Tartaruga Mariña “LUME” - ¡DE NOVO EN RUTA! – (22 setembro 2007)
Todos aqueles que colaboraron na súa recuperación durante estes, exactamente 304 días, desde o 22 de novembro do ano pasado, no que LUME chegou ata a UCI da SGHN, estiveron presentes na solta do animal en mar aberto.
Xunto coa nosa LUME, embarcamos no NAUJA, o emblemático veleiro fretado pola CEMMA para devolverlle a liberade á tartaruga e habitualmente utilizado pola Coordinadora para efectuar estudios de avistamentos en alta mar. Xunto a nós, os compañeiros da CEMMA, a tripulación habituada xa a estas viaxes, diferentes ás que levan turistas polas rías do sur e algún que outro medio de prensa coma a TVG e TELE-5 que recolleron coas súas cámaras o acontecemento.
Saímos cun ceo algo cuberto que a medida que viaxabamos cara a corrente do golfo, íase abrindo para rematar espido de nubes. A presencia de golfiños foi unha constante durante toda a viaxe. Na proa, sucedíanse uns a outros, posando ante as cámaras de fotos e causando emoción en moitos dos compañeiros que non tiveran a ocasión antes de navegar acompañados de golfiños comúns.
Dos voluntarios saltaron ao mar para facerlle máis doada a LUME a volta a casa. Mediadores entre a catividade e o mar libre, nadaron con ela ata que desapareceu baixo as escuras augas. Unha experiencia única nunha profundidade de máis de 300 metros para despedir a un animal que recibiu tantos coidados mentres estivo con nós.
Na viaxe de volta, unha caixa valeira descansaba na cuberta. Ao mirala non podíamos deixar de pensar en tantos días cheos de preocupacións e nunha certa tristura pola súa ausencia. O certo é que lle dimos unha segunda oportunidade que desexamos aproveite, crecendo mentres viaxa polo océano para un día chegar a ser un fermoso exemplar.
¡Boa sorte, Lume!.
Etiquetas: UCI Tartarugas mariñas
<< Inicio