2.4.07

REGASIFICADORA. Cando unha Ría morre


Dende o peirao de Curuxeiras, vese perfectamente a silueta redonda dos tanques do que vai ser a regasificadora de Ferrol.
En realidade, se bordeásemos a sufrida ría, case que estas instalacións vense dende todos os puntos, e onde non, se adiviñan. Quizais porque na mente de todos se evidencia que os efectos de calquera actividade que se realice nesta industria, van afectar aínda máis lonxe do que abrangue a vista.
Neste planeta, no noso País, na Comunidade Galega, están a tomarse cada día decisións erróneas, equivocadas, sobre a xestión do medio. Algunhas máis graves ca outras, pero a de decidir a construción dunha regasificadora de gas licuado na Ría de Ferrol é dun calibre difícil de superar, tanto que seguramente a maioría dos cidadáns aínda non nos decatamos do seu significado real e do seu alcance.
Pero, que esperábamos da historia da nosa cidade e da sorte desta ría maltratada e desatendida, que non mereceu nunca as falcatruadas recibidas. Moitos foron os que desexaron un “desenrolo económico”, obviando que o seu maior mérito é a propia beleza e o valor ecolóxico con que foi dotada e que entre todos fomos minando, así que o da gasificadora é a guinda do desastre para poñer o pastel na mesa.
Se a urbe mira a obra do home arrogante de fronte, a outra banda, que sobrevive tras os tanques, xa non ten que mirar. Adiviño os seus ollos atónitos vendo crecer as moles redondas diante das súas casas, esperando que fose un mal sono.
Esta é unha loita do diñeiro contra un entorno e unha forma de vivir. A un lado o poderoso, a o outro o pobo, que se manifesta para que todos entendamos que supón esta terminal na nosa Ría. Os danos medioambientais e os perigos, máis que hipotéticos, son probables e reais.
O único positivo desta situación é presenciar a todas esas persoas que pelexan co seu coñecemento e coa súa palabra para evitar que esta loucura siga adiante. Neste caso é verdadeiramente unha loita desigual, xa que son moitos os intereses en xogo. Ninguén, no seu xuízo quere unha regasificadora preto da súa “casa”. Nin os que loitan para impedilo, nin os que ignoran o tema, nin os que o propician. A última palabra é do que ten o poder de decisión, desexemos que tamén posúa bo xuízo.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio