10.4.07

O turismo mal entendido e a destrución (Abril 2007)


O pobo da foto chámase Pola de Somiedo. Nel atópase o Concello deste lugar privilexiado que non por ter recoñecementos suficientes, está libre de que se fagan barbaridades urbanísticas como as que se poden ver na instantánea. Este novo afán construtivo nesta terra, ten poucos anos de vida. Nos primeiros tempos, Pola respectou o estilo arquitectónico da montaña asturiana, pero foi a partir dos últimos cinco ou seis anos, cando empezaron a medrar grandes edificios destinados todos eles ao turismo. Non dubido que a calidade da construción sexa inmellorable, pero rompeu para sempre a personalidade do pobo. A isto temos que engadir que a apertura de moitos locais de ocio nocturno remataron o silencio das noites e a tranquilidade, e por outra banda trouxo outro tipo de “xente”, máis amante da botella que da montaña.
Este ano a desfeita se nos amosa desta guisa. As construcións chegan ao río. Un couce que non se respectou, como se pode apreciar na foto e se saltou a protección das marxes que marca a lei. ¡Mágoa das terras que se degradan!, porque son xa irrecuperables. Os que amamos Somiedo, pasamos xa por Pola como de puntillas e seguimos adiante, buscando os auténticos pobos somedanos, cheos de casiñas fermosas que conxugan o turismo e a beleza. As veces, a avaricia destrúe máis do que produce. Para que non nos quede esa mala imaxe do que non se debe facer na construción, deixamos outra da fermosura de Somiedo.



Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio