7.8.06

Foca de Capelo "CABEIRO"


"CABEIRO” é a terceira foca da tempada de verano. Como case tódolos anos, nos meses de xullo e setembro se achegan as nosas costas as focas de Capelo, procedentes das augas árticas de Groenlandia e Terranova. Trátase de exemplares xuvenís paridos entre as placas de xeo que flotan á deriva. Os partos acontecen a finais de marzo, por iso os exemplares que atopamos teñen escasamente entre catro e seis meses.
O pasado día 5 de agosto do 2006 a CEMMA (Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños) recibe un aviso de Emerxencias 112 pola presencia dunha foca varada viva na praia de Cabeiro no concello de Porto do Son, na marxe sur da ría de Muros. O animal se atopaba nas dunas, tentando escapar da xente que o rodeaba e deshidratándose moi rapidamente por mor do tremendo calor que se rexistraba. Estes factores unidos á debilidade extrema despois de haber atravesado o Atlántico cunhas lesións serias na cadeira, producidas por un ataque de Negrón, en castelán “Orca bastarda” (Pseudorca crassidens). Estas circunstancias xogaron na nosa contra, complicando moito a súa recuperación xa que os danos eran irreversibles. A atención na praia recibiuna dun compañeiro da CEMMA que se desprazou dende Noia para asistila mentres a unidade móbil da Coordinadora chegaba ata o lugar, tentando protexela do sol directo e da presión humana. Aproveitamos para recordar que facer se nos atopamos cunha foca viva: Primeiramente chamar ao teléfono de EMERXENCIAS 112 para activar o operativo de rescate, a continuación evitar que a xente se aproxime demasiado, tanto para evitar que o animal salvaxe puidera trabar a alguén como para aliviarlle o estres pola presencia da xente. É moi importante tentar arrefriala con auga e facerlle sombra cunha toalla ou calquera obxecto utilizado a tal fin. Estas medidas poden salvarlle a vida a unha destas focas que proveñen das augas árticas de Groenlandia.
“Cabeiro” trasladouse aínda con vida ata a Unidade de Coidados Intensivos para lobos mariños da SGHN de Ferrol. o transporte realizouse nunha caixa especial acondicionada con xeo para tentar baixarlle a temperatura e facerlle máis doado o longo viaxe ata Ferrol. Xa nas instalacións da UCI, na SGHN, se procedeu a estabilizala, arrefriándoa e hidratándoa, procedendo tamén a limpar e desinfectar as feridas do animal que se atopaba moi cansado cun cadro clínico de hipertermia. Finalmente se lle deixa dencansar ata o día seguinte. A primeiras horas da mañá “CABEIRO” aparece morto nas instalacións da UCI .
O tratamento foi en todo momento o axeitado, tendo en contra a diferente bioloxía destes animais e a súa vital necesidade dunha temperatura baixa, pero o seu estado de saúde era irreversible e fixo imposible a súa recuperación.En canto a situación da outra foca, “SEIXO”, recollida o día 30 de xullo, a súa evolución é favorable. Nestes momentos se alimenta sen axuda e xa non precisa medicación. Ten moita enerxía e vitalidade, tal é así que xa temos data prevista para a súa repatriación ata Terranova, probablemente os 11 ou 14 de agosto, trasladada nun barco fletanero que se prestou a colaborar no noso traballo.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio