6.5.07

Manifestación contra a DEGRADACIÓN DO TERRITORIO – Santiago 6 de Maio de 2007

Celebrouse en Santiago a manifestación convocada polos colectivos ecoloxistas que figuran a continuación, entre os que se atopa a SGHN.

Ademais de contar co apoio de galegos ilustres como Darío Xohan Cabana, Manuel Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Gustavo Luca de Tena, Suso de Toro, Margarita Ledo, Antón Seoane, Marilar Aleixandre, Fon Román, Antón Santamarina Fernández, Francisco Fernández Rei, Francisco Sanpedro, por citar só uns poucos nomes entre os máis de cen firmantes.
Coa consigna “Galiza non se vende. Terra viva e vida digna para tod@s”, quería facer unha chamada de atención pola conservación da paisaxe e os valores naturais de Galicia.
Tras partir da Alameda e percorrer as principais rúas de Compostela, rematou na Praza da Quintana, onde a actriz Mabel Ribera leu un comunicado final no que se pedía:
. A implantación dunha nova cultura do territorio que poña límites á artificialización irreversíbel do territorio, que procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, que non destrúa as nosas mellores paisaxes, que free a especulación inmobiliaria, que facilite o acceso a unha vivenda digna, que mellore a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade.
. O cumprimento da lexislación vixente.
. Unha nova Lei de Ordenación do Territorio fundamentada na protección dos valores sociais, ambientais e culturais do territorio galego, cuns modelos de planeamento que teñan un marco de referencia supramunicipal. Unha nova lei que, partindo da protección de todo o solo non urbanizable, estableza a obriga de demostrar a necesidade e racionalidade de modificar esa protección polas necesidades de crecemento dos núcleos de poboación e na que desapareza o axente urbanizador.
. Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral.
.
Protección efectiva dos espacios naturais e ampliación das figuras de protección ambiental. Definindo claramente os lugares protexidos e creando corredores ecolóxicos, pontes de vida que permitan manter ecosistemas dinámicos e interconectados.
. Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio.
. Responsabilidade e concienciación ás persoas que habitamos esta terra.
---

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio