade, o auténtico pan galego.
-----------------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio