1.10.07

Un FÓSIL para o “Museo da Natureza”- (1 outubro 2007)


O “Museo da Natureza” conta cunha nova peza que enriquece a colección. Trátase dun cranio fósil dun cetáceo extraído do fondo mariño por pescadores de Cedeira. Estes restos recupéranse dos fondos de faena do caladoiro da Selva ubicado no bordo da plataforma continental, onde se atopa un dos xacementos paleontolóxicos máis importantes do mundo do campo da cetoloxía, pero escasamente estudado debido ás dificultades de acceso que supón a súa localización a máis de 500 metros de profundidade, o que fai imprescindible a colaboración dos pescadores para a investigación. Este é o segundo cranio da familia dos zifios que recibimos en menos dun ano. Recordemos que o anterior foi entregado no mes de outubro do pasado ano, constituíndo un destacado acontecemento xa que este tipo de achados son extraordinarios e que se trataba dunha nova especie de cetáceo descoñecida ata de agora pola ciencia e cuxo xénero Hyperoodon constitúe a primeira evidencia clara no rexistro fósil.
Neste caso, o exemplar que se atopa en excelente estado de conservación, ten tamén un importante valor científico, xa que é moi difícil atopar restos deste tipo en tan bo estado. Nun exame preliminar estimouse que se trata dunha especie de Zifio coñecida como Choneziphius planirostris, que viviu nestas augas no período mioceno, fai aproximadamente vinte millóns de anos.
O exemplar estudaranse en profundidade e posteriormente pasará a formar parte dos fondos expositivos do “Museo da Natureza”, enriquecendo os noso fondos.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio