5.3.06

Lobo Mariño Cincento “SEIXAL” (Halichoerus grypus) - (5/03/2006)




Apareceu na praia do mesmo nome en A Garda (Pontevedra), na puntiña do territorio galego, case escapando para Portugal, o domingo 5 de Marzo. Ese mesmo día desprazarámonos a O Grove para trasladar a BURGO ata o Acuarium Galicia, onde pasaría os últimos días do seu restablecemento. Así que soltamos unha foquiña e retornamos con outra na mesma viaxe. Un compañeiro da CEMMA a trasladou dende A Garda ata o punto de contacto, unha estación de servicio da autopista, preto de Pontevedra. Alí esperaban tamén os veterinarios Josep e María, xa que nos avisaran de que o animal viña ferido.
Cando a tiñamos diante nos causou unha tenrura especial, ¡tan pequena e tan desvalida!. Preocupáronnos as feridas que presentaban as aletas posteriores, dous na aleta dereita que afectaba a outros tantos dedos e na aleta esquerda, entre a primeira e segunda falanxe tiña unha ferida aberta que seccionaba o tendón e deixaba parte do óso ao descuberto. A primeira atención a recibiu en plena autovía, na gasolineira, coa lóxica curiosidade de empregados e usuarios que non daban crédito ao que vían. Se lle limparon as feridas e se aplicou desinfectante. Inmediatamente nos diriximos co animal cara a Ferrol, ata a UCI para Lobos Mariños da Sociedade Galega de Historia natural, habitáculo que non estaba preparado para recibir un novo inquilino, tendo en conta que unhas horas antes outra foca o abandonara para ser trasladada a O Grove. Trala desinfección e preparación do habitáculo, instalouse a SEIXAL, que a pesar das feridas presentaba un bo ánimo e unha gran curiosidade, desprazándose pola estancia, pescudando canto a rodeaba e esa disposición fíxonos pensar que a súa recuperación sería posible, aínda que non rápida.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio