27.12.07

A SGHN-FERROL DEMANDA UNHA MORATORIA PARA O TRANSVASE DO EUME CARA O OCO DA MINA DE AS PONTES – (26 decembro 2007)


A Delegación de Ferrol da SGHN demanda da Consellería de Medio Ambiente unha moratoria para o comezo do transvase da auga do río Eume ao oco da Mina de As Pontes. Os baixos índices pluviométricos deste outono deixaron os caudais dos nosos ríos en niveis alarmantemente baixos, e nesta situación é evidente que non se podería respectar o caudal ecolóxico do río Eume, de seguir as previsións de enchido propostas no documento “Pronóstico sobre la calidad del agua final de As Pontes durante la fase de llenado”, que forma parte do proxecto presentado por ENDESA GENERACIÓN S.A.

Por outra banda, de non seguirse estas previsións, non se cumprirían os obxectivos perseguidos en canto ao volume de cargas ao final do enchido, que xa amosaban de partida serias dúbidas en canto á súa viabilidade para acadar unha calidade de auga do lago final aceptable.

As administracións competentes deberían reflexionar sobre esta cuestión, xa que unha vez enchido o oco, ENDESA desentenderase da xestión do espazo resultante, e dos posibles problemas que nel se xeren, quedando toda a responsabilidade para a administración autonómica, que deberá responder dos danos producidos no ambiente e nos bens públicos e privados.
------

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio