Chegou á UCI de lobos mariños e tartarugas da SGHN o día 22 de novembro de 2006, cunhas profundas feridas nas aletas anteriores e na cabeza. Dende entón pasaron 298 días, nos que LUME tivo que sufrir curas diarias nos primeiros meses, que afortunadamente fóronse distanciando ata sucederse na recta final, dos veces á semana. O animal foi crecendo mentres tanto, de algo máis de dous quilos que pesaba cando chegou ata nós, pasou aos 6,8 que pesou este mes de setembro. Por elo foi cambiando a súa casa, desde o primeiro recipiente de 800 litros até o de 3.000 no que actualmente nada. Moitos coidados e preocupacións por sacar adiante a un animal que pertence a unha especie en situación delicada no mundo. A Tartaruga Mariña Común (Caretta caretta) sofre como ningún outro habitante do mar a depredación humana en forma de redes de pesca. Millares de tartarugas morren a causa das capturas accidentais ao que se une o delicado momento no que as femias saen as praias para deixar as súas postas de ovos, tanto para estas como para as crías na eclosión.
Son moitos os compañeiros que rodean a LUME para raspar as súas feridas e desinfectalas, cambiarlle a auga e quentala cando os días son fríos, comprar a comida máis axeitada e darlle o alimento cada día, preocuparse de que a luz sexa a adecuada a cada hora do día, pesala para comprobala súa evolución ou visitala sen máis. Nove meses, coa esperanza de que un día recuperara a liberdade e todos eles puidesen presencialo.
Ese día achégase. Temos xa data para que LUME volva ao mar. O próximo día 22 de setembro levaremos a nosa tartaruga ata O Grove, onde embarcará no “Nauja” que a levará ata a corrente do Golfo para que atope con facilidade a ruta das tartarugas e un día recupere as súas augas do Caribe.
Estas fotos son case as derradeiras en catividade, as seguintes van ser a bordo dun veleiro ou nadando no océano.
Etiquetas: UCI Tartarugas mariñas
<< Inicio